A ALBA asume unha nova etapa

O XII Cumio da ALBA celebrado o pasado 30 de xullo en Guayaquil (Ecuador), o primeiro que se realiza tralo pasamento do seu histórico impulsor Hugo Chávez, traza unha nova etapa para este organismo de integración, contextualizado nunha conxuntura determinada polas incertezas en canto a liderado, consistencia institucional, continuidade do proxecto e, principalmente, ante a aparición de novas expresións de integración (Alianza do Pacífico), con evidentes implicacións para a ALBA.

Para Maduro, este cumio confirmaría a reafirmación da súa lexitimidade como sucesor do legado de Chávez e, principalmente, como mandatario venezolano

Paralelamente, este cumio supón un test de calibración expresamente dirixido ao presidente venezolano Nicolás Maduro e o anfitrión Rafael Correa. Para Maduro, este cumio confirmaría a reafirmación da súa lexitimidade como sucesor do legado de Chávez e, principalmente, como mandatario venezolano, lexitimidade xa anteriormente consolidada durante a súa xira polo MERCOSUR. Pola súa banda, para Correa, observado dende diversos sectores como un potencial sucesor do liderado de Chávez dentro da ALBA, este cumio buscaría confirmar a súa figura como un factor de equilibrio e de vertebración, especialmente de cara a outros mecanismos rexionais de integración.

A consecuencia, debe tomarse en consideración a ampliación de acordos en diversas áreas (seguridade e defensa, enerxía, educación), a concreción dunha rede multinacional de canles televisivas, unha posición de solidariedade no caso Snowden e de combate cara o imperio do capital, así como a dotación dun maior fortalecemento institucional a través da ampliación do Sistema Unitario de Compensación Rexional (SUCRE), do Fondo Común de Reservas e do incremento dos programas e misións sociais na rexión. 

 

Ampliar as alianzas hemisféricas

A aposta mais relevante deste XII Cumio de Guayaquil identifícase na proposta de creación dunha “área económica común de desenvolvemento compartido”

Pero a aposta mais relevante deste XII Cumio de Guayaquil identifícase na proposta de creación dunha “área económica común de desenvolvemento compartido”, que eventualmente implicaría a concreción de marcos de achegamento e cooperación con MERCOSUR, PETROCARIBE e a CARICOM. Esta inédita proposta da ALBA apunta claramente cara un obxectivo: acordar unha posición común que permita asumir a potencial competencia emanada da creación e evolución da Alianza do Pacífico.

Aquí abórdanse diversos escenarios. Implicar unha eventual alianza entre a ALBA, PETROCARIBE (mecanismo de integración e cooperación enerxética), CARICOM e o MERCOSUR (“respectando as asimetrías existentes”, tal e como declarou Maduro) permitiría amortecer o radio de actuación da Alianza do Pacífico no Caribe e América do Sur. O énfase no libre comercio e na potenciación dos “mercados emerxentes” dentro desta alianza confrontaría, claramente, cos postulados de integración social e política establecidos pola ALBA.

A estratéxica posición venezolana como pivote de actuación cara o Caribe, América do Sur (membro do MERCOSUR desde mediados de 2012) e América Central permítelle inferir unha posición xeopolítica chave

A estratéxica posición venezolana como pivote de actuación cara o Caribe, América do Sur (membro do MERCOSUR desde mediados de 2012) e América Central permítelle inferir unha posición xeopolítica chave para desenvolver os marcos de actuación da ALBA. Xunto a Cuba, a ALBA inclúe a outros países caribeños como Dominica, San Vicente e as Granadinas, Antiga e Barbuda e Santa Lucía, membros estes da CARICOM e  beneficiadas pola cooperación enerxética de PETROCARIBE.

Outros membros da ALBA como Bolivia e Ecuador permiten a súa inserción cara outros mecanismos de integración como a Comunidade Andina e UNASUR. No caso de Nicaragua, a súa posición actuaría como actor de inserción centroamericana para a ALBA (caso de O Salvador) así como unha maior atención ao proxecto do presidente nicaraguano Daniel Ortega de construción da Canle Interoceánica de unión entre o Atlántico e o Pacífico, proxecto onde China ten unha posición central e na que se espera ampliar cara outros países como Brasil, Canadá, Suíza e Arabia Saudita.

Igualmente, Ecuador é un actor estratéxico para a ALBA. O pragmatismo da presidencia de Correa permite abrir espazos de actuación na zona de Asia-Pacífico

Igualmente, Ecuador é un actor estratéxico para a ALBA. Sen menoscabar o seu acento na cooperación autóctona e na integración social, o pragmatismo da presidencia de Correa permite abrir espazos de actuación na zona de Asia-Pacífico (recentes acordos con Corea do Sur), que supoñen áreas de actuación para a Alianza do Pacífico. A implicación de MERCOSUR neste nova aposta da ALBA determina claramente unha posición de maior achegamento cara Brasil, país igualmente contrariado pola potenciación da Alianza do Pacífico como novo eixe de desenvolvemento hemisférico.

 

Realidades dun novo ciclo

Esta aposta pola ampliación na cooperación con PETROCARIBE, CARICOM e MERCOSUR e eventualmente cara outras realidades de integración (UNASUR e CELAC), explicaría os resortes de actuación nesta nova etapa para a ALBA. A consolidación de mecanismos institucionais de integración suporía igualmente adoptar unha posición de consenso común entre os mandatarios membros, cunha especie de triunvirato impulsado por parte de Maduro, Correa e o presidente boliviano Evo Morales, que permita preservar o indubidable legado de Chávez.

Pero resta calibrar certas perspectivas de actuación desta nova ALBA. Salvo o caso Snowden que implicou unha grave crise transatlántica con epicentro no agravio europeo a Evo Morales, o Cumio de Guayaquil escasamente abordou con maior ímpeto aspectos da política internacional que implican a membros asociados deste organismo (como a guerra en Siria ou o novo goberno en Irán) así como cara outros actores estratéxicos non membros (China e Rusia) pero que conforman un radio de actuación para a política exterior de países membros da ALBA como Venezuela, Cuba, Bolivia, Ecuador e Nicaragua.

Tamén a ALBA post-Chávez debe calibrar os novos escenarios electorais que se abren na rexión

Tamén a ALBA post-Chávez debe calibrar os novos escenarios electorais que se abren na rexión (lexislativas na Arxentina e presidencias en Chile para finais de ano; presidenciais en Bolivia 2014 e Perú 2016), algunhas delas en países non membros pero que teñen notable incidencia para este organismo.

Esta perspectiva de pragmatismo necesariamente determina observar cal será o leitmotiv da ALBA para os próximos tempos. Sen menoscabar a súa razón de ser, configurada en constituírse como alternativa autóctona de integración orientada na construción dun mundo multipolar e non hexemónico, o Cumio de Guayaquil asumiu novas realidades que cobrarán o seu ritmo a mediano prazo. Así e todo, o panorama da ALBA post-Chávez non deixa de ilustrar determinadas incertezas sobre a asunción deste novo ciclo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.