O 2020 é un ano que quereriamos borrar da nosa memoria, cheo de medos, incertezas, sobrecargas, perdas e sobreesforzos até límites insospeitados. Estas sobrecargas, como sempre, caeron sobre o lombo de quen adoita soster a vida: as mulleres
O 2020 é un ano que quereriamos borrar da nosa memoria, cheo de medos, incertezas, sobrecargas, perdas e sobreesforzos até límites insospeitados. Estas sobrecargas, como sempre, caeron sobre o lombo de quen adoita soster a vida: as mulleres.
Este ano veu acompañado dunha pandemia e dunha crise de coidados sen precedentes. O peche dos colexios e dos centros de día derivou a atención á infancia e ás persoas dependentes ao ámbito privado. E nos fogares as mulleres pasaron da dobre á tripla xornada, encargándose de cambiar cueiros, de axudar coas tarefas no colexio, de facer a comida, de dar a medicación, de axudar nas actividades básicas diarias, de limpar, de traballar, de facer a compra, de preocuparse polas veciñas, de chamar á familia, de lavar a roupa, de ir á farmacia, de chamar ao médico e dunha lista interminable de traballos invisibilizados.
Neste 2020 as autoridades recomendaron quedar na casa e apelaron á responsabilidade individual para frear esta pandemia, pero hai casas e casas. Hai xente que vive soa, que vive con persoas violentas, que vive con persoas dependentes en graos altísimos, que vive con nenos e nenas, con persoas enfermas, que comparte piso, que vive nun CIE, que vive nunha residencia, nun centro de menores, nunha casa de acollida, nunha chabola, nun coche ou nun psiquiátrico. A vivenda é un dos lugares onde con máis crueza se manifesta a desigualdade.
Unha vez máis, escoitaremos promesas e proclamas que non irán acompañadas de políticas públicas que melloren a vida real das mulleres. Este ano, loitar contra o machismo e a desigualdade tampouco será unha prioridade
Pero se algo non será distinto neste 2020 serán os discursos do 25N, Día Internacional pola Erradicación das Violencias Machistas. Unha vez máis, escoitaremos promesas e proclamas que non irán acompañadas de políticas públicas que melloren a vida real das mulleres. Este ano, loitar contra o machismo e a desigualdade tampouco será unha prioridade. Os minutos de silencio rematan sendo minutos de hipocrisía se dende as administracións públicas non se mobilizan os recursos económicos necesarios.
E lamentablemente, na Coruña estanse a producir retrocesos graves nas políticas de Igualdade: recórtanse horas no servizo de axuda no fogar, elimínanse programas educativos para a promoción da igualdade e a prevención das violencias machistas, incúmprese a Ordenanza Municipal de Igualdade, auméntase o tempo de agarda para unha cita no Centro de Información á Muller (até dous meses para unha primeira atención!) e prescíndese do Consello Municipal da Igualdade nun momento clave. Inés Rey prometeu un mandato feminista, máis a realidade que estamos a ver é outra.
Na Coruña estanse a producir retrocesos graves nas políticas de Igualdade: recórtanse horas no servizo de axuda no fogar, elimínanse programas educativos para a promoción da igualdade e a prevención das violencias machistas
Segundo os últimos datos facilitados pola Subdelegación do Goberno, máis de 1.700 mulleres da provincia da Coruña reciben apoio por violencia machista, e durante o confinamento incrementáronse nun 40% as chamadas ao 016. Unhas cifras demasiado altas que deben facer saltar todas as alarmas.
Este 25N saïamos á rúa, coas medidas necesarias de seguridade, para reclamar políticas públicas reais que promovan a igualdade das mulleres, de todas, e para denunciar ás múltiples violencias machistas. Que a pandemia non nos silencie.