Hai 4500 anos dúas cidades sumerias enfrontáronse nunha guerra que durou máis dun século. O motivo era o control dunha rexión agrícola de extraordinaria riqueza, situada entre o Tigris e o Éufrates.
Se botamos unha ollada á historia das guerras, temos que admitir que a guerra, as guerras teñen sempre como motivo a cobiza doutros territorios e a cobiza do poder, por máis que o adobiemos con adxectivos e explicacións que traten de xustificalas: guerra santa, guerras coloniais=civilizadoras, guerras defensivas, guerras civís=ideolóxicas, etc.
Pero todas son guerras de conquista, conquista de territorios, conquista de poder, conquista de prestixio, co que isto implica de dominación dos máis débiles polos mais poderosos, até a eliminación física ou política do contrario en beneficio propio.
Podemos pensar, por exemplo, que os romanos pretendían a creación dun gran imperio para compartir e beneficiar aos pobos vencidos cos seus avances en arquitectura, industria, ou agricultura? Non, os adiantos e a lingua (xa tiñamos unha) que nos legaron foron consecuencias positivas, pero no outro prato da balanza hai que pór os mortos e o espolio da riqueza mineira dos pobos do NO.
Podemos crer que os británicos, Portugal ou España fixeron as guerras coloniais para civilizar indíxenas. Non sería máis ben para expoliar as súas valiosas mercadorías como a prata, a seda , as especias, aínda que para iso tiveran que exterminar pobos enteiros e destruír importantes civilizacións?. Isabel a Católica non vendeu as súas xoias por motivos altruístas. Era sabia e ambiciosa e previu os beneficios económicos e de poderío que lle reportaría o “DESCUBRIMENTO”, pois aí estaban as fabulosas ganancias que os portugueses e o imperio británico obtiñan do comercio e conquista de países asiáticos e africanos.
E que son as guerras defensivas máis que a volta a empezar dunha agresión anterior? Sempre hai un primeiro agresor. E se aplicamos esta regra, até podemos xustificar as atrocidades cometidas polo fascismo como lexítima defensa dunha Alemaña humillada e sometida ás fortes sancións económicas e territoriais do Tratado de Versalles, imposto polos vencedores da primeira guerra mundial.
E as guerras civís que até agora eran consideradas polos historiadores como ideolóxicas, cheas de heroes e románticos idealistas? Pois actualmente, moitos investigadores e investigadoras coidan que son múltiples os factores que as desencadean e as ideoloxías non son senón a expresión dos conflitos internos dunha sociedade.
Non se pode branquear a guerra e aceptala como algo normal , inherente á condición humana.
A guerra é a continuación da política por outros medios. E tras dela unicamente quedan cidades devastadas, campos ermos, fame, morte, medo; a xuventude de moitas xeracións tronzada; desintegración da sociedade e odio, moito odio.
Se non somos capaces de entender que hai que buscar e emprender accións encamiñadas a favorecer que a PAZ sexa unha condición permanente nas relacións sociais e dos estados, estaremos abocados e abocadas á GUERRA PERMANENTE.
Cospeito, 6 de novembro de 2023