As 100 persoas máis ricas de España aumentaron un 37 % de media a súa fortuna no último período anual que contempla. É dicir, pasaron a ter entre todos 196 000 millóns de euros, despois de ter o ano pasado 'só' 143 000 millóns.
As 'novas' pasan rápido, convértense en 'vellas', son ocultadas polas máis recentes despois de ter contribuído a ocultar ás máis antigas. Mais moitas veces forman parte dun movemento da historia, en certo xeito, convértense en 'históricas'. Velaeiquí unha nova de, cando escribo, hai pouco máis de dez días. Saíu con diferentes titulares e presentacións (gráficas ou ideolóxicas, entre outras). Por exemplo: "Adoro a los ricos de mi ciudad".
Os datos recollidos non eran sempre os mesmos, pero dentro do que cada medio consideraba noticia, equivalentes. Así pasa cunha afirmación, sobre a orixe da noticia: A lista Forbes. É dicir, unha relación que ven sendo algo así como o 'Libro Guinness dos récords', pois ano tras ano bátense marcas nos montóns de cartos que algunha xente acumula.
Esta edición, ó que parece, descobre que as 100 persoas máis ricas (non de mellor sabor nin saber, enténdase) de España aumentaron un 37 % de media a súa fortuna no último período anual que contempla. É dicir, pasaron a ter entre todos 196 000 millóns de euros, despois de ter o ano pasado 'só' 143 000 millóns.
Coido que debería ser máis doado aumentar unha fortuna de 10 000 euros a 13 700 euros que de 143 000 000 000 a 196 000 000 000, porcentaxes de incremento semellantes, pero en cambio non teño claro coñecer de xeito directo a moita xente que aumentara ese 37 % de aumento das grandes fortunas. Iso, aínda que as cifras de capital dos meus coñecidos anden abondo máis próximas a unha decena de millar que a unha centea de millón de euros. Non, non vou ir preguntando, pero dáme a min que non.
Noutro medio con diferente titular especifícase que cada unha das cen persoas máis ricas de España ganou de media 1,45 millóns ó día durante o último ano, ou, máis na liña de consideracións igualitarias, que hai menos mulleres que homes e que elas son 'máis pobres' (considérese o ‘eufemismo’).
A lista pode ter algún cambio, pero os medios máis ben a tratan como unha competición de orgullo alleo: o primeiro da lista, e con moita diferencia, é Amancio Ortega, e é galego! Non sei se tributa na Coruña ou non, pero o tratamento é algo así como dicir 'estamos no mesmo equipo'...
A lista pode ter algún cambio, pero os medios máis ben a tratan como unha competición de orgullo alleo: o primeiro da lista, e con moita diferencia, é Amancio Ortega, e é galego! Non sei se tributa na Coruña ou non, pero o tratamento é algo así como dicir 'estamos no mesmo equipo'... Poderíanse facer outras comparacións, pero coido que con esa, chega.
A lista, polo demais, quédase curta en diversos aspectos. Por exemplo, non especifica a orixe dos aumentos de capital: coido que é diferente o sentido de logralo por especulación financieira que polo incremento de unidades vendidas, ou por baixa de salarios que por mellora da eficiencia da estrutura de fabricación. Tampouco especifica a porcentaxe de impostos (ou o monto total) pagado, e é ben diferente acollerse a unha 'enxeñaría financieira' que rebaixe ós impostos ó 1 % (é un dicir, pero que polas noticias, pode ser realidade en máis dun caso) que que pague o 18 ou 20 %, porcentaxes máis típicas de pagadores normais no entorno que podo máis ou menos controlar.
En fin, a cifra queda aí: +37 %