A amnistía como expresión do arrepentimento do Estado

CC-BY-NC Abel Pau

Hai agora 15 anos, o 28 de xuño de 2010, o Tribunal Constitucional declaraba substancialmente inconstitucional o Estatut previamente plebiscitado pola cidadanía catalá. 15 anos despois o mesmo TC español recoñece esta sentenza como motor reactivo do procès

Hai agora 15 anos, o 28 de xuño de 2010, o Tribunal Constitucional (TC), historicamente un árbitro caseiro sempre refractario ao autogoberno das nacionalidades e próximo á interpretación extensiva dos poderes do Estado (moitas veces a medio de títulos transversais xenéricos, como a unidade de mercado, a garantía dos dereitos fundamentais das persoas ou do cumprimento das obrigas do Estado coa UE) declaraba substancialmente inconstitucional o Estatut previamente plebiscitado pola cidadanía catalá, o que sinalou un fito na definición centralista e unitaria do Estado español, amosando a falla de conexión coa realidade daquelas persoas de boa intención e vontade que pensaban, quizais canda o president Maragall, que outra España plurinacional era posíbel. 

15 anos despois o mesmo TC español recoñece esta sentenza como motor reactivo dun procès que activou, pola súa banda, unha reacción xudicial desaquelada (nomeadamente nas Salas do Penal do Supremo-TS- e do Superior de Catalunya-TSJC- canda os Xulgados de Instrución 1 e 13 de Barcelona). 

Para o TC a amnistía é constitucional, pois que o que non fica constitucionalmente prohibido está permitido, agás que atente contra os dereitos fundamentais ou outros principios e valores constitucionais

O TC validou este 28-X, por unha maioría de 6-4 a constitucionalidade da amnistía que deixa sen efecto toda responsabilidade criminal xerada polas accións vencelladas do procès dende 2011, agás i) delitos dolosos de homicidio e lesións cualificadas, torturas e tratos inhumanos ou degradantes, ii) actos terroristas que causaran de xeito intencionado graves violacións dos dereitos humanos, iii) delitos alicerzados en motivacións racistas ou discriminatorias, iv) delitos contra a comunidade internacional ou de traizón, contra a paz e independencia do Estado e relativos á defensa militar sempre que houber unha ameaza efectiva e real de uso da forza contra o Estado e v) as malversacións cando tivesen como resultado un arrequecemento persoal do autor ou de terceiro ou atinxisen aos intereses financeiros da UE. Un perímetro moi acaido que requiriu da presión de JuntsxCat (que chegou votar en contra dun primeiro texto deficiente) e do bo traballo xurídico do devandito partido e de ERC que- aquí si- souberon deixar aparte as súas diferenzas e traballar xuntas.

Para o TC a amnistía é constitucional, pois que o que non fica constitucionalmente prohibido está permitido, agás que atente contra os dereitos fundamentais ou outros principios e valores constitucionais. Deste xeito, a respecto dos indultos xerais prohibidos na Carta Magna, o TC afirma a radical divisoria entre cadansúa natureza xurídica dos indultos (decisións do Executivo que remiten total ou parcialmente penas impostas por sentenzas definitivas) e as amnistías, que se alicerzan nunha lei aprobada polas Cortes Xerais e remiten tamén os antecedentes penais e constitúen causa para arquivar o procedemento en calquera fase na que se atope. Para o TC a amnistía tampouco vulnera dereitos fundamentais, nin o principio de legalidade nin a independencia do Poder Xudicial.

O TC recoñece que toda amnistía esixe excepcionalidade, como tamén recoñece a Comisión de Venecia de Consello de Europa

O TC recoñece que toda amnistía esixe excepcionalidade, como tamén recoñece a Comisión de Venecia de Consello de Europa. E a excepcionalidade, neste suposto, é a necesidade dunha completa acción restaurativa que repare as graves resultas que para a convivencia catalá supuxo a desaquelada represión do Goberno do Estado o 1-Ou e, nomeadamente os abusos propios da lawfare desenvolvidos polo TS e o TSJC cando moi concretos-e máis ben reducidos- órganos xudiciais da chamada “Audiencia Nacional” e de Catalunya. Unha lawfare que acadou, no caso do TS, a adopción de medidas cautelares de prisión sen alicerce ningún, condenas por delitos alleos á tradición xurídica europea e democrática, como a malversación impropia e a sedición e arbitrarias atribucións competenciais por mor de arbitrarias imputacións iniciais de delitos de rebelión.

Velaí a excepcionalidade da situación. Velaí a necesidade de restaurar a convivencia democrática, fanada por unha desaquelada resposta xudicial. Velaí a legalidade democrática da amnistía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.