70 anos do debut de Luisito Suárez en Primeira División

Debut de Luís Suárez en Les Corts contra o FC Barcelona. De pé: Mangriñán, Zubieta, Rodolfo, García, Tomás e Otero anicados: Arsenio, Oswaldo, Pahíño, Suárez, Marroig e o porteiro suplente Lestón Dominio Público

Para Luisito Suárez, in memoriam. Moitas grazas pola túa xenerosidade para conmigo


Dicía Arsenio Iglesias: "Luisito foi futbolista máis elegante da historia do fútbol". Vexamos.

Dicía Arsenio Iglesias: "Luisito foi futbolista máis elegante da historia do fútbol". Vexamos

Luís Suárez Miramontes naceu na Coruña, 2 de maio de 1935, na Avenida de Hércules, número 20, onde seus pais Agustín Suárez López e María Miramontes González rexentaban unha carnicería. En fronte estaba o colexio Curros Enríquez, gran edificio modernista proxecto de Pedro Mariño, que se transformou dende a guerra franquista en fábrica de armas durante moitos anos até que en 1958 se inaugurou a nova en Palavea.

Luís Suárez tiña dous irmáns maiores, José que xogou no Deportivo, Alcoiano e Celta de Vigo e Agustín que xogou no Deportivo Ciudad e no Juvenil, filial do Deportivo. Ao carón da casa dos Suárez vivía o gardameta deportivista Otero, o que será seu mestre, compañeiro e protector no Deportivo.

Como tódolos rapaces comezou xogando no equipo da súa rúa, o Hércules, e xa de maneira máis formal no Perseverancia da parroquia de Santo Tomás. Calquera descampado, e A Coruña da época tiña moitos, valía para montar un partido de fútbol entre rapaces. Ademais da propia rúa, o mellor campo e a mellor escola, existían outros onde se xogaban diversos partidos como eran o Campo da Traída (Depósito da Auga) que era moi inclinado e pedregoso o que obrigaba a facer aprendizaxes varios; o Campo da Lúa na Avenida de Hércules, onde estaba a fábrica de xabóns Candado de Manuel Beceiro que nalgún momento axudou a compra das camisetas do equipo; o Campo da Rata na Torre onde tantos demócratas foran fusilados como o deportivista Bebel García “o da Lejía”; outro lugar era o Campo do Hospicio e tamén se xogaba nos Campos de San Diego ou no verán na praia de San Amaro. O máis regulamentario Campo da Granxa será inaugurado o 6 de febreiro de 1944.

Deportivo xuvenil. Anicados primeiro pola dereita Bouza e seguido Luís Suárez. Os dous xuntos desde os oito anos até os 18 xogaron innumerables partidos. Hoxe Bouza, de Monte Alto, queda como testemuña daquela xeración formidable da escola de Alexandre Scopelli Dominio Público Xan Fraga

A ESCOLA DE SCOPELLI E O DEPORTIVO XUVENIL

Feito moi relevante para o fútbol xuvenil e afeccionado vai ser a chegada de Alejandro Scopelli, ex internacional arxentino, como adestrador do Deportivo na temporada 1949-50. Scopelli, defensor da formación de xogadores dende a canteira quixo organizar unha escola infantil de fútbol e o Deportivo puxo un anuncio na prensa para convocar a rapaces co obxectivo de formar varios equipos infantís

Feito moi relevante para o fútbol xuvenil e afeccionado vai ser a chegada de Alejandro Scopelli, ex internacional arxentino, como adestrador do Deportivo na temporada 1949-50. Scopelli, defensor da formación de xogadores dende a canteira quixo organizar unha escola infantil de fútbol e o Deportivo puxo un anuncio na prensa para convocar a rapaces co obxectivo de formar varios equipos infantís. En Riazor ese día presentáronse centos de nenos. Rapidamente se observou que un destacaba moito: Luisito Suárez.

A idea no Deportivo da Coruña era que estes xogadores xuvenís do Deportivo A se fosen fogueando . Así se fixo e competiron na mesma categoría que o outro equipo filial o Fabril, e dicir na Serie A Rexional nesa temporada 1952-53. A categoría estaba formada por 10 equipos: Astano, Esteiro, Flavia, Brigantium, Fabril SD, Eumesa, Deportivo A, Sporting Lugo, Noya e Arenal de Santiago. Ao final tripla empate na cabeza entre Astano, Deportivo A e Eumesa. A tripla empate resólvese polo número de puntos conseguidos nos partidos entre eles e a suma da: Astano 6 puntos, Deportivo A 4 e Eumesa 2, polo tanto campión o Astano de Perlío (Fene, Ferrol) que xogará a final de Galicia contra o Turista, quen será finalmente o vencedor. 

COPA FEDERACIÓN

Ao rematar a Liga na Serie A Rexional o Deportivo A de Luís Suárez xogará este torneo da Federación comezando precisamente contra o Fabril o 10 de maio 1953 no Estadio de Riazor con empate a un tanto, goles de Losada e Neche, onde segundo as crónicas brillou como case sempre Luisito Suárez

Ao rematar a Liga na Serie A Rexional o Deportivo A de Luís Suárez xogará este torneo da Federación comezando precisamente contra o Fabril o 10 de maio 1953 no Estadio de Riazor con empate a un tanto, goles de Losada e Neche, onde segundo as crónicas brillou como case sempre Luisito Suárez. Teño especial interese en pór as aliñacións para que se vexa e quede claro que o equipo de Suárez non é o Fabril, como se ten escrito senón o Deportivo A. 

Deportivo A: Juan; Botana, Modesto, Novo; Manín, Del Río; Díaz Varela, Suárez, Losada, Regueira e Bouza.

Fabril: Gantes; Ricoy, Alberto, Dorrego; Varela, González; Chines, Neche, Fondo, Milucho e Otero.

Mentres tanto o Deportivo xogábase a permanencia en Primeira División nunha Liguiña de Promoción co Celta, At. Tetuán, Hércules, España Industrial e Avilés . Sendo adestrador dos deportivistas Helenio Herrera mandou preparar un partido contra o Juvenil de Terceira que dirixía Rodrigo para ver algún xogadores. O partido xogouse o xoves 4 de xuño 1953 (o domingo partido da Liguiña contra Celta en Riazor) co resultado de Juvenil 4 Deportivo A 2. Os goles foron de Losada, Suárez, Agustín, Naya (2) e Seijas.

Era a primeira vez que Helenio Herrera vía xogar a Luís Suárez?. Que impresión sacou? Anotaría no seu caderno algún apunte sobre o mesmo? O cineasta Gonzalo Suárez, que coñeceu como ninguén a Helenio Herrera, igual sabe algo, pois puido consultar os seus apuntamentos. No libro Yo Helenio Herrera, no que o director de La Parranda algo tivo que ver, o mago di que cando se foi para o Sevilla o primeiro xogador que lle pediu ao presidente Sánchez Pizjuán foi a Luís Suárez.

Un once do Deportivo con Arsenio, Pahíño ou Luís Suárez CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

LUÍS SUÁREZ NO FABRIL. CAMPIONATO REXIONAL DE AFICIONADOS

Ao rematar a temporada 1952-53 o equipo do Deportivo A de Luís Suárez, que adestrara Waldo Botana, inexplicablemente desfíxose e os diversos xogadores foron engrosando as filas doutros equipos: Brigantium, Torre, Imperator...e o Fabril

O 17 de setembro 1953 o Fabril renovou o convenio de filialidade co Deportivo e cedeulle o interior esquerdo Luís Suárez que nun primeiro momento estaba destinado a xogar no Juvenil de Terceira División

O 17 de setembro 1953 o Fabril renovou o convenio de filialidade co Deportivo e cedeulle o interior esquerdo Luís Suárez que nun primeiro momento estaba destinado a xogar no Juvenil de Terceira División con Rodrigo como adestrador. Pero finalmente foi para o Fabril, que adestraba Manolo Neira co que xogou 10 partidos e foi Campión Galego de Afeccionados. Mais non na Liga. Só ese campionato. Polo tanto queda desmentido, como sae en varios libros e artigos, que xogase no Fabril ningún tipo de Liga nin un suposto play off de ascenso.

A final dese campionato celebrouse o domingo 15 de novembro 1953, no Campo de Barreiros en Vigo, o partido de ida, con vitoria do Fabril por 2-4. Marcaron polos coruñeses Luís Suárez, Naya (2) e Barreiro; polos vigueses Fernando e Visito.

Turista: Monje; Suso, Soto, Zalo; Neno, Barciela; Visita, Celso, Tucho, Fernando e Claudio.

Fabril: Gantes; Boedo, Piñeiro , Porvén; Barreiro, Luís; Chines, Naya, Prieto, Suárez e Bouza

No partido de volta en Riazor o sábado 21 de novembro 1953, aínda que o Fabril perdeu por 1-2, quedou campión de Galicia. Os goles foron obra de Sampedro, Neno e Naya.

Os fabrilistas recibiron o trofeo de Campións da Copa de mans do presidente da Federación Galega de Fútbol Fernández Sar que o entregou o seu capitán Chines; os azulgranas levaron a ombros o seu adestrador Neira.

Foi o último partido de Luís Suárez co Fabril. O seguinte partido xa será en Primeira División e fronte ao Barcelona no campo das Corts.

DEBUT DE LUÍS SUÁREZ EN PRIMEIRA DIVISIÓN

 Carlos Iturraspe, adestrador deportivista, nun acto de valentía convoca a Luís Suárez. Interrogado pola prensa (2 de decembro 1953) se non considera prematuro facer debutar a Suárez nas Corts fronte a todo un Barcelona, Iturraspe contesta: "Cando hai clase e facultades calquera ocasión é propicia para xogar; hai que arriscarse a pesar da súa xuventude”.

Cando van disputados 11 partidos da Liga 1953-54 o interior branquiazul Moll é baixa, por pequenas molestias, para o seguinte partido en Barcelona. Carlos Iturraspe, adestrador deportivista, nun acto de valentía convoca a Luís Suárez. Interrogado pola prensa (2 de decembro 1953) se non considera prematuro facer debutar a Suárez nas Corts fronte a todo un Barcelona, Iturraspe contesta:

"Cando hai clase e facultades calquera ocasión é propicia para xogar; hai que arriscarse a pesar da súa xuventude”.

Iturraspe comunícalle ao xogador o mércores que o domingo será titular co equipo. O partido xogase nas Corts de Barcelona o domingo 6 de decembro de 1953. Luís Suárez ese día saúda a Martín, (que este partido non xogaba co Barcelona pois neses días preparábase o seu traspaso ó Atlético de Madrid) a Maristany (coruñés e ex deportivista agora no Barcelona) e paseo pola cidade sempre en compañía de Otero como nos tempos do Perseverancia de Monte Alto. 

Suárez causou unha moi boa impresión. Samitier, secretario técnico do Barça dixo: “Acabamos de asistir ao nacemento dunha figura do fútbol español, aínda que de momento sexa unha promesa”. A prensa catalá queda prendada do xogo de Luisito Suárez a quen destacan como o mellor dos 22 xogadores

Con apenas 18 anos debuta no campo das Corts contra o Barcelona de Kubala gañando os cataláns por seis goles a un. O mesmo resultado que acontecera co debut de Arsenio no mesmo escenario en outubro de 1951. Luís Suárez realiza un partido memorable, con xogadas que provocan o aplauso do público blaugrana como por exemplo no magnífico pase en profundidade, moi longo (será marca da casa en 20 anos de xogador na elite) a Pahíño que supuxo o gol deportivista.

Suárez causou unha moi boa impresión. Samitier, secretario técnico do Barça dixo: “Acabamos de asistir ao nacemento dunha figura do fútbol español, aínda que de momento sexa unha promesa”. A prensa catalá queda prendada do xogo de Luisito Suárez a quen destacan como o mellor dos 22 xogadores. O propio Kubala manifestará nos vestiarios: este chaval chegará moi lonxe. Non se equivocaba nada. Un xogador extraordinario que saíu de Monte Alto, de xogar no campo da Lúa, cheo de pedras, e saltará en moi pouco tempo da Serie A (Cuarta división) a máxima categoría. Faltaba poucos meses para que debutara tamén no propio Barcelona e axiña se convertirá nun dos mellores xogadores de tódolos tempos. Mais iso é outra historia.

 

Xan Fraga Rodríguez

Luís Suárez. Fútbol de seda. Editorial Baía, 2010

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.