"Monchiño, non facía falta", dille Arsenio Iglesias no seu comunicado de agradecemento ao xornalista Moncho Viña, un dos impulsores dunha iniciativa que acaba co apoio unánime do pleno do Concello da Coruña ao seu nomeamento como fillo adoptivo da cidade. Unha frase e unha actitude que resume a forma de ser do ex-xogador e ex-adestrador do Deportivo, que dará un nome a unha rúa e á Cidade Deportiva da Torre tras a aprobación da medida por parte de todos os grupos políticos municipais.
Todos os grupos políticos aproban por unanimidade honrar a Arsenio Iglesias, que dará nome a unha rúa e á Cidade Deportiva da Torre
Non houbo debate no pleno. Non o hai arredor de Arsenio Iglesias na Coruña. Todos os portavoces municipais destacaron a figura do mellor "embaixador oficioso" da cidade, como dixo a alcaldesa Inés Rey. "Non hai A Coruña sen Arsenio", dixo, parafraseando a canción d'Os Diplomáticos de Monte Alto que rende homenaxe ao ex-adestrador, tributo que tamén lembrou a concelleira do BNG, Avia Veira, para destacar a galeguidade do ex-técnico, sinalado tamén como "filósofo de Arteixo", como destacou o portavoz da Marea Atlántica, Iago Martínez antes dun aplauso tamén unánime.
Nun comunicado, publicado na páxina web do Deportivo, Arsenio dá as "grazas eternas" a todos os deportivistas e coruñeses "pola súa desmedida xenerosidade con aquel rapaz de Arteixo que un bo día de 1951 emigrou á Coruña co soño de facer feliz a afección de Riazor". "Este recoñecemento que recibo faime pensar que nalgún momento o conseguín", di Arsenio Iglesias, que di que aínda se pregunta moitas mañás por que merece "tan inmenso agarimo" e co que "xa estaría pago máis que dabondo".
"É un 'hat trick' como aqueles que facía Bebetiño, acordádesvos?", di Arsenio respecto da tripla homenaxe que lle concede o Concello da Coruña
"Penso que se trata dunha decisión tremendamente xenerosa cara á miña persoa e dun gran recoñecemento que merecerían –e, con toda seguridade, antes ca min mesmo– outros xogadores e adestradores do club da miña vida, o Real Club Deportivo", resume o ex-adestrador, que destaca o feito de que, á vez, sexa nomeado fillo adoptivo, ademais de poñer nome a unha rúa e a unha instalación municipal. "É un hat trick como aqueles que facía Bebetiño, acordádesvos?", di.
A iniciativa comezou cunha recollida de sinaturas impulsada polos xornalistas Moncho Viña, Alfonso Hermida e Adrián Menéndez, que acabou por desembocar na decisión que agora toma o pleno. "Esa cidade deportiva e esa futura rúa non serán a cidade deportiva Arsenio Iglesias nin a rúa Arsenio Iglesias, senón a cidade deportiva e a rúa do deportivismo, un sentimento que naceu hai 113 anos nesta cidade e que xamais morrerá", di o ex-técnico respecto das honras recibidas.