A Arte, un Club de Homes

Guerrilla girls © Guerrilla girls

Hoxe en día, existe pouca conciencia sobre a inxustiza da discriminación de xénero na arte. Isto sucede porque hai moi pouca información dispoñible sobre o asunto, e pouca difusión da mesma; e debido a que na actualidade a maioría dos alumnos das Escolas de Arte e das Facultades de Belas Artes son mulleres, o lóxico sería presupoñer que as artistas acceden ó ámbito profesional e mantéñense nel coa mesma facilidade ca os homes. Parece que en moitas ocasións non nos decatamos de que a presenza de mulleres creadoras nos eventos culturais e artísticos é moi inferior á dos homes, quizais porque estamos tan afeitos á ausencia das mulleres nese ámbito que nin sequera nos damos conta. 

Se tomamos conciencia sobre o que está pasando no mundo da arte, poderemos empoderar ás mulleres artistas e traballar para poñer fin ás inxustizas ás que fan fronte. 

Poñamos as cousas en perspectiva: en 1989, o grupo de artistas activistas feministas Guerrilla Girls colocaron un cartel diante do Metropolitan Museum de Nova York no que aparecía unha reprodución da pintura La Grande Odalisque de Jean Auguste Dominique Ingres, cunha cabeza de gorila colocada sobre a faciana orixinal, acompañada dun texto no que, en resposta ó número desmesurado de espidos que contaron nas seccións de Arte Moderna do museo, preguntaban sarcasticamente: "¿Teñen que estar espidas as mulleres para entrar no Met. Museum? Menos do 5% dos artistas das seccións de Arte Moderna son mulleres, pero o 85% dos espidos son femininos”. 

Segundo un informe da asociación MAV (Asociación de Mujeres en las Artes Visuales Contemporáneas), en 2019 na feira de arte máis internacional do estado español, ARCO, só estiveron representadas un 6,13% de mulleres artistas españolas, e en total, estiveron presentes un 26,5% de mulleres artistas. Unhas cifras inaceptables que ademais mostran unha caída con respecto ó ano 2010, no que estiveron representadas un 7% de artistas españolas e un 29% de mulleres artistas en total. 

Outro dos datos rechamantes que desvela esta asociación é que os directores de galerías homes (un 45,3% dos galeristas) decántanse descaradamente polos artistas homes: un 78% fronte ó 21,7% de mulleres, e un 0% de colectivos de artistas mixtos. No caso das galerías dirixidas por un equipo mixto (un 23,2% dos galeristas) a desigualdade segue a ser moi elevada, pois promoven a un 72% de homes, un 27,6% de mulleres e un 0,3% de colectivos mixtos. As galerías xestionadas por mulleres (un 31,5% dos galeristas) están lixeiramente máis dispostas a representar a mulleres artistas, aínda que o desequilibrio segue a ser un problema grande e xeneralizado, porque representan a un 65,3% de homes, un 32,4% de mulleres e un 2% de colectivos mixtos. 

¿E que acontece en Galiza? En 2015 publicouse un estudo dirixido pola historiadora da arte María Luisa Sobrino Manzanares titulado Arte + mulleres. Creadoras galegas, que abrangue o período dende 1990 a 2013. Este informe indícanos que a pesar da transformación do panorama artístico galego que se acadou nesas dúas décadas, xunto coa difusión do feminismo no eido cultural, e de diversas iniciativas artísticas feministas que combateron a discriminación sexista na arte, non se produciu un impacto significativo na visibilidade do traballo das mulleres artistas con respecto a épocas pasadas moito máis escuras, senón que persiste obstinadamente unha situación moi desfavorable para elas en Galiza. Por se fora pouco, obsérvase que a presenza das mulleres artistas foi diminuíndo paulatinamente dende a década dos 90 ata o momento actual. 

Aínda que na actualidade en Galiza arredor dun 70% dos estudantes das Escolas de Arte e da Facultade de Belas Artes son mulleres, a porcentaxe da súa participación no ámbito profesional e nas exposicións segue a ser escasa, e a repercusión mediática das súas propostas artísticas é menor. 

Por exemplo, analizando a participación en exposicións individuais de mulleres e homes artistas galegos nas principais institucións galegas adicadas á mostra de arte contemporánea, neste estudo recóllese, entre outros datos, que ata 2013 na programación expositiva do CGAC houbo unha presenza dun 4,2% de mulleres galegas fronte a un 25,3% de homes galegos. No MARCO, un 19,3% de mulleres galegas, fronte a un 42% de homes galegos. No Auditorio de Galicia, un 2,8% de mulleres galegas fronte a un 38,9% de homes galegos. E na Fundación Luís Seoane, un 0% de mulleres galegas fronte a un 62,2% de homes galegos. E no que respecta á programación das exposicións colectivas, a presenza das mulleres segue sendo escasa. 

Este informe evidencia o desprezo á creación artística feminina, especialmente á galega, no ámbito expositivo das institucións e galerías galegas. Canto maior é a importancia das institucións, menor é a presenza das mulleres, en particular das galegas; e cando se lles dá a oportunidade de expoñer, adoita ser nos espazos máis periféricos. A maioría das galerías tampouco apostan pola obra das xoves artistas galegas. Case pasaron 30 anos dende 1990 e a situación apenas cambiou. Se seguimos a este ritmo, ¿cantos anos máis teremos que agardar para acadar a igualdade de xénero na arte? A miña xeración non ten 100 anos para esperar pola igualdade de xénero. 

Non todo son malas novas. Despois de moitos anos de loita, comezamos a ver algúns resultados, e hai que salientar que en Galiza dende algunhas institucións, como por exemplo a Rede Museística Provincial de Lugo, estase a programar en igualdade, cun 52% de mulleres artistas que mostraron o seu traballo nas súas exposicións de 2018, e fóra de Galiza feiras emerxentes coma JustMAD e Hybrid representan a homes e mulleres en paridade, cun 47% e un 53% respectivamente. 

Malia estes pequenos avances, o certo é que a maioría das mulleres artistas aínda seguen buscando o seu lugar, discriminadas, subestimadas e peor remuneradas nun sistema cultural no que os homes ocupan a maior parte dos verdadeiros postos de poder. E aquí ven outra cifra demoledora: en todo o mundo, as mulleres artistas cobran un 47,6% menos ca os homes polo mesmo traballo, como revela o estudo ¿Está o Xénero no Ollo do Espectador? Identificando Actitudes Culturais con Prezos nas Poxas de Arte, publicado en 2017 pola Universidade de Oxford.

A Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes aprobada polo Goberno de España non se cumpre en grande parte do sistema artístico. É hora de que as institucións públicas e privadas se fagan responsables e de que usen a súa grande influencia na loita pola igualdade. Apelamos a eles para que leven a cabo accións concretas, pois precisamos un progreso real, non promesas. 

Cando se organizan iniciativas artísticas feministas encamiñadas a visibilizar a obra das mulleres, en ocasións cuestiónase se son necesarias; tamén se pon en dúbida a súa idoneidade, argumentando que nestas iniciativas non se valora ás artistas polos seus méritos propios, senón unicamente polo feito de ser mulleres. Non obstante, non hai controversia sobre a longa lista de homes que, durante séculos e ata o día de hoxe, obtiveron oportunidades de expoñer a súa obra, mentres quedaban no esquecemento mulleres igual de válidas ca eles. A traxectoria dos artistas non depende unicamente do seu talento, pois precisan apoios e recoñecemento para consolidar a súa carreira e continuar na profesión, e iso é algo do que aínda carecen a maioría das mulleres artistas. 

Moitas mulleres formadas abandonan a actividade artística debido ás dificultades que atopan para incorporarse ó ámbito profesional ou a outras circunstancias, coa enorme perda de potencial que iso supón para nós. ¿Cal vai a ser o futuro da nosa cultura? Combater a discriminación de xénero é chave se queremos telo nun país onde a desigualdade é tan predominante coma en Galiza, e por iso é necesario impulsar iniciativas artísticas que apoien ás mulleres. 

O pasado mes de marzo, comecei a colaborar como Coordinadora de Cultura en Lugonovo, unha plataforma cidadá lucense que apoia ás creadoras, e decidín poñer en marcha unha Programación Cultural Anual adicada unicamente a mulleres artistas, algo que fixemos realidade por primeira vez dende unha plataforma cidadá lucense, grazas ó traballo en equipo de varios membros de Lugonovo en colaboración con Caldiae Factoría Cultural. Trátase dunha serie de exposicións da obra de mulleres artistas que actualmente realizamos nas instalacións de Caldiae, que teñen unha duración aproximada de tres semanas cada unha, programadas para sucederse durante todo o ano. 

Queremos, coa nosa proposta, traballar para impulsar á seguinte xeración de mulleres creadoras, asegurándonos non só de que teñan acceso a un espazo no que poidan expoñer a súa obra, senón tamén visibilidade nas redes sociais e nos medios de comunicación, e mantémonos en contacto permanente con elas para proporcionarlles axuda, información e orientación, de xeito que poidan desenvolver o seu traballo de forma excelente. 

As miñas compañeiras artistas Bego Pérez, María Mata, Verónica López, Luz Arias, Sonia Marpez, María Sánchez, Marisa Celada, Andrea Mariz, Luisa Paz, Gema López, Susana Vilanova ou María Nogueira son pintoras, fotógrafas, ceramistas, deseñadoras ou poetas, expoñentes da mellor calidade da arte lucense actual coa súa innovación e ambición, e están desexando expoñer o seu traballo na cidade. Penso que é importante apoiar a persoas coma elas, pois o seu progreso terá unha grande repercusión no futuro de toda a cultura lucense. 

Con esta programación, non queremos simplemente mellorar a vida cultural lucense. Queremos inverter os roles de xénero, creando unha abundancia de oportunidades para que as mulleres poidan entrar na profesión. En Galiza, onde a taxa de desemprego entre as artistas é alta, atopar a oportunidade de expoñer pode ser crucial para impulsa-la carreira de moitas mulleres, que algún día poden chegar a adicarse profesionalmente á arte. 

Queremos unha sociedade onde as mulleres sobresaian. Que a cultura sexa para todas e todos e non un reduto para uns poucos; que sexa unha forma de expresión e participación inclusiva e variada, onde todas as persoas se poidan expresar en liberdade e igualdade. Queremos que na cultura se reflicta a pluralidade e a diversidade da sociedade, algo que non sucede actualmente. 

Queremos que Lugo sexa unha cidade con futuro en tódolos sentidos; onde existan oportunidades para os artistas, onde a xente queira vivir e traballar, que a xente queira visitar. Isto implica que Lugo teña unha oferta cultural e de ocio de calidade, e que a xente estea ben informada sobre ela. A cultura é clave para o benestar e o desenvolvemento das persoas, pois inflúe na nosa forma de aprender, vivir e comportarnos. A cultura contribúe en grande medida ó crecemento económico, á integración e inclusión social e á transformación das cidades. E a cultura na nosa cidade non terá futuro se agora non tomamos medidas para fomenta-la participación plena e o empoderamento das mulleres na creación. 

Aborda-lo problema da desigualdade de xénero require compromiso non só do goberno, senón da sociedade en xeral. Non é suficiente con promover o valor da educación e investir nela para asegura-lo futuro da xuventude galega. A sociedade civil, os centros educativos, as institucións públicas e privadas, os políticos designados, todos eles son responsables e teñen que render contas polos servizos polos que se lles paga ou son elixidos para facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.