Vendo-os assim tão pertinho, / a Galiza mail’ o Minho, / são como dois namorados / que o rio traz separados / quasi desde o nascimento.
Deixal-os, pois, namorar / já que os paes para casar / lhes não dão consentimento.
Estes versos do poeta raiano João Verde reficten moi ben a filosofía da Semana Cultural Converxencias Portugal-Galiza, un acontecemento que nacía no 2015 e chega á súa segunda edición entre os días 20 e 27 de febreiro do 2016. Unha iniciativa que xurdiu para homenaxear ao Zeca Afonso, polo seu pasamento, e á Rosalía de Castro, polo seu nacemento, mais que comeza a converterse nalgo máis grande. Unha semana que este ano comparte actividades entre Portugal e Galiza.
Este ano, os actos conmemorativos comezan en Galiza cunha homenaxe ao Zeca Afonso, concretamente en Santiago e en Padrón. Alí, no parque que leva o seu nome no Burgo das Nacións, unha Delegación composta por representantes da Associação José Afonso (AJA), União de Freguesias de Nogueiró e Tenões de Braga e do Grupo Canto D ´Aqui fará un acto de homenaxe que inclúe a colocación dun ramo de flores xusto no lugar onde José Afonso, pola primeira vez, en 1972, cantou “Grândola Vila Morena”.
Logo, os “festexos” seguirán na Fundación Rosalía de Castro en Padrón. Ao inicio, haberá unha conferencia do profesor Eduardo Pires de Oliveira “Minho/Galiza - 2000 anos de mãos dadas” seguido dun concerto do Grupo Canto D’Aqui de Braga.
Rematada a parte galega, os actos da Semana Cultural e da homenaxe ao Zeca retómanse no martes, día 23, xa en Braga coa presentación, a cargo de Paulo Esperança (vicepresidente da Associação José Afonso), do livro José Afonso Andarilho nas Astúrias coa presenza do autor, Mário Correia. Durante o acto haberá momentos musicais e colaboración do guitarrista e profesor Artur Caldeira e a participación do Colectivo Irmãos de Fala.
Xa no 24 e no 25, a quenda será para o concerto-homenaxe ao nacemento de Rosalía, o descubrimento dunha placa alusiva á converxencia Portugal (Minho) Galiza na rúa Rosalía de Castro de Braga e o coloquio con convidados e convidadas excepcionais na cultura galego-portuguesa. Serán a Uxía e os Galandum Galundaina os encargados de montar unha festa excepcional no Conservatório de Musica Calouste Gulbenkian.
As persoas que van participar no coloquio-tertulia (que tamén será amenizado con momentos musicais) serán: Henrique Barreto Nunes, bibliotecário; Rosalía Morlán Vieites, poeta; Eduardo Pires de Oliveira, historiador de arte na Universidade de Lisboa; Anxo Angueira, presidente da Fundação Rosalía de Castro; Valentín García Gómez, secretario xeral de Politica Lingüística da Xunta de Galiza; Pedro Dono Lopez, director da Área de Espanhol no Departamento de Estudos Románicos do ILCH da Universidade do Minho; Eunice Maria da Silva Ribeiro, responsable do Centro de Estudos Galegos e Presidente do ILCH da Universidade do Minho; e Ricardo Rio, presidente da Câmara Municipal de Braga e Vice-presidente do Eixo Atlântico. Será Aida Alves, directora da Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva, quen modere o evento.
No venres, a festa luso-galaica continuará cos concertos dos grupos Primo Convexo (Braga) e Pédopôté (Mondariz) no Teatro do Liceu Sá de Miranda| Braga. E xa no sábado, unha clausura de vertixe, co concerto do grupo Canto D’Aqui (Braga) e da banda de Roi Casal (Catoira).
Nos diferentes días serán o Fernando Pena, a Marisa Moreda e o Camilo Silva os encargados de presentar toda esta gala do patrimonio cultural galego-portugués.
Como complemento á Semana Cultural, o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho levará adiante un workshop sobre aspectos da cultura galega. Nel participarán o profesor Eduardo Pires de Oliveira co relatorio “Minho/Galiza - 2000 anos de mãos dadas” e a poeta Rosalía Morlán cunha intervención que leva como título “Qual é o segredo de como nasce e se cria uma poeta”.