24-M: Irrupción popular para mudalo todo

“Berraremos en todas as linguas
os dereitos á nosa liberdade
con palabras que mesmo afiaremos
para usarmos por lanzas.
Ao cabo, triunfaremos sobre o medo
e iremos cara ao aire primeiro da albada
mentres que os cabalos se perdan lonxe
deixando sobre a nosa memoria
un heroico camiño de ferraduras…”
Tempo de Compostela, “Poemas contemporáneos”, 1978
Salvador García Bodaño

Cumpríronse catro anos do fito fundacional da nosa historia máis recente e contemporánea: o 15-M. Este condicionou para sempre o comportamento de todos os actores políticos e mediáticos, e as actitudes e axendas que mantiñan ata o momento

Cumpríronse catro anos do fito fundacional da nosa historia máis recente e contemporánea: o 15-M. Este condicionou para sempre o comportamento de todos os actores políticos e mediáticos, e as actitudes e axendas que mantiñan ata o momento. Tanto dos que o comprenderon e acompañaron coma dos que o negaron e atacaron, seguramente moitos deles porque non o comprendían nin o esperaban: masas auto-organizadas e re-politizadas actuantes á marxe das fórmulas clásicas de participación -nun exercicio creativo e xenuíno de re-apropiación soberana do espazo público- que diagnosticaron as graves eivas dun réxime xa daquela apodrecido que non fixo máis que apodrecer até hoxe. Indignación. O demos en movemento imaxinando horizontes á estafa sistémica. Crise de lexitimidade.

AGE, nunha lectura maxistral do momento histórico, testou os límites da requirida innovación política para o novo tempo que acababa de nacer, dotando ao potencial de parte do nacionalismo galego emancipador dun encaixe e proxección sen explorar

A superposición de crises -socioeconómica e de lexitimidade- agravouse de maneira acelerada e os sistemas de representación e gobernos, no canto de acompasar as reivindicacións dunha maioría social  farta, espoliada e denigrada, bunkerizárose. Ten un mal morrer este réxime do 78. O campo da esquerda nacional galega foi o primeiro en verse afectado colateralmente polos efectos quincemayistas e, desde aquel entón, vimos implosionar unha forza coma o BNG ou artellarse rapidamente para as eleccións autonómicas unha fórmula de coalición electoral que aspiraba a recoller o descontento facendo unha proposta conxunta entre diferentes, que facía súas as reivindicacións do movemento social e que a penas foi quen de fiscalizar e desgastar desde a Cámara de Representantes aos axentes intermediarios do poder omnímodo do mercado. Mais AGE, nunha lectura maxistral do momento histórico, tivo un papel determinante e testou os límites da requirida innovación política para o novo tempo que acababa de nacer, dotando ao potencial de parte do nacionalismo galego emancipador dun encaixe e proxección sen explorar. Foi turbulento. Pero foi xermolo de Unidade Popular entre forzas federalistas, independentistas ou ecoloxistas que interpelaban á pluralidade multicor do republicanismo e da esquerda social. Paralelamente vimos a evolución e diversificación do 15-M e a apertura dun ciclo mobilizador que arrefriou na medida na que, por arriba, afianzouse un cóctel de solucións baseadas na mentira, o medo e maila represión.

Noutro ámbito vimos emerxer tamén, de maneira fulgurante, a Podemos e ao neo-lerrouxismo1 de Ciudadanos (C´s) a rebufo dun proceso de espectacularización do debate público do cal as adiantadas eleccións autonómicas andaluzas deron conta do seu alcance como novos suxeitos intervintes. Comprobamos como cando ese novo artefacto político -que se nutriu do espírito do ciclo mobilizador primixenio, aspirando a capitalizalo- despuntaba foi sometido ao implacable escrutinio inquisitorial da maquinaria propagandística estatal á vez que a tensa convivencia entre estratexias e fontes intelectuais diversas das que beben os principais notables do seu núcleo dirixente (nacional-populismo, marxismo-leninismo...) desembocou nunha crise interna da que aínda están lambendo as feridas.

Namentres o establishment recompón as súas pezas, nunha estratexia consistente en aplicar mudanzas cosméticas para perpetuar o dominio das elites corruptas que depredaron os bens comúns destruíndo o pacto constitucional e o estado de benestar, como pouco, continúa avanzando un re-ordenamento encamiñado á acumulación de forzas por abaixo que aspira a superar experiencias anteriores hibridándoas cunha extensión e apertura a outros segmentos da sociedade civil. E con ambición de poder. Mais nese treito temporal comprobamos que, mesmo co poder institucional da man das forzas populares, como na Grecia de Syriza -hoxe apoiada por ampla maioría alí- o reto ao que se enfrontan as sociedades do sur europeo é dunha complexidade maiúscula irremediablemente ligada á asunción de renuncias e contradicións. E o seu fracaso, barra libre para o fascismo de novo cuño ou a posibilidade de solucións pola forza.

Os verdadeiros efectos electorais do que significou o estalido acontecido catro anos atrás verémolos neste 24-M con toda a súa potencia desatada nas Mareas de Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela ou A Coruña

Esta convocatoria electoral será a primeira resultante, naquelas cidades e vilas onde os procesos arredor das candidaturas de Unidade Popular municipalistas foran completados, do proceso iniciado co ciclo aberto en maio de 2011. Ciclo dominado pola contrarrevolución conservadora sostida nas maiorías electorais da dereita. Noutras palabras: os verdadeiros efectos electorais do que significou o estalido acontecido catro anos atrás verémolos neste 24-M con toda a súa potencia desatada nas Mareas de Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela ou A Coruña, que teñen a posibilidade certa de trocar escenarios propicios onde a irrupción popular e as súas reivindicacións e necesidades -cultivada nas prazas- cheguen aos “palacios”. 

Compostela Aberta busca recuperar a política merecente de tal nome

Quixera centrarme agora no caso específico da miña cidade de acollida desde hai mais dunha década, Santiago de Compostela. Despois dunha lexislatura esperpéntica e catro anos escuros e perdidos polas guerras fraticidas da mafia gobernante travestida de partido político a dicotomía á que se enfrontan os cidadáns consiste en avalar a unha banda que desatendeu as súas obrigas coa res publica ou abrir unha fiestra de oportunidade para a aplicación de políticas de estímulo social e cultural que re-impulsen o papel estratéxico da capital da Galiza, cidade universitaria e Patrimonio Cultural da Humanidade. Pasar páxina xa é a principal tarefa que ten que resolver a candidatura de unidade cidadá Compostela Aberta se confían nela os electores, incorporando no seu programa a idea dun horizonte de revitalización democrática no económico, o social, o cultural mailo territorial: código ético estrito, contención de gasto no superfluo, dación de contas e transparencia, fiscalidade xusta e progresiva, re-municipalización de servizos privatizados -fonte de roubo e corrupción, e ineficientes-, e canais e fórmulas de co-decisión para activar a sociedade e o liderado dinamizador dunha área metropolitana que vertebre o territorio e acurte as diferencias entre o centro e a periferia.

Compostela Aberta busca recuperar a política merecente de tal nome apostando porque a cidadanía deixe de delegalo todo en representantes que non representan os intereses da maioría, implicándose no proceso colectivo de darlle forma a unha Compostela xusta, acolledora, solidaria e que non acabe perdendo a identidade ameazada por un concepto de masificación turística que arrasa o tecido propio e a riqueza inmaterial da vida cotiá na zona histórica e nos barrios. Esta proposta de base popular personifícase no rostro amable de Martiño Noriega: a compoñente humanística da súa formación na medicina, a forza da xuventude e a experiencia na xestión do local son garantía de responsabilidade e sensibilidade, a partes iguais, co que de verdade importa: as persoas. Quen o coñecemos da viaxe da militancia política sabemos mellor que ninguén do seu potencial e da súa capacidade, sabendo que a súa aparencia de boa xente non é unha pose. Mais que nunca fan falta persoas con este perfil: ideas, compromiso e cintura suficiente para defender mudanzas radicais con formas e actitude en positivo.

Mandar obedecendo é a máxima que identifica ás mulleres e homes da equipa que o acompaña, de procedencias profesionais distintas pero obxectivo común

Mandar obedecendo é a máxima que identifica ás mulleres e homes da equipa que o acompaña, de procedencias profesionais distintas pero obxectivo común, e que será apoiada por milleiros de picheleiros para devolverlles a dignidade e o orgullo de vivir nunha das cidades mais fermosas da terra. De ser isto así, a responsabilidade será enorme e a clave do seu éxito dependerá de alimentar e conservar a ósmose coa cidadanía e a frescura desde a humildade, a escoita activa, a pedagoxía, a audacia e o apoio popular naquelas decisións que atoparán resistencia por parte das forzas e grupos de interese que demostraron desatender o principal fin que debe guiar e perseguir toda acción política honesta: a procura do ben común.

As eleccións municipais son unha oportunidade e a primeira pedra para a recuperación democrática que prepare o escenario post-neoliberal e austericida a todos os niveis. Nas mans do pobo que ocupaba o Obradorio naqueloutro Maio está. Venceremos Nós!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.