"Non hai Dépor sen Arsenio; e Arsenio sen Deportivo". A estrofa da emblemática canción que Os Diplomáticos de Monte Alto lle dedicaron resume como poucas a importancia do ex-xogador e ex-adestrador no club branquiazul. O Bruxo de Arteixo faleceu este venres aos 92 anos de idade logo de tempo afastado da vida pública por mor dunha enfermidade.
A Coruña e o deportivismo vístense de loito e despiden á que, ben seguro, é a figura indiscutible que reúne máis cariño e admiración. "O personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo nos 116 anos de historia do club", di o Deportivo. Un recoñecemento que se estende a todo o fútbol, galego e global. Porque Arsenio foi -e seguirá sendo- moito máis que aquel veterano e astuto adestrador que forxou o Superdépor hai trinta anos. O raposo de Arteixo -o Sabio -supón tamén en Riazor un mito e unha filosofía na que recoñecerse. A mesma que expresou en centos de roldas de prensa, con reflexións para a historia. Para a vida.
"Mucho que decir y poco que contar". Valería para este día, pero foi unha das frases que hai tres décadas deixou nunha das súas inesquecibles comparecencias, pouco despois de que o Deportivo perdese a Liga tras errar Djukic un penalti "cando xa non había tempo nin para respirar". Esa que tantas veces foi posta como exemplo do saber estar e saber perder, como síntese dun home que evitaba os focos na vitoria e tiraba de profunda reflexión e filosofía cando viñan mal dadas.
Arsenio foi moito máis que un emblemático xogador e adestrador ou forxador do Superdépor; é un mito en Riazor e unha filosofía de vida na que recoñecerse
"A derrota é máis humana", dixera ás poucas horas de gañar a Copa do Rei de 1995, o seu único título, o primeiro daquel Deportivo que abraiou no fútbol. Moito antes, Arsenio xa xogara seis tempadas coa camiseta branca e azul. Durante outras 14, en diferentes etapas, ocupou o seu banco, devolvéndoo a Primeira logo de 18 anos en 1991, protagonizando salvacións agónicas, forxando o Superdépor e sentando as bases do equipo que logo gañaría a Liga. O técnico arteixán foi quen máis partidos oficiais dirixiu o equipo coruñés (568) e suma 714 encontros oficiais, xa for no banco ou no céspede.
A súa relevancia como adestrador e a sona que o acompañou durante o Superdépor adoitan agochar unha carreira notable como futbolista. No campo, co seu e con outros equipos (Granada, Oviedo ou Sevilla), disputou máis de 320 partidos como profesional -238 deles en Primeira-, marcou 82 goles, debutou na Copa de Europa co equipo hispalense e xogou -e marcou- nunha final de Copa entre o conxunto nazarí e o Barcelona no Santiago Bernabéu.
Alí, no Real Madrid, acabou a súa carreira como técnico antes da súa experiencia á fronte da selección galega xunto a Fernando Vázquez. No club branco sufriu soidade e os desprezos dun imberbe Raúl. Arsenio, de orgullosa orixe rural e sinxelo, sentiuse un intruso naquel xigante. "Eu son aldeán e punto", reivindicou nalgunha ocasión. Farto, tamén, daqueles que no seu falar, na súa retranca ou na súa humildade quixeron facelo de menos.
Era todo o contrario. Naquela cautela e ironía, o Zorro adoitaba ir por diante; e os que o coñeceron admiraron sempre as virtudes dun home extremadamente culto e cultivado. E moi da Terra. "Na definición de galego no diccionario debería saír a súa foto", dicían del os que gababan os seus logros e a súa personalidade, esa tan propia dun recuncho atlántico: a dun home nada presuntuoso, tan dado ao pesimismo e á modestia.
Arsenio foi máis un heroe popular que fachendoso; retranqueiro, humilde e orgulloso das súas orixes, reivindicábase como home "de aldea"
Arsenio, en pleno auxe do Superdépor, seguía axudando na librería familiar que levaba o seu nome no barrio coruñés da Sagrada Familia. A mesma persoa que protagonizaba algunha das portadas podíache vender o xornal onde saía a súa foto. Ou asinar un autógrafo. Entre a sorpresa da rapazada, tamén deste que escribe.
O Raposo sempre foi máis un heroe popular que de fachenda. Tanto que, en 1995, nos actos de celebración pola Copa en Riazor, abandonou o estadio en solitario, sen ruído e ás presas, no que era o seu último día como deportivista e logo dun enfrontamento co presidente Lendoiro. Non lle faltaba orgullo.
Días antes, o fondo de Riazor despedíao cunha pancarta: "Arsenio, para nós sempre serás o mellor", a mesma frase que luciu na homenaxe que se lle tributou en 2016 e que agora rexorde. Na mesma bancada de General que o defendeu sempre cando da Tribuna agromaban asubíos e críticas. O Bruxo tamén foi iso: o símbolo popular, humilde e de aldea, un espello onde mirarse. Viñeses de onde viñeses.
Aqueles "nenos descamisados" aos que admiraba por seguir o Deportivo polos campos adiante usan agora esa definición en forma de pancarta identificativa no estadio. O podcast deportivista máis seguido emprega outra frase de Arsenio como nome (Cuánto sufrimos Martín, aludindo á reacción xunto ao capitán Lasarte tras salvar a categoría nunha promoción ante o Betis) e de cara á vindeira campaña electoral das municipais, hai partidos -o BNG- que empregan o seu principio futbolístico como lema de campaña: "Orde e talento".
As súas sentenzas en roldas de prensa e entrevistas deixaron legado para sempre: son protagonistas en pancartas, títulos de programas ou lemas de campaña electoral
Naquela idea baseou o seu fútbol. O da súa época, na dun técnico que dosificaba mesa por mesa o viño que tomaban os seus futbolistas, a daquelas figuras que, como Mauro Silva, Bebeto ou Fran, falaban del como "o pai". O pai dos seus "neniños". Eses nenos seus que son todos os que o admiraron e admiran. Que idolatran a encarnación do deportivismo.
Ata aí chega o seu impacto. A dun home de fútbol que foi alén do fútbol. A dun arteixán asentado na Coruña que foi querido moito máis aló. "Din por aí que morreu Arsenio Iglesias, pero eu non estou de acordo", escribiu ao coñecer o seu falecemento Manuel Rivas, escritor e xornalista que glosou tamén parte da súa traxectoria no Deportivo. Porque "non che hai xenio como Arsenio", din Os Diplomáticos. E os mitos nunca morren. Qué duda cabe.