"Unha referencia indiscutible do noso deporte". Deste xeito comeza a enumeración de motivos ofrecida polo Goberno galego para explicar a concesión dunha das Medallas Castelao de 2012 a Arsenio Iglesias. O Consello da Xunta deu este xoves luz verde ao decreto cos nomes dos cinco galardoados coa distinción que lle é outorgada "a aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente de recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana" e, como é habitual, difundiu un currículo de cada unha das persoas premiadas. No caso do adestrador de Arteixo o Executivo esténdese en detallar a súa traxectoria pero fai unha excepción: en ningún punto do seu relato menciona que Iglesias foi un dos dous adestradores da selección galega de fútbol mentres a Xunta apoiou a celebración dos seus partidos amigables, isto é, entre 2005 e 2008.
O Executivo salienta que Salgado xogou na selección española pero non menciona que tamén o fixo na galega
Así, na información difundida dende San Caetano é posible coñecer que Arsenio Iglesias "disputou doce temporadas na Prieira división do fútbol español, retirándose profesionalmente en 1965". Igualmente, explican que "pasou por varios equipos" coo adestrador, se ben "destaca sobre todo o ascenso do Dépor a Primeira División", ao que "hai que engadir éxitos como que por primeira vez na súa historia o Dépor se clasificase para xogar unha competición europea" ou gañase o seu "primeiro título oficial". Alén "da súa traxectoria como futbolistas e adestrador" Arsenio Iglesias, di a Xunta, "é un persoeiro galego apreciado publicamente pola súa indiosincrasia e a súa forma de entender e interpretar a vida". Da irmandiña, nin unha palabra.
Este esquecemento contrasta coa descrición que a Xunta fai do currículo do outro galardoado coa Medalla Castelao tamén vinculado ao mundo do deporte, o futbolista Míchel Salgado, a quen salienta como un dos xogadores "máis destacados da historia do deporte galego". "Comezou a súa carreira como futbolista nas categorías inferiores do Celta de Vigo e na temporada 94-95 deu o salto á primeira plantilla do equipo vigués", lembra o Executivo. "Consolidouse como un dos mellores defensas do fútbol" e, neste caso si, a Xunta engade tamén que "chegou mesmo a participar na Selección de Fútbol Española en 1998". "Pouco despois, o Real Madrid fichou o lateral galego e estivo dez anos no club merengue", explicita. Como no caso de Arsenio, a selección galega tampouco figura no percorrido que a Xunta fai pola traxectoria deportiva de Salgado, aínda que chegou a exercer como capitán da mesma.
A ex conselleira López Besteiro, galardoada
Á marxe dos premiados no ámbito futbolístico na nómina das Medallas Castelao de 2012 destaca tamén a ex conselleira Manuela López Besteiro, "profesora de educación infantil, profesora de bacharelato e inspectora de educación" que "conta cunha importante traxectoria política". "Foi deputada e desempeñou distitos cargos de responsabilidade na Administración autonómica", lembra a Xunta, que "destaca especialmente a súa etapa como conselleira" de Manuel Fraga, "na que aproba medidas moi importantes como a Lei Galega de Familia, Infancia e Adolescencia", anos nos que tamén, subliña, negociou a transferencia das políticas activas de emprego a Galicia. Así e todo, no currículum de quen, como deputada, negociou con PSdeG e BNG o decreto 124/2007 de uso do galego no ensino -López Besteiro chegouno a apoiar en público, pero a dirección popular optou por recuar-, a Xunta obvia tamén un dato: optou á alcaldía de Lugo polo PP en 2003, ano no que o socialista Xosé López Orozco logrou a maioría absoluta.
Xunto a Iglesias, Salgado e López-Besteiro o vindeiro 28 de xuño recollerán tamén as súas respectivas Medallas Castelao o maxistrado do Tribunal Supremo Román García e o pediatra Federico Martinón.