5 de maio. Memoria para comprender. Para crear Democracia. En homenaxe a Rafael Bárez

Rafael Bárez © Xoán Piñón

Hemeroteca

As persoas que procedemos dese escuro tempo, ben por herdanza, ben por coñecemento directo, ollamos con abraio e indignación como se branquean e estimulan os actos e os discursos dunha forza política que presume da súa ancraxe franquista

Desde a cova do pensamento, onde se rexeita todo apresuramento irreflexivo, toda evocación das novas emocións censuradoras, obsérvase con arrepío con que ropaxes se viste esta sociedade. 

Un país que ignora -ou é indiferente- a dor sobre a que se cimentou unha democracia, aínda e sempre tatexante, vacilante, feble. As persoas que procedemos dese escuro tempo, ben por herdanza, ben por coñecemento directo, ollamos con abraio e indignación como se branquean e estimulan os actos e os discursos dunha forza política que presume da súa ancraxe franquista. 

Branqueo e banalización debedores das renuncias para afrontar a verdade histórica non só do que significou a ditadura franquista, senón de como cimentou a súa praxe desde o poder omnímodo do medo, da represión e da violencia sistemática contra todo aquilo que fose contrario á idea da ‘Nova España’. 

Monólito de homenaxe a Rafael Bárez no barrio coruñés do Castrillón CC-BY-SA Jglamela

A verdade sempre quere emerxer de entre as cinzas do silencio imposto, sempre quere desfacer a manipulación que a somete a un exercicio de malabarismo permanente desde a Transición. 

Branqueo e banalización que nadan de marabilla nos ocos baleiros do noso sistema educativo. E é que se comete un grave erro ao furtar a posibilidade de coñecer a verdade histórica. En efecto, non se trata de regresar ao pasado, senón de superalo mediante o exercicio da comprensión. 

Se non aprendemos dese pasado, se non temos en conta a verdade do seu testemuño histórico, si regresaremos. Porque a verdade sempre quere emerxer de entre as cinzas do silencio imposto, sempre quere desfacer a manipulación que a somete a un exercicio de malabarismo permanente desde a Transición. 

“Es esperanza, miedo, amor; 
es también odio. 
Enseñarme el infierno 
y apagarlo, 
hablar de libertad, 
solo palabras. Ellos no me la dan, 
me la han quitado, 
se la han quitado a todos” 

O que ten unha persoa íntegra é conciencia. Plena conciencia da perda cando entra no cárcere por defender a liberdade atacando ao seu verdugo, ao ditador Franco. Rafael Bárez tiña esa conciencia cando escribiu estes primeiros versos do seu poemario Poemas del 10 de marzo

O que ten unha persoa íntegra é conciencia. Plena conciencia da perda cando entra no cárcere por defender a liberdade atacando ao seu verdugo, ao ditador Franco. Rafael Bárez tiña esa conciencia cando escribiu estes primeiros versos do seu poemario Poemas del 10 de marzo (escritos en la cárcel)

Acontecía, hai 50 anos, xusto despois do 10 de marzo de 1972, cando a policía da ditadura descargou a súa raiba con balas que feriron a ducias de manifestantes de Bazán que reivindicaban melloras laborais e mataron a Daniel Rey e Amador Niebla. 

“Te hicieron Hombre y te hicieron Historia 
se mataron un poco con tu muerte, 
Amador, Daniel, el 10 de marzo” 

E tivo razón profética Bárez xa que o 10 de marzo é o día en que reivindicamos a clase obreira galega. É un fito na loita antifranquista que tería o seu seguemento na folga de Vigo no mesmo 1972. Tócanos aos que quedamos explicar as razóns do asasinato de Amador e Daniel. 

Rafael Bárez © Memorias do Cárcere (Foto: Xoán Piñón)

Explicar como a represión foi terrible e moitos dos camaradas do PCG e das CC.OO. que participaron nas protestas acabaron no Cárcere de Coruña

Explicar como a represión foi terrible e moitos dos camaradas do PCG e das CC.OO. que participaron nas protestas acabaron no Cárcere de Coruña, onde Rafael Bárez estivo nove meses e compartiu cela con Vicente Álvarez Areces, e onde estiveron tamén, sen afán de exahustividade Manuel Amor Deus, Rafael Pillado, Julio Aneiros, Fernando Miramontes, Sari Alabau, José Torregrosa, entre outros. Explicar como se organizaba a solidariedade dentro do cárcere, a ‘comuna’ como a definía Bárez. 

E cando saía un camarada, quedaba un pensamento dialéctico, que se alegraba mais tamén que daba tristura: 

“Y los poemas se acaban 
¡Qué tristes los poemas! 
¡Qué pobre yo, si otra cosa no tengo! 
En esta noche con olor a libertad, 
no puedo dormir. 
Pienso” 

Desde que sae, en tanto que avogado laboralista, non deixaría de presentarse en defensa dos dereitos dos camaradas que desexaban ser ante todo cidadáns en democracia

As demandas de liberdade foron contestadas con máis represión e violencia, con especial importancia do Tribunal de Orde Pública (TOP). 

Multiplicábanse as detencións e as acusacións de todo tipo. Rafael Bárez sae do cárcere pouco antes de finais de decembro de 1972. Todas as noites deses nove meses devecera por esa liberdade: 

“Mi cama es como un tren rumbo hacia el sueño, 
que parte de la cárcel, cada noche, 
y descarrila en cada madrugada, 
Galería 5 y celda 17” 

Portada do libro 'Poemas del 10 de marzo' © Alvarellos

Sirvan estas liñas para reivindicar a importancia do coñecemento da verdade histórica para afrontar o pasado e non regresar a el co descoñecemento e a manipulación de quen degrada a democracia día a día

Desde que sae, en tanto que avogado laboralista, non deixaría de presentarse en defensa dos dereitos dos camaradas que desexaban ser ante todo cidadáns en democracia. Que os verdugos querían amordazar este desexo de democracia, vese no asasinato dos avogados de Atocha o 24 de xaneiro de 1977 e no intento de Golpe de Estado de 1981. Canto tivo que ver este último feito no silenciamento de quen desexaba reparación e xustiza? 

 

 

O 5 de maio de 1996, aos 50 anos de idade, falece Rafael Bárez. Unha persoa íntegra e coherente: 

“ser libre es no rendirse, 
cambiar el escenario de la lucha; 
es preñar el futuro con simiente 
de saber quiénes somos, dónde vamos” 

Sirvan estas liñas para reivindicar a importancia do coñecemento da verdade histórica para afrontar o pasado e non regresar a el co descoñecemento e a manipulación de quen degrada a democracia día a día. Sirvan tamén de agradecemento e saúdo respectuoso á súa compañeira, María Victoria Fernández Flórez, ‘Toya’, pola súa agarimosa dedicatoria do libro publicado por Alvarellos no ano 2017, do que tiven a honra de recitar uns versos na Feira do Libro da Coruña e de onde proceden todas as citas deste artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.