25 de Xullo: ser ou non ser

Achégase o 25 de Xullo, o Día da Patria Galega, e neste frío vrao galego atopo a calor dos Mestres nun libreto de 26 páxinas editado por Nós en 1930 e que recolle os discursos pronunciados por Otero Pedrayo, Castelao e Paz-Andrade o Día de Galiza dese mesmo ano.

“A Galiza hai que sentila i-enxergala en si mesma, mais tamén en función do mundo. Porque todo tende á riqueza diversificadora se camiñamos xuntos. Estamos no momento criador, plasmando a futura e ceibe Galiza. Ficamos coa festa d-hoxe obrigados a traguer cada un o seu esforzo” (Otero Pedrayo).

Hoxe enfrontámonos a unha potentísima máquina eleitoral xa non conservadora senón destrutora, en medio dun retroceso salvaxe e co horizonte político autóctono esnaquizado en diversas pezas dun puzle que non encaixa.

Estes discursos están envoltos daquela esperanza, daquela forza redentora que se podía percibir case setenta anos despois na Praza da Quintana en Compostela na mellor época de Xosé Manuel Beiras, aquela que levou ao nacionalismo galego de esquerdas a situarse como segunda forza política no noso país. Si, había moita esperanza e unha gran ilusión. Hoxe enfrontámonos a unha potentísima máquina eleitoral xa non conservadora senón destrutora, en medio dun retroceso salvaxe e co horizonte político autóctono esnaquizado en diversas pezas dun puzle que non encaixa.

“Compre agora que se deixe ouvir a voz do pensamento galego que sinte o dilema de Hamlet: o da eterna servidume, ou o da proisima liberdade; o da permanente descalifica- ción civil ou o da decencia cibdadá; o do sometimento a sistemas incompatibles coa súa Natureza e a súa prosperidade, ou o da emancipación que faga de Galiza, en vez dunha terra envilecida e despreciada, un país vivo e culto, poboado por homes e mulleres libres. España é hoxe un Estado dominado pola obsesión centrípeta. O centralismo é unha organización incompatible con todo réxime democrático, pois ten condición de ser unha supervivencia do Absolutismo” (Paz-Andrade). 

A crise que comezou sendo económica, hai tempo que se transformou nunha devastadora crise política. No Estado español non semella haber alternativas ás políticas de destrución económica e social e na Galiza a situación todavía é máis dramática porque ao ser periferia, sofrimos o engado dun centralismo salvaxe que pouco a pouco vai callando na xente, así que os galegos ademais de perder dereitos civís, perdemos importantísimos dereitos políticos que custou moitos séculos e moitas vidas acadar.

“Temos obriga de levar sentimentos novos, orixinais e xenerosos á corrente da vida humana. A cantos rifan é ben dicirlles que endexamais ollamos a ningún paxaro tropezar en ningunha fronteira. E se non tropezan os paxaros, como poden tropeza-los nosos sentimentos e as nosas ideas!” (Castelao). 

Tan difícil é poñerse dacordo? Non se pode obrigar á sociedade galega a escoller entre diferentes formas de construir a nación

Tan difícil é poñerse dacordo? Non se pode obrigar á sociedade galega a escoller entre diferentes formas de construir a nación, porque nestes intres, só se pode construir entre todos. Non se debe confundir a ferramenta política co pobo. Integrar diferentes formas de participación nunha mesma estrutura política: aquí radica a clave do éxito. Este é o gran reto no que hoxe se debería estar traballando.

“Para a nosa Terra, galegos, chegou a hora do despertamento. Nós vimos construir unha nova Galiza. Ser ou non ser é o dilema. Pra todos hai un posto nas milicias cívicas da galeguidade. Fagamos do berro ‘Terra e Liberdade’ o noso lema redentor. Galiza reclama a axuda de todos” (Paz-Andrade).

Que intelixente é o imimigo ao que nos enfrontamos, porque tendo todas as de perder moralmente, pode volver gañar eleitoralmente, con ese flamante cabalo de Troia que emprega: o dominio dos meios de comunicación e a habilidade insaciable para dividir ao adversario. Xa estou preparada para perder, porque, cando o estivemos para gañar? Pero me diluirei como galega berrando –probablemente na miña casa, xa que, ao igual que o meu voto, non me podo dividir en varias partes– un 25 de Xullo de 2012: Viva Galiza!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.