De madrugada, despois de exercer de tertuliano sabelotodo na radio que Praza Pública argallou para esta noite electoral, deixo aquí algunhas das ideas que comentei alí e algún que outro pequeno condimento novo.
O réxime abala. O bipartidismo non se afunde (polo de agora) pero sangra en abundancia, especialmente polo seu elo máis débil: o PSOE
1. O réxime abala. O bipartidismo non se afunde (polo de agora) pero sangra en abundancia, especialmente polo seu elo máis débil: o PSOE. Cataluña vaise converter nunha auténtica dor de cabeza e o País Vasco non se conformará co taponamento ao proceso de paz. As frontes abertas no status quo da II Restauración Borbónica multiplícanse e os recambios en forma de novas formacións rexeneracionistas como UPyD non acaban de callar.
2. AGE coloca a Lidia Senra no Parlamento europeo e consolídase como terceira forza aguantando o tirón despois do affaire Carmiña, de que Anova, polo seu proceso interno de decantación ideolóxica e de modelo organizativo (aínda en curso) non puidese proxectarse socialmente todo o ben que se requería e de que a Izquierda Unida lle saíse un novo competidor. A lectura da realidade a partir da cal naceu Anova, que percibía o divorcio entre a esquerda nacionalista e a rúa e que alertaba da emerxencia dun novo fascismo financeiro disposto a desmantelar o que había de democracia e de xustiza social (que xa ten o seu correlato político no fascismo tipo anos trinta que hoxe trunfa en media Europa) demostrouse correcta. A aposta pola confluencia no esquema fronte populista, que polo de agora chegou até onde chegou, segue a ser un camiño a percorrer no noso país e no Estado. Dentro do campo do nacionalismo galego, nin o enrocamento do BNG, que con estes resultados sería a quinta forza no Parlamento galego, nin a aposta pola pesca no cada vez máis inexistente cadoiro do centro político de CxG están en condicións de ofrecer unha vía que permita acadar maiorías con vocación de mudar todo o que compre mudar. Anova propuxo mover os marcos e ben faría en seguir a movelos no futuro desbotando calquera tentativa de repregamento na pureza da familia nacionalista.
A lectura da realidade a partir da cal naceu Anova, que percibía o divorcio entre a esquerda nacionalista e a rúa demostrouse correcta
3. A irrupción de Podemos indícanos que o 15m, contra o que algúns pensaban, non era unha anécdota e que hai un segmento da poboación do Estado español que demanda, dun xeito máis ou menos utópico, pero real, outro tipo de organizacións políticas, que non ten medo a un discurso á esquerda do socialiberalismo e para a que a cuestión do relevo xeracional, nun sistema político dominado polas mesmas persoas que accederon á política no tardofranquismo, é un tema importante. Como sempre que acontece un grande éxito electoral, chegarán tamén os problemas que sempre xorden cando se pasa do plano do discurso ao plano da concreción, tanto ideolóxica-programática como organizativa, pero polo de agora están no seu dereito de celebralo.
Na extrapolación dos resultados a Galicia obsérvase a posibilidade dunha alternativa de esquerdas á dereita que precisaría que o proceso de acumulación de forzas iniciado por AGE non só non se deteña senón que se deba aprofundar
4. Na extrapolación dos resultados a Galicia obsérvase a posibilidade dunha alternativa de esquerdas á dereita que precisaría que o proceso de acumulación de forzas iniciado por AGE non só non se deteña senón que se deba aprofundar, sexa con actores políticos xa existentes con anterioridade a estas eleccións (se así o desexan) ou sexa con novos actores políticos como Podemos. O PP está en cifras de mínimos históricos no noso país e o PSOE só ten dúas opcións: ou unha rexeneración pola esquerda (seguramente improbable pero o futuro non está escrito) ou o suicidio en forma de maior achegamento ao PP (incluíndo tamén na opción suicidio seguir a pensar que o seudo antagonismo PP-PSOE seguirá a funcionar como até o de agora e que non existe xa unha percepción xeralizada de que estes dous partidos conforman hoxe un só conglomerado de intereses compartidos).
A tradución da polarización económica norte/sur en expresión política cunha viraxe á esquerda no sur de Europa e á dereita e extrema dereita no norte, é posible que sexa a única vía para que o edificio da UE trema de vez
5. O Parlamento Europeo seguirá sendo igual de inútil que xa era para resolver o carácter antidemocrático das institucións da UE. Pero a tradución da polarización económica norte/sur en expresión política cunha viraxe á esquerda no sur de Europa e á dereita e extrema dereita no norte, ambas con opcións de ocuparen no futuro os resortes dos Estados, é posible que sexa a única vía para que o edificio da UE trema de vez. Haberá que estar atentos a se a emerxencia da Fronte Nacional en Francia, coa súa retórica proteccionista e anticosmopolita, crea friccións entre as distintas dereitas Europeas. Así mesmo, o que poida suceder en Grecia ante un enventual goberno de Syriza que faga efectiva a súa promesa de plantarse ante a Troika será moito máis determinante para comprobar como de reformable é a UE que a aritmética política do impotente Parlamento Europeo.