O 23 de decembro pasado publicouse na páxina web de Modepen un comunicadoi da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas
O 23 de decembro pasado publicouse na páxina web de Modepen un comunicadoi da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas (ver membros da UA ao final do comunicado ou en ii) no que se valora a revalorización das pensións para o 2025 e aproveitando para reflexionar sobre outros temas de interese. En concreto, ademais do incremento das pensións para 2025 fálase da batalla polo relato sobre a suposta crise do sistema de pensións públicas. sobre a necesidade dunha reforma fiscal, sobre a preocupación polo aviso de “autoridades competentes” respecto á guerra e ao “estado de benestar”, incluídas as pensións públicas e, importante, sobre a necesidade da mobilización.
Voume referir a estes puntos.
1) En primeiro lugar constátase que a revalorización das pensións, resultado de aplicar a suba regulada por lei (a media do IPC dos doce meses anteriores a decembro de 2024) é unha vitoria para o Movemento (lembremos o 0,25% de F. Báñez), vitoria que sen embargo hai que matizar. Así, aínda que este ano o tipo de cálculo nos beneficie puntualmente (as pensións suben un 2,8%, cando a inflación situouse no 2,4%) a Unidade de Acción reivindica utilizar o IPC total anual. De feito, se facemos o cálculo desde o 2011, seguimos por debaixo da inflación (ver o comunicado).
Ademais, constátase que “hai un empeoramento relativo das pensións mínimas respecto ao SMI” e que “non hai noticias sobre a reivindicación da derrogación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados” e se constata a “necesidade de abrir o debate do concepto do custe da vida e a medida do Incremento de Prezos ao Consumo-IPC” (Non afecta igual o IPC aos distintos tramos de ingreso, por exemplo fixémonos no brutal incremento do prezo dos alimentos en relación ao IPC xeral, que afecta máis aos que menos teñen).
Como consecuencia da análise anterior propóñense as seguintes reivindicacións:
- “Recuperar o poder adquisitivo das pensións” demandando recuperar a paga compensatoria vixente ata o 2023. (a paga compensatoria en xaneiro de 2025 sería do 4%).
- “Equiparar por lei as Pensións Mínimas ao 100% do SMI”.
- “Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados”.
2) Seguimos enfrontando o “relato” da suposta crise do sistema de pensións públicas. A pesar do informe do Tribunal de Contas, que estimou que entre 1989 e 2018 houbo “gastos impropios da SS por un valor de 104 mil millóns de euros”, a pesar do aumento da afiliación até “máis de 21 millóns de traballadoras e traballadores” ou a pesar dos datos da “auditoría da Seguridade Social decidida na lei do ano 2021”, non realizada pero con datos máis que previsíbeis (e por iso non se realizou aínda?) Pois a pesar de todo iso seguimos a afrontar case diariamente o “relato” máis ou menos explícito da dificultade ou da imposibilidade de manter o sistema público e de reparto.
Por iso cómpre estar atentos a marzo de 2025 cando a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social. Ben sabemos que hai forzas interesadas nun resultado negativo desa avaliación no camiño a un empeoramento das condicións do sistema público e a un impulso ao negocio privado dos Plans de pensións de Emprego ou Individuais. De aí a importancia de combater “o relato da crise do sistema” que queren facernos tragar. (ver iii)
3) Esíxese unha reforma fiscal, para que paguen máis os que máis gañan e teñen para garantir os servizos públicos e o investimento produtivo para impulsar un modelo de desenvolvemento social e medioambiental eficiente e xusto. Igualmente reclámase unha mellora substancial de salarios e pensións, especialmente dos más baixos, e erradicar a fenda de xénero nos ingresos.
A UA fai un chamamento ás persoas pensionistas en particular e á xente traballadora en xeral a preparar unha defensa activa dos nosos dereitos este ano que se abre. A unidade e a mobilización serán máis necesarias ca nunca
4) A Unidade de Acción observa con preocupación o marco internacional. En concreto, tanto pola súa claridade como pola importancia do cargo que as realizou, menciona as declaracións do novo secretario xeral da OTAN chamando a incrementar o gasto militar á conta de erosionar o gasto social e, explicitamente, as pensións. Unhas declaracións aínda máis preocupante porque apenas se escoitaron voces contrarias desde as institucións. (ver as declaracións en iv)
5) Por todo isto a UA fai un chamamento ás persoas pensionistas en particular e á xente traballadora en xeral a preparar unha defensa activa dos nosos dereitos este ano que se abre. A unidade e a mobilización serán máis necesarias ca nunca.
Notas
iComunicado na web de Modepén: https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/12/Manifesto-decembro-2024.pdf
iiA Unidade de Acción está formada por: ASJUBI40 (Asociación Xubilación Anticipada sen Penalizar) COESPE
(Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións) EHPM (Movemento de Pensionistas de Euskal
Herria) MADPP (Movemento Andaluz pola Defensa das Pensións Públicas) MODEPEN (Movemento Galego en
Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos) UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles …
iii https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/09/Avaliacion-marzo-2025-Documento.pdf
iv https://es.euronews.com/my-europe/2024/12/12/rutte-pide-a-los-ciudadanos-europeos-sacrificios-para-aumentar-el-gasto-en-defensa