2020 ano novo. Politicas novas?

Co ano 2020 entramos nunha nova década pero sen moitos cambios en relación á década anterior e as previsións futuras non parecen, de ningures, favorables a cambios relevantes.

Galicia segue a seren unha comunidade periférica (5,2% do PIB español) e das menos desenvolvidas (93,8% da RDB media española). Unha comunidade na que, por caso, o gasto privado non é quen de recuperarse e medrar en liña coas necesidades do pais. Un gasto privado débil que arrastra a demanda impedindo o crecemento económico necesario para, por caso, avanzar posicións no mercado español e europeo.

Unha debilidade que si responde a lóxica interna da actual economía mundo capitalista ten causas políticas. As políticas públicas que se aplican dende os distintos poderes (Unión Europea, España, Galicia) que como subliñan tódalas evidencias científicas e empíricas favorecen as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais (EUROSTAT).

Unha debilidade que vemos reflectida na realidade dun mercado laboral con uns niveis de emprego e de salarios reais que están entre os mais baixos de España e, xa que logo, de Europa. Velaí unha das barreiras que limitan o crecemento económico e consolidan a posición de Galicia como comunidade europea periférica. Unha posición que a Xunta de Galicia, como administración pública, ten a súa cota de responsabilidade e non pequena. Responsabilidade derivada tanto da súa aposta pola redución e precarización do emprego público como da súa incapacidade para impulsar en Galicia un “pacto de rendas” entres os axentes sociais. Un pacto de rendas que busque favorecer tanto a creación de emprego como unha maior participación das rendas do traballo na riqueza nacional galega.

Non menos decisiva nesa periferización de Galicia é a grande debilidade do investimento privado que non levanta cabeza dende que estourou a crise financeira. Na mundialización neoliberal o investimento privado tende a concentrarse cada vez mais no centro do capitalismo. Velaí que as comunidades periféricas como Galicia reciban unha parte practicamente insignificante da IDE. Esta realidade esixe dos poderes estatais e rexionais un superior esforzo no investimento público que, por caso, nas comunidades centrais (Madrid, Cataluña, Pais Vasco). Un investimento público que, a súa vez, turre do investimento privado: nunca me cansarei de repetir que as evidencias nos ensinan que é o investimento público quen turra do privado e non o contrario. Un investimento público que debe ter como prioridades a formación ocupacional, as novas tecnoloxías (I+D+i), as infraestruturas básicas e o medio ambiente. Todo o contrario do que se leva facendo todos estes anos atrás como proba o feito de que Galicia segue sendo unha comunidade periférica a pesares de ser unha das comunidades españolas con maiores índices de vías rápidas (Galicia con 378 quilómetros aparece como unha das comunidades europeas con maior aumento de quilometraxe nesta última década).

Neste repaso as debilidades estruturais da economía galega non podemos deixar de lado a desfeita que nesta década se ten dado no xa deficitario estado de benestar galego. Unha desfeita provocada polas políticas de austeridade da Xunta de Galicia que non so afectan negativamente ao benestar dos cidadáns galegos, especialmente aos de rendas baixas, senón que castigan o emprego, os salarios e, xa que logo, o crecemento económico e o benestar social.

Non menos importante é grave deterioro medioambiental que Galicia está padecendo. Deterioro que afecta a todos e cada un dos recursos naturais e que sitúa a Galicia nunha posición de clara emerxencia medioambiental.

Si por un momento nos determos en tratar de analizar o por que de todos e cada un dos problemas anteriormente citados veremos que as causas son sempre políticas. Son as políticas públicas aplicadas en todos estes anos, coñecidas popularmente como austericidas, as causantes de este estado de cousas. Velaí que nos preguntemos si co ano 2020 veremos o agromar doutras políticas ou seguiremos camiñando pola senda neoliberal como ata agora.

Por que, si os galegos e galegas, queremos empezar a camiñar por unha nova senda, a do crecemento económico e o benestar social, teremos que principiar por cambiar o actual goberno (PP) da Xunta de Galicia. Unha condición necesaria aínda que non suficiente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.