2013: unha oportunidade para saírmos do labirinto lingüístico

Descartada a fin do mundo na data prevista polos maias, este 2013 entrou cun certo guión prescrito: correspóndelle ser un ano de inflexión –aínda máis– e no que se concretarán algunhas decisións importantes para a educación e para a lingua. Por unha banda no que atinxe á contrarreforma asociada á LOMCE e, pola outra, á saída necesaria ao conflito xerado polas sentenzas que declaran ilegal a cerna do discutido Decreto do Plurilingüismo.

O último borrador da Lei Wert pon de manifesto até que punto a finalidade desta norma non é corrixir o fracaso escolar e outros grandes éxitos da apocalíptica retórica educativa neoliberal

O último borrador da Lei Wert pon de manifesto até que punto a finalidade desta norma non é corrixir o fracaso escolar e outros grandes éxitos da apocalíptica retórica educativa neoliberal, senón aproveitar para darlle a volta a todo o que non encaixe no seu ideario. Xaora, a relixión e a cuestión lingüística estaban tardando. E aí estamos, confirmando como os asuntos lingüísticos permiten enlear a opinión pública, estratexia hooligan da que o ministro é un virtuoso, no canto de administrar sensatez no debate social.

Os asuntos lingüísticos permiten enlear a opinión pública, estratexia hooligan da que o ministro é un virtuoso, no canto de administrar sensatez no debate social

O segundo anteproxecto desta lei, lonxe de aproximar posicións, destapou a caixa dos tronos ao introducir temas, como o lingüístico, que non figuraban na relación de asuntos urxentes de obrigada mudanza. O novo texto -do que chama poderosamente a atención a intensa operación cosmética practicada no seu preámbulo- propón unha maior recentralización do currículo, relega as linguas propias a unha consideración subsidiaria mesmo da segunda lingua estranxeira, e introduce un inédito condicionamento aos modelos lingüísticos que, como o catalán, se sustentan na inmersión lingüística.

Non lles tremeu o pulso aos seus redactores para cominar á administración catalá á renuncia dun dos sinais de identidade de Catalunya -l'escola en català- construído ao longo de varias décadas, recoñecido polo seu carácter integrador e cuxos resultados académicos revelan un nivel de desenvolvemento das competencias lingüísticas para o castelán superior aos alcanzados noutras comunidades nas que esta é a única lingua oficial. E, tensando na corda, esíxese a súa reformulación baixo a ameaza  de cargar cos custos dunha nova oferta vehicular en castelán de carácter privado.

Descartada a falaz escusa de blindar o castelán por estar en perigo, só queda a opción ideolóxica e partidaria, consonte cun determinado modelo de estado

Descartada a falaz escusa de blindar o castelán por estar en perigo, só queda a opción ideolóxica e partidaria, consonte cun determinado modelo de estado, que prefire unha escola segregada a un modelo integrador que protexa a lingua propia coa finalidade da súa normalización. Nada do sucedido é orixinal, aínda recoñecendo o paradoxal que resulta este debate trinta anos despois. Se cadra pode valer para entender até que punto as tensións partidarias alimentan interesadamente unha liorta que, de respectarse a racionalidade pedagóxica e a aceptación social deste modelo, tería moi pouco percorrido. É, por iso, a expresión do fracaso dun xeito de entender a política: recrear vellos problemas no canto de procurar avances.

A sociedade catalá e a maior parte dos seus representantes políticos deixaron clara a súa oposición frontal. Pola contra, o goberno galego saudou a iniciativa dando por entendido que o que fai o ministerio é elevar a categoría de Lei a súa aposta polo “equilibrio lingüístico”, nunha fuxida cara a diante para non recoñecer as dificultades legais coas que finalmente tropezou o Decreto do Plurilingüismo.

O TSXG reiterou de maneira categórica a inexistencia dun dereito de liberdade de elección de lingua por extensión do dereito á educación

Nada menos que oito sentenzas a través das que se anulan dous dos artigos que constituíron parte principal da súa cerna -o 5.2 e o 12.3- e se desbotan os intentos de ampliar a outros ámbitos a capacidade das familias para decidir sobre o galego nas aulas e centros. O TSXG reiterou de maneira categórica a inexistencia dun dereito de liberdade de elección de lingua por extensión do dereito á educación, e declarou a responsabilidade da administración educativa nesa determinación, consonte co obxectivo de conseguir a igualdade de competencia nas dúas linguas. Asemade entendeu comprometido o fomento do uso progresivo do galego no ensino estipulado no artigo 13.2 da LNL, ao non facilitar a adquisición de competencias lingüísticas en galego se o estudante decide non usar o galego na súa expresión oral ou escrita.

Cando tanto se predica o esforzo como un valor intrínseco aos procesos educativos, é paradoxal que desde o ámbito xurídico teñan que lembrarlle á propia administración educativa o cerne dos procesos de ensino-aprendizaxe que lle corresponde garantir e facilitar. As sentenzas conteñen ademais algunhas reflexións que defenden a necesidade de que a igualdade na competencia lingüística para as dúas linguas cooficiais pode requirir estratexias compensadoras, dependendo da avaliación que os poderes públicos fagan da situación das linguas, sendo o seu deber impulsar medidas correctoras de se detectar situacións de desigualdade.

Agora entramos no tempo das decisións: ou seguir por esa liña, estéril e destrutiva para a lingua e que só pode derivar en conflitos espurios nos centros escolares, ou poñer en valor o punto de encontro politicamente acadado coa aprobación do PXNLG, no 2004

Á marxe da valoración que fixo no seu día a Xunta, minimizando o alcance destas sentenzas ao tempo que se reservaba o dereito a recorrelas, a sociedade galega sabe que estes preceptos foron sostidos a mantenta, malia as advertencias das máis altas institucións do país, dos órganos consultivos que formularon obxeccións e rexeitaron o Decreto, e da desconformidade tantas veces expresada por colectivos sociais e pola propia cidadanía. Non se evitou a súa xudicialización e agora entramos no tempo das decisións: ou seguir por esa liña, estéril e destrutiva para a lingua e que só pode derivar en conflitos espurios nos centros escolares, ou poñer en valor o punto de encontro politicamente acadado coa aprobación do PXNLG, no 2004.

Recentemente o Consello de Europa, no marco do seguimento da aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, amosou a súa preocupación polo retroceso lingüístico experimentado no ensino, e tamén noutros ámbitos como os medios de comunicación, a xustiza, a administración pública etc. No seu Informe denunciaba a falta de datos e informacións solicitadas reiteradamente para a comprobación dos aspectos integrados neste compromiso de referencia internacional.

E temos ou non temos datos? A cuestión non carece de ignorancia. Ao remate do curso pasado o goberno da Xunta en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo BNG ofreceu o  primeiro informe sobre o cumprimento do Decreto no primeiro curso da súa aplicación. Nel recoñecía que os datos sobre os que tiveron que incidir as medidas da nova norma partiron dunha situación moi desfavorable para o galego, advertindo do seu uso minoritario en todo o país, especialmente nas provincias atlánticas, e escaso no alumnado das sete cidades galegas. E ía debullando unha a unha as medidas previstas no seu articulado, indicando o seu escrupuloso cumprimento, mesmo nun tempo anterior ao previsto. Como conclusión salientaba que o alumnado recibe o mesmo número de horas en galego que en castelán e emprega materiais e recursos que motivan e facilitan a adquisición do mesmo nivel de competencia en ambas linguas.

Mágoa que a cultura da avaliación, que tanto se reclama a outros efectos, non obrigue a sustentar en datos significativos os resultados da aplicación destas medidas

A pesar desta aparencia de pax lingüística ou modo no problem, non é crible que non se dispoña de datos cuantitativos e cualitativos que poñan enriba da mesa situacións heteroxéneas, mesmo problemáticas, cando estamos falando do primeiro ano de aplicación dun decreto que esixe mudanzas importantes nos proxectos lingüísticos dos centros. Mágoa que a cultura da avaliación, que tanto se reclama a outros efectos, non obrigue a sustentar en datos significativos os resultados da aplicación destas medidas. Tampouco para determinaren o sobrepeso do galego no ensino no seu día lles fixo falta estatística ningunha, desatendendo cantos informes demostraban con datos obxectivos a necesidade de adopción de medidas máis esixentes e transversais. Nada de datos PISA, nin Mapas Sociolingüísticos, nin Informes do Consello Escolar de Galicia, nin os ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística; abondou con sabermos das preferencias familiares sobre as linguas. A través delas descubrimos unha realidade insospeitada: Galicia é bilingüe.

Este ano 2013 fanse os 30 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, e será tempo de balances

Tal parece que esta cuestión dos datos e da súa interpretación é un síntoma: non se sabe ou non se quere saber?, é mellor que se saiba ou que non?, apocalípticos ou integrados? E malia non dar co remedio, non será por non lle tomar a tensión ao enfermo. Xaora que a sociedade e os seus órganos e entidades representativas só lle poden dar solución axeitada a un problema cando realmente son conscientes da súa dimensión.

Este ano 2013 fanse os 30 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, e será tempo de balances. Unha oportunidade para facérmonos crónicos da confraría do santo reproche ou para revisar estratexias e camiños normalizadores.

O Goberno da Xunta ten na súa man deixar os atallos que só conducen a que unha parte cada vez máis importante da poboación se relacione co galego como se se tratase dunha lingua estranxeira e outra parte da cidadanía se sinta estranxeira no seu propio país

O Goberno da Xunta ten na súa man deixar os atallos que só conducen a que unha parte cada vez máis importante da poboación se relacione co galego como se se tratase dunha lingua estranxeira e outra parte da cidadanía se sinta estranxeira no seu propio país. Sería atinado que lles atendese ás reflexións que lle poden ofrecer as institucións e a sociedade para trazaren unha folla de ruta acorde coas funcións normalizadoras encomendadas á educación, coa nosa legalidade e cos compromisos adquiridos no plano europeo.

Ao profesorado cúmprenos evitar o avance de prácticas que fagan da lingua unha escusa máis para a segregación escolar e social, xogando o papel que nos toca na superación dos moitos prexuízos que persisten sobre o noso idioma e alentando novos e mellores usos lingüísticos.

Neste labor precisamos da complicidade cidadá, para que non sexa o ensino o único refuxio normalizador

Neste labor precisamos da complicidade cidadá, para que non sexa o ensino o único refuxio normalizador. Cómpre traballar arreo para que, parafraseando a Celso Emilio, a moura necroloxía resulte ser unha trola. Expresión da dignidade dun país que non se resigna a vivir por debaixo das posibilidades da súa lingua e da súa cultura.

Velaí algunhas razóns que de seguro nos deben levar a Compostela o vindeiro domingo, 27 de xaneiro. Pola lingua que nos une, Queremos Galego na escola!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.