29-M, a gran inflexión

O clamoroso éxito da Folga Xeral en Galiza e no estado español marca un punto de inflexión no estado de ánimo da maioría social. O desconcerto e a resignación ante unha sucesión de medidas presentadas como sacrificios inevitábeis para saír da crise van abrindo paso á sospeita de ter sido vítimas dunha estratexia equivocada ou mesmo deliberadamente enganosa. O medo a desconfiar das medidas oficiais vai abrindo paso ao medo a un abismo real de paro prolongado e privacións.

Do mesmo xeito que o 15-M foi un momento de perda da inocencia para as xeracións máis novas, este 29-M significa o espertar da maioría da poboación

É momento de espertares. Espertares a latigazos, espertares cos ollos aínda legañentos, pero espertares. Do mesmo xeito que o 15-M foi un momento de perda da inocencia para as xeracións máis novas, este 29-M significa o espertar da maioría da poboación. A cidadanía -traballadora, parada, autónoma ou estudantil- decidiu de xeito moi amplo e transversal dicir até aquí aguantamos.

A reforma laboral é unha agresión brutal aos salarios e os dereitos laborais sen contrapartidas, porque todo o mundo entende que non contribúe á saída da crise senón máis ben a todo o contrario. Até o último cidadán entende que é un ticket cara unha longa depresión; ticket de regreso ao pasado en dereitos e nivel de vida. Iso converteu esta reforma nunha espoleta para o espertar. A desproporcionada agresión e os incríbeis efectos proclamados acaban cristalizando nun sentimento de desconfianza e indignación contra o goberno do PP. Algunha xente acreditara que o PP ao mellor traía algún tipo de solucións a unha crise que envolvera a un PSOE sen ideas e iniciativa. Porén, as agresivas e desequilibradas medidas adoptadas polo novo goberno fixeron evaporar calquera esperanza mesmo para os máis crédulos. 

Unha ampla e crecente proporción de cidadáns de toda clase e condición empezan a recoñecer e asumir que non hai ningunha esperanza coas políticas en curso a nivel europeo, español e galego

Máis aínda, unha ampla e crecente proporción de cidadáns de toda clase e condición empezan a recoñecer e asumir que non hai ningunha esperanza coas políticas en curso a nivel europeo, español e galego.

Ninguén pode entrever como, sen romper algúns corsés neoliberais, se poden desenvolver actividades produtivas que creen un volume de emprego capaz de absorber tan sequera a metade do volume de paro hoxe existente. Non hai instrumentos en marcha para tirar da actividade produtiva, para sentar as bases dun modelo produtivo innovador que requiriría investimentos masivos que as finanzas privadas non lles pasa nin pola cabeza emprender ou facilitar. Non hai valentía para formular medidas que cando menos preserven a capacidade produtiva herdada e poñan cabo ao proceso de deslocalizacións e colonización dos nosos mercados polas importacións. Como meros esmolantes obedientes nunha Europa caníbal, cun banco central empeñado en sacrificar todo para salvar unha banca especulativa, temos pouco que agardar para preservar a nosa economía produtiva e os servizos do estado de benestar.

Despois de todas as promesas da benéfica globalización neoliberal, isto é que o que pode ofrecer o neoliberalismo europeo –o do PP e os demais- ao noso país: exclusión social masiva para un cuarto da poboación, sacrificios e baixada xeneralizada de salarios para todos, xunto con perda de dereitos, precariedade e desigualdades escandalosas.

Esa é a promesa dun sistema socioeconómico en bancarrota, destartalado por unha desregulación destemida en aras dunha libérrima liberdade de circulación dos capitais virtuais, que foxen do investimento produtivo coma do lume e que evaden masivamente o fisco ao tempo que espolian o orzamento público vía axudas e avais masivos, concesións rendistas e elevados xuros de débeda pública. 

Compre continuar a batalla para mudar o chip; compre mudar totalmente a orientación das políticas do neoliberalismo radicalizado. E iso teñen que entendelo tamén as forzas de centro esquerda e socialdemócratas

O paso seguinte para esa poboación desenganada é entender que non hai solución á crise no neoliberalismo, no neoliberalismo europeo e no neoliberalismo global. Compre continuar a batalla para mudar o chip; compre mudar totalmente a orientación das políticas do neoliberalismo radicalizado. E iso teñen que entendelo tamén as forzas de centro esquerda e socialdemócratas. Non hai marxe para a contemporización co neoliberalismo radicalizado; estes desprazaron tan ao estremo as súas apostas que non hai entendemento posíbel, non existe espazo para a socialdemocracia nese marco, nin tan sequera para a terceira vía. Non hai pacto posíbel. A única opción é romper claramente as súas liñas vermellas.

Nese escenario da mágoa ver a unha parte do PSOE español e galego competir en criatividade para formular ideas que encaixen no leito de Procusto neoliberal do “Pacto do euro” e o "Pacto fiscal". Entregar todo o mercado financeiro á gran banca especulativa e fomentar contratos-bolsa para ensanchar a precariedade non conduce a ningún sitio. Da mágoa igualmente ese nacionalismo cool que inxenuamente cree que vai chegar máis lonxe e antes comprando unha moderación que poida homologarse nos parámetros do modelo neoliberal, sen decatarse de que o neoliberalismo correu os marcos tan á dereita e de xeito tan belixerante que nin a socialdemocracia nin a terceira vía son hoxe opcións satisfactorias aos ollos dos que dan credenciais de aceptabilidade.

Á vista da corrida irresponsábel do establishment cara apostas radicais, economicamente inviábeis e socialmente devastadoras, compre confrontar abertamente o paquete de “reformas” neoliberais e o discurso lexitimador que as acompaña

Á vista da corrida irresponsábel do establishment cara apostas radicais, economicamente inviábeis e socialmente devastadoras, compre confrontar abertamente o paquete de “reformas” neoliberais e o discurso lexitimador que as acompaña. Para iso compre batallar na construción e socialización dunhas propostas críbeis realmente alternativas. Compre colocar no centro da estratexia un programa sistemático para romper o monolitismo hexemónico das ideas neoliberais. Compre batallar por chegar á cabeza da xente con ideas, ideas viábeis formuladas coas verbas vivas de hoxendía.

Para iso compre empezar polo máis básico e esencial: non hai democracia sen soberanía

Para iso compre empezar polo máis básico e esencial: non hai democracia sen soberanía. A democracia non é elixir presidentes ou deputados. A democracia é que a sociedade teña poder e soberanía para as grandes decisións, para as grandes opcións. O pobo pode equivocarse á hora de tomar esas opcións e pode verse obrigado a rectificar os seus erros pero o que constitúe a negación da democracia é que algún poder alleo impoña regras e corsés de obrigado cumprimento, como acontece desde que as grandes decisións se adoptan en opacas  institucións financeiras internacionais e que teñen a súa expresión máis elocuente e simbólica na reforma constitucional express aprobada o agosto pasado.

Pero a democracia alcanza o seu grao máximo de degradación cando as decisións diarias dunha pequena minoría que opera nos mercados financeiros, colocada ao marxe de calquera xurisdición, marca a axenda e as decisións de todos os gobernos soberanos. Claro está, son gobernos que de facto renunciaron á súa soberanía en aras da soberanía das finanzas liquidas e especulativas. En definitiva, a democracia desaparece cando o poder privado reina sobre o poder público, sobre todo porque ese poder privado é, por definición, duns poucos, dunha exigua minoría, unha oligarquía. Unha oligarquía económica que cada vez con maior descaro coopta e hibrida coa oligarquía política a través das famosas “portas xiratorias” entre os gobernos e as finanzas e grandes corporacións.

Nun mundo desregulado global o poder de verdade é o das grandes oligarquías e lobbies das grandes potencias. Romper ou domesticar esa desregulación global é un paso imprescindíbel para restaurar as bases mínimas da democracia, a soberanía. Indo un paso máis alá, a democracia require a soberanía dos países con realidades económicas e sociais relativamente homoxéneas. E iso é así porque as institucións deben adaptarse á realidade económica e social como unha luva se adapta á súa man. A eficacia das institucións deriva da congruencia entre o seu deseño e decisións e as características do sistema produtivo e social no cal se aplican. Dificilmente as súas normas e decisións poden acoplarse ben a unha realidade cando esta é moi heteroxénea ou mesmo internamente contraditoria en moitos aspectos.

Por poñer un exemplo, unha política agraria deseñada para unha agricultura de latifundio ou de secano dificilmente pode producir efectos positivos nunha agricultura de minifundio e húmida e viceversa. Un país con eses dous tipos de agriculturas dificilmente vai ser quen de deseñar unha política acaída ás dúas. O mesmo podemos dicir dunha política monetaria idéntica para países con niveis de vida moi dispares, niveis de competitividade e de prezos tamén dispares. 

A importancia desa batalla de ideas é evidente e esta folga ofrécenos algún elemento de reflexión para comprendelo. Non hai máis que reparar na incidencia relativa da folga nas diferentes nacións do estado español, destacando de xeito especial Euskadi e Galiza

Enfín, a importancia desa batalla de ideas é evidente e esta folga ofrécenos algún elemento de reflexión para comprendelo. Non hai máis que reparar na incidencia relativa da folga nas diferentes nacións do estado español, destacando de xeito especial Euskadi e Galiza, o que pon en evidencia o importante papel xogado polo sindicalismo nacionalista nos dous países. Un sindicalismo arraizado na realidade do país pero sobre todo cun claro enfoque político-ideolóxico e de clase na loita sindical, alonxada dun sindicalismo de pacto e gabinete.

A CIG leva tempo alertando aos traballadores das devastadoras consecuencias da deriva neoliberal e da regresiva batería de “reformas” que plasman a radicalización neoliberal. Como no plano político ven facendo o BNG

A CIG leva tempo alertando aos traballadores das devastadoras consecuencias da deriva neoliberal e da regresiva batería de “reformas” que plasman a radicalización neoliberal. Como no plano político ven facendo o BNG. Ese labor –e activismo militante de ambas forzas- é esencial para entender o altísimo nivel de resposta dos traballadores e cidadáns galegos nesta folga xeral. Iso é algo que, polo que se leva escoitado nos últimos meses, non acaba de entender esa parte fuxidía do nacionalismo que parece ver no sindicalismo da CIG un problema en vez dunha panca para o avance da conciencia política e social no noso país. Unha proba de que o discurso antisindical da dereita neoliberal fai mella máis lonxe do que se puidera pensar pero proba tamén de que son tempos para formular discursos asentados en diagnósticos claros e valentes. Claro está, procurando sempre que cheguen con convicción e razonabilidade á cabeza e ao corazón.

Iso é algo que, polo que se leva escoitado nos últimos meses, non acaba de entender esa parte fuxidía do nacionalismo que parece ver no sindicalismo da CIG un problema en vez dunha panca para o avance da conciencia política e social no noso país.

En todo caso, a nova socialización da incredulidade e a indignación que representa o 29-M pode marcar un auténtico punto de inflexión na percepción social da crise e na súa resposta política. O verdadeiro reto da esquerda e do nacionalismo é conformar un amplo polo que permita sumar e acumular forzas, imprescindíbeis para crear a autoconfianza necesaria para romper o cerco mental neoliberal. No caso de Galiza esa inflexión ben pronto poderá plasmarse tamén eleitoralmente. Unha condición non menor para que iso cualle e reforze os azos colectivos é ter a suficiente intelixencia para sumar sen dividir.

 

*Artigo publicado no blog de Xavier Vence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.