Xoves 14 de novembro de 2019. Mal tempo, unha viaxe de Ribadeo a Viveiro e unha decisión: vou en tren.
Na estación, pido billete e comunícanme que o conseguirei no tren. Quedo pensando por que se desaproveita a oficina da estación e o persoal destinado alí, pero tamén que non entendo do tema e pode haber motivos que se me escapan.
Paso ó andén e atópome cunha parella nova con cans e un trebello de rodas que queren meter no tren. Non cabe por unha porta normal, ten que pasar por unha dos extremos. Pero chegan condutor e revisora e din que non poden abrila, que está atascada. A parella déixalles unha ferramenta para tentar abrir. Despois dun intre, a porta segue negándose. Resultado: a parella non sube. O xefe de estación dá a saída e, ó pouco a revisora pasa e lévome un billete de ida e volta Ribadeo/Viveiro por 8,70 €.
A viaxe a Viveiro, co mar encrespado á vista boa parte do recorrido e o ceo cambiante de pingues e escuros a luminosos craros da outra beira dos vidros, precioso, tranquilo, cómodo, agradable.
Á volta, volvo ó apeadoiro con tempo e póñome a esperar entre trombas de auga nas tebras da fría noite debilmente iluminada polas farolas próximas. Pasan as 21:07 previstas e, uns cinco minutos despois, comezo ler os poucos carteis que hai no apeadoiro. Un informa dun número de teléfono para chamar se o tren tarda máis de 10 minutos en pasar despois da hora prevista. Chamo e chamo sen conseguir que me collan. E fíxome noutro teléfono noutro cartel que podería servir. Aí si me collen, e despois de falar cun contestador automático e elixir varias opcións, un interlocutor humano dime que non, que alí non é o que estou a procurar, pero que me pasa con outro número. Aínda estaría esperando a resposta dese outro número, se non fose porque despois dun tempo a comunicación cortouse, sen máis. Volvo chamar ó primeiro número, e, desta, á segunda vez, collen. Explico que estou esperando o tren (daquela xa o rettraso se achegaba á media hora) e sen deixarme rematar cando lle digo onde me atopo, dinme que por esa liña non está a circular ningún tren. Antes de que saíra do meu asombro, engade que me vai vir buscar un taxi e colga. Eficiente.
O taxi non tardou. Saúdo, subo e pregúntolle á taxista se lle entrego a ela o billete. Dime que a ela non, que en todo caso, cando cheguemos a Burela, a quen esté alí. Entre Viveiro e Burela da tempo a desenvolver unha conversa, e entérome de que a rapaza nova que vai diante ven dende o Vicedo con destino Xove, de que ó tren no que eu fixera o recorrido ata Viveiro caeulle un tronco derriba no seu camiño cara a Ferrol, e de que a situación non estaba solucionada, polo que non circulaban trens e facíase o servizo en taxi. Polo que parece, situacións semellantes son frecuentes, cousa de unha cada dúa semanas. O caso é que tamén me di a taxista que o taxi no que vai a revisora tería recibido ordes de ir para Burela, sen especificar, polo que pasou de largo os apeadoiros do camiño e logo houbo a necesidade de axustar outro, no que ía eu, para recoller a xente deixada da man de FeVE.
Polo camiño, mentres -agora si- imos recorrendo os apeadoiros, vexo que o taxímetro xa pasa de 60 € e comezo a pensar de que ademáis de chegar tarde nesta noite de cans, da incertidume do teléfono e o pequeno sobrecusto das chamadas, a FeVE váille saír o meu billete e o da xente que está nunha situación parella a min por un ollo da cara.
Chegamos a Burela, e vexo que se baixa unha rapaza que coñezo do taxi que está esperando: tiña falado coa súa casa e van ir buscala dende Ribadeo, porque non sabían canto tardaría o noso taxi. Como xa están en camiño, e nós 'temos présa' segundo a revisora que estaba esperando, para cumprir o horario, ela queda no andén da estación de Burela e seguimos viaxe, o taxista, a revisora e dous pasaxeiros camiño de Ribadeo. Pregúntame revisora se teño billete, e ó dicirlle que merquei un de ida e volta e facer movementos para sacalo da carteira dime que vale, que entón non fai falta que llo amose.
Seguimos pasando revisión ós apeadoiros, ata pasar a ría de Foz, pero logo tiramos pola autovía. E, de novo, conversa. Falamos, pregunto e a revisora di que espera que a situación mellore: cara ó 2025 está prevista a entrega de novos trens, logo non é previsible que se cerre a liña... mentres, polo camiño, o segundo taxi xa marcaba máis de 280 €. E lémbrome dos 75 €/día para taxi que no seu momento entereime estaban programados para o 2017.