lberto Núñez Feijóo compareceu cun discurso preparado desde que a hipótese do adianto se fixo pública. Falou en nome de «todos los españoles» e situou fronte a eles un Goberno de «unos pocos». Os 179 deputados que investiron o presidente, e os millóns de cidadáns que os elixiron en 2023, quedaban así fóra da nación de Feijóo
Despois do anuncio electoral de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo compareceu cun discurso preparado desde que a hipótese do adianto se fixo pública. Falou en nome de «todos los españoles» e situou fronte a eles un Goberno de «unos pocos». Os 179 deputados que investiron o presidente, e os millóns de cidadáns que os elixiron en 2023, quedaban así fóra da nación de Feijóo. Mudde e Rovira Kaltwasser chaman populismo excluínte á estratexia de quen divide a sociedade entre un pobo homoxéneo e unha elite corrupta, e expulsa da comunidade política a quen non encaixa no seu molde. E cando ese pobo se define en clave nacional, falamos de nacionalpopulismo. Feijóo advertiu de que Sánchez intentaría «esparcir ese miedo entre la población». No mesmo discurso, foi el quen exerceu de mensaxeiro do apocalipse.
O diagnóstico do neno dos Peares non deixaba resquicio algún. España vive unha «negra etapa», atrapada nunha «gran mentira que lo ha ensuciado todo». O dano é «descomunal». Os retos da próxima lexislatura só serían comparables cos de hai cincuenta anos, é dicir, coa saída da ditadura franquista. A comparación é grave. O índice de democracia de The Economist sitúa España entre as democracias plenas, e o instituto sueco V-Dem inclúea no selecto grupo das trinta democracias liberais do planeta. Tampouco a economía acompaña o desastre narrativo. A Comisión Europea prevé para 2026 un crecemento do 0,9% na eurozona e do 2,4% en España, e a afiliación á Seguridade Social marca máximos históricos. Moffitt explica por que este tipo de discurso catastrofista non describe a crise, escenifícaa, porque a ilusión do colapso xustifica a ruptura.
Feijóo advertiu de que Sánchez intentaría «esparcir ese miedo entre la población». No mesmo discurso, foi el quen exerceu de mensaxeiro do apocalipse
O medo cumpre ademais unha función ben concreta. A psicoloxía política documenta até que punto as emocións inflúen na maneira en que a cidadanía se informa. Valentino e outros investigadores comprobaron como, ante unha ameaza, a ansiedade leva a buscar máis información. A ira, porén, reduce esa busca. MacKuen e outros autores engaden que a persoa indignada se refuxia na súa identidade primaria ou partidaria. Deixa de contrastar argumentos e pecha filas co seu bando. Feijóo non se detén no medo. Convérteo en carraxe co «mayor de los castigos», con cidadáns «rehenes» e con «engaños» que nunca concreta. Xa en 2023 cualificara de «fraude» a investidura de Sánchez. Así, un diagnóstico tan afastado dos datos obxectivos circula, e ninguén pregunta quen tiña entre as súas mans resolver os problemas que tanto denuncia.
Feijóo promete en Madrid acabar coa vivenda «inalcanzable», coa falta de médicos e co deterioro educativo. Todas estas, e algunhas máis, son competencias autonómicas consolidadas
En Galicia a pregunta sobre a responsabilidade ten unha resposta clara. Feijóo promete en Madrid acabar coa vivenda «inalcanzable», coa falta de médicos e co deterioro educativo. Todas estas, e algunhas máis, son competencias autonómicas consolidadas. O noso Estatuto atribúe á Xunta en exclusiva a vivenda e o urbanismo no seu artigo 27. A educación é competencia plena galega e a sanidade foi transferida a Galicia en 1990. O Estado fixa a lexislación básica e regula a formación dos especialistas, pero é o Sergas quen contrata os médicos, dimensiona os cadros de persoal e fixa os complementos. Atribuír ao Estado estas responsabilidades non é un erro banal. Quen aspira a presidir España e confunde ese reparto deixa o votante sen saber a quen pedir contas, e converte o Goberno actual nun inimigo que hai que abater.
Ninguén debería coñecer mellor ese mapa de competencias que o propio Feijóo. Foi conselleiro responsable de vivenda, presidiu o Insalud entre 1996 e 2000 e gobernou a Xunta trece anos con catro maiorías absolutas. Antes da súa chegada era raro que Galicia cualificase menos de 1.700 vivendas protexidas ao ano. En 2018 e 2019 non chegou a dez, cando en 2018 o conxunto do Estado superaba as 5.000. A Xunta acaba de facer entrega en Santiago 24 pisos públicos, os primeiros na capital en dezanove anos, ningún durante o mandato de Feijóo. O seu executivo pechou o paritorio de Verín en 2019 e escolleu para o Cunqueiro un modelo concesional que, segundo o Consello de Contas, custa máis de 470 millóns por riba da alternativa de licitar por separado obra e servizos.
Prometer desde a rúa Génova o que non foi quen de facer desde San Caetano é vender fume. Facelo sementando medo e ira ten outro aínda máis grave é dividir e polarizar
O patrón do líder do PP vén de lonxe. Na vaga de lumes de 2006, desde a oposición, Feijóo apelou á NASA para elevar a 175.000 as hectáreas queimadas. O bipartito admitía 77.000 e o CSIC estimaba 92.000. Xa con el no poder, morreron dous brigadistas en 2010, polo que o TSXG condenaría a Xunta, e catro persoas máis en 2017. Entón culpou dos incendios a un «terrorismo incendiario» que nin a Fiscalía nin a policía demostraron nunca. Catástrofe cando goberna outro, inimigo externo ou causas alleas cando goberna el. A mesma gramática regresa agora, se é que Feijóo a abandonou algunha vez. Prometer desde a rúa Génova o que non foi quen de facer desde San Caetano é vender fume. Facelo sementando medo e ira ten outro aínda máis grave é dividir e polarizar.