1. Grecia foi o instrumento elixido polos poderes para impartir unha dura lección: a Troika non permitirá política ningunha que poña en cuestión o rumbo neoliberal da construción europea. O memorando imposto a Tsipras declara ilegal a democracia, o dereito de os pobos elixiren entre políticas económicas distintas, no sur de Europa. Aviso: o BCE é unha arma de guerra, pechará os bancos de calquera pobo que dea o seu apoio electoral a unha política económica a prol das maiorías sociais.
2. Mais a rebelión continúa, con formas e matices distintos. Aumento do voto radical na Galiza (máis do 29 por cento) e no Reino de España (máis do 28 por cento) nas eleccións xerais, apoio masivo a Jeremy Corbyn, contra todo o establishment, como líder do Partido Laborista británico, novo goberno de esquerdas en Portugal.
3. De Grecia aprendemos outra lección, a dificultade de enfrontar as políticas austericidas por un pobo illado. O Partido Comunista Portugués defende a saída do euro. Mais, opta por apoiar un executivo que nin sequera contempla esa posibilidade. Un executivo con capacidade limitada polas esixencias de Bruxelas.
4. Aprendemos. Buscamos novos camiños. Procuramos novas alianzas transnacionais e transestatais: Austerexit, asinado por tres líderes das esquerdas anticapitalistas europeas, DIEM25, liderado por Yannis Varoufakis, e as xornadas Por um Plano B na Europa celebradas esta fin de semana en Madrid.
5. Si, a rebelión debe continuar, estenderse de norte a sur e de leste a oeste. Necesitamos un novo ciclo de mobilizacións, amplas alianzas en cada nación e estado, e un programa común contra a austeridade e a servidume pola débeda.
6. O día 28 de maio, aniversario da Comuna de París de 1871, está convocada unha gran mobilización europea contra esta austeridade. O pobo galego, a cidadanía galega, as clases traballadoras galegas deben participar activa, masiva e conscientemente. Quedan 3 meses para constituír comités cidadáns nas vilas e cidades que organicen a mobilización. Poñámolos en marcha. Unámonos á loita. Pola liberdade. Pola igualdade social.