A algarabía incesante

“Por outra parte, a algarabía que había alí dentro, pola incontinencia dos berros e o ferver da linguxe empregada, apuntaban cara un público que el presumía non debían conocelo” (Ilustrísima, Carlos Casares).

Como a demagoxia é unha enfermidade endémica, non tardou en infestar aos novos patróns socialistas, que aproveitan a algarabía que eles mesmos armaron, para subirse ao púlpito mediático, e levar cara onde lle peta o debate sobre a conveniencia de que sexa investido presidente do goberno do Estado un aspirante que lle chama Luís a un tipo que todos coñecen como Bárcenas, e que se xacta de non saber que é Correa, malia que este se refire ao domicilio político de don Mariano como “mi casa”. O último predicador do novo evanxeo socialista foi o presidente estremeño, Fernández Vara, quen non tivo o menor recato en sentenciar: "Ninguén no PSOE quere que Mariano Rajoy sexa presidente, mais non discutimos iso, non discutimos se o presidente é Rajoy ou outro, senón se o é agora ou dentro de 55 días". Hai que goderse!

Mais, o que realmente acontece é que o debate de fondo tampouco é o que pretende o señor Vara. As cousas tampouco son así. Son como son, e non como el, e outros como el nolas contan. Trátase sinxelamente de que alguén con mando en praza, e ansia de contar a verdade, nos diga porque aos recadeiros de dona Susana Díaz –e de don Felipe González- lle produce tanto proído no pescozo, que o tal Pedro Sánchez amosara certa predisposición a entenderse con aqueloutros que os dirixentes do Partido Popular, e do propio PSOE, deixan fóra dese curioso club de patriotas de pata negra, coñecido coma o “bloque constitucional”.   

Ou, talvez valería que alguén nos explicase se, “Los hermanos Hernando” e outros tales das polainas, estaban xuntos, o día da Fiesta nacional de España, simplemente para compartir paraugas, baixo a mirada escura do presidente en funcións e do mandado de dona Susana, ou se aproveitaron a chuvascada para congratularse porque os asuntos da Gürtel, dos Eres, e das tarxetas Black, pronto se converterán na festa da insignificancia.

Ao mellor tamén nos conformamos conque os novos líderes do PSOE nos conten se lle pedirían a Rajoy a cambio desa abstención, pois semella interesarlle máis aos socialistas que aos propios populares. A non ser que ámbolos dous –PP e PSOE- decidisen adiar uns meses as terceiras eleccións, para tentar que todo siga como estaba. Iso si, con novo candidato socialista, por suposto; e se cadra, con outro Mariano do noroeste de España.

Ah! O meu tío Lisardo coida que a culpa de todo tena a abundancia de información que non nos deixa tempo para informarnos do que pasa. Ou esa insolente teimosía dos que mandan, por abafar a evidencia coa escuridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.