Adeus a Luís Suarez, mito galego do fútbol mundial

Luís Suárez e Amancio Amaro © RC Deportivo

O único Balón de Ouro masculino do fútbol español, dúas veces campión de Europa, triunfante nunha Eurocopa, ídolo dunha xeración e mito no Inter de Milán. Marchou Luís Suarez, falecido este pasado domingo, aos poucos meses do seu amigo Arsenio e no mesmo ano que Amancio Amaro. Tres mitos do Deportivo, lendas do fútbol galego. 

"Luisiño, o máis grande futbolista de España de todas as épocas", dicía Arsenio dun futbolista cun enorme palmarés que é ídolo dunha xeración e mito no Inter de Milán

A morte de Luís Suárez supón a última das perdas dun ano, o 2023, que será lembrado como aquel no que o deportivismo, A Coruña e o fútbol de Galicia perderon os que pode que fosen os seus maiores símbolos. 

En menos de cinco meses, desde que Amancio, criado no coruñés barrio dos Mallos, morrese en febreiro. Arsenio, o raposo de Arteixo, marchou en maio deixando na cidade e no deportivismo as mostras de devoción e homenaxe á altura dunha personaxe mítica. Nesa mesma altura sitúase Suárez, coruñés de Monte Alto, criado no Deportivo como os seus dous amigos pero que cedo abandonou Galicia para tornarse en ídolo no Barcelona e, sobre todo, no Inter de Milán, onde gañou dúas Copas de Europa e outros moitos títulos no que aínda é considerado o mellor equipo que xamais tivo o conxunto neroazzurro: la Grande Inter. 

O futbolista Luis Suárez xogando co Inter de Milán © Inter

"Luisiño, o máis grande futbolista de España de todas as épocas", definiuno varias veces Arsenio, que chamaba así, con diminutivo eterno, a aquel futbolista de seda que empezou no equipo dunha parroquia -o Perseverancia- para acabar liderando con outros dous galegos, Amancio e Marcelino, a España no seu primeiro gran título: a Eurocopa de 1964, nun ano no que tamén alzou a Liga italiana, a Copa de Europa e a Intercontinental. Nunha etapa na que o coruñés xa levaba tempo disputando o trono futbolístico mundial a calquera: foi Balón de Ouro en 1960, dúas veces Balón de Prata e unha de Bronce, ademais de estar oito temporadas consecutivas entre os nomeados ao galardón a mellor xogador de Europa.

Luisiño foi unha estrela precoz. "O equipo regular, pero ese número dez que xoga no filial vai ser unha figura mundial", advertía en 1953 José Mangriñán, futbolista valenciano que acababa de fichar polo Deportivo, ao presenciar un adestramento do seu novo equipo no que xa participaba aquel imberbe rapaz de 17 anos que acabaría debutando no conxunto coruñés.

"Hai veces que non sei se falo castelán, galego ou italiano", dicía quen nunca perdeu o acento do seu barrio de Monte Alto

Non se trabucaba, aínda que no club coruñés non pensasen o mesmo. Vendérono ao Barcelona xunto ao uruguaio Dagoberto Moll ao pouco de debutar no equipo branquiazul, con pouco máis dunha ducia de partidos ás costas no fútbol profesional, o primeiro deles, precisamente, nas Corts, estadio culé. E viron desde A Coruña como aquel pícaro levaba o nome de Monte Alto ao altar do fútbol europeo.

Triunfou no Barcelona -foi alí onde gañou o Balón de Ouro que loce no museo do club- pero marchou entre asubíos incomprendidos a un Inter no que sería ídolo e viraría en lenda. Na mesma cidade onde aínda vivía, onde respondía -sempre amable- ao teléfono con esa mestura de acento galego, de barrio coruñés e italiano. 

Luís Suárez co Balón de Ouro © FC Barcelona

A Coruña aínda é hoxe, con Ámsterdam, a única cidade do mundo que colocou dous veciños no podio do Balón de Ouro: en 1964, Suárez foi segundo e Amancio, terceiro

"Hai veces que non sei se falo castelán, galego ou italiano", desculpábase entre expresións que asinaría hoxe calquera veciño do campo de Marte, onde unha placa lembra a súa casa natal, na avenida de Hércules, co mar do Orzán á fronte e a Torre ás costas.

"No estadio do Inter poñíanlle unha alfombra vermella aló por onde pasaba", explicaba algún xornalista galego impactado pola reverencia que aquela afección mantiña por Suárez, que ocupou varios cargos de relevancia no club unha vez retirado e que foi adestrador (tamén no Deportivo) e mesmo seleccionador español no mundial de Italia en 1990. "Il calciatore perfetto che, con il suo talento, ha ispirato generazioni. Ciao Luisito", despediuno a entidade milanesa este domingo. "Un giocatore avanti 30 anni. Un gallego diventato milanese", resume un xornalista italiano. 

Di Stéfano, un dos seus ídolos e amigos, situábao á súa altura. E quen o viu xogar non dubida que poucos máis grandes houbo e haberá. Eran outros tempos, aqueles nos que Galicia e A Coruña podían presumir de ser o berce de dúas estrelas mundiais. Aínda hoxe, a cidade é a única urbe do mundo, con Ámsterdam, que tivo dous futbolistas no podio do Balón de Ouro: Amancio foi terceiro e Luís Suárez segundo en 1964, cando o británico Denis Law levou o galardón. Un dos Mallos e outro de Monte Alto. 

Se non sapete cosa fare, date palla a Suarez”, dicía Helenio Herrera, adestrador clave na súa carreira, tanto no Barça coma no Inter. Malia todo, sempre se sentiu algo esquecido en España. "Se en lugar de galego fose catalán, e ao ter triunfado no Barcelona, teríaseme recoñecido máis", adoitaba dicir quen, farto dos asubíos, dedicou un corte de mangas á bancada barcelonista nun partido amigable que foi disputar co Inter. En Milán sentíase na casa e alí, na parroquia de San Giuseppe Calasanzio, celebrarase o seu funeral este martes 11 de xullo. Pero nunca esqueceu Galicia nin A Coruña. 

"O único que me falta é que torne o meu Deportiviño a Primeira División", dicía hai pouco na despedida dun programa homenaxe na TVE quen nunca deixou de visitar A Coruña Non puido ser. Pero leva o recoñecemento dos seus e de moitos outros.

Marchou o mellor futbolista galego de todos os tempos, cunha morea de títulos e un recoñecemento mundial algo ensombrecido para quen ollou os seus mellores momentos en branco e negro e a milleiros de quilómetros. E vaise xuntar co seu querido Arsenio, que nunha das súas últimas conversas públicas, na TVG e ambos superando os 80 anos, referíase a el como "Luisiño". E Luisiño chamoulle "neno". Aló arriba estábaos agardando xa Amancio. Tres mitos. Tres lendas galegas para o fútbol que quixeron marchar xuntas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.