A 'Audiencia Nacional' é un Tribunal de excepción

© Abogacía.es

Poucos días despois de ocupar Catalunya, en febrero de 1939, a ditadura franquista promulgou a Lei de responsablidades políticas e no 1940 creou un Tribunal de excepción, o Tribunal de represión da masonería e o comunismo, para exercer a xurisdición definida na lei devandita. Este Tribunal foi substituído no 1964 (moitas persoas aínda lembrarán os 25 anos de paz publicitados na primavera daquel ano polo franquismo) polo Tribunal da Orde Pública, que foi transformado dende o 5 de xaneiro de 1977 polo Real Decreto-Lei 1/1977 na chamada impropiamente Audiencia Nacional (AN). Velaí un Tribunal creado a medio da transformación dun Tribunal de excepción dun réxime autoritario, por mor dun Decreto-Lei promulgado por un goberno de facto (aquel de Adolfo Suárez), malia que todo o reformista e aperturista que vostedes queiran.

A única causa da creación da AN foi a de axuizar o terrorismo da ETA. Mais nas democracias liberáis todos os delictos han de se axuizar polos mesmos xuices: os que nos pertencen, os predeterminados pola Lei, como ordena o artigo 24 da Constitución do Estado. O erro conceptual de base foi considerar aos xuices de Lleida, Barcelona, Iruña, Donostia, Ourense, València ou A Coruña como xuices de segunda, persoas que non eran quen de tratar casos penais importantes. É evidente que un tal recoñecemento xeraría unha gravísima fenda no centralizado Poder Xudicial do Estado. Mais, canto menos novo vou sendo, máis penso que esta decisión non foi un erro, senón- pola contra- unha medida ben matinada, semellante a outras como a da presentación nun “pack” global da Monarquia, do sacrosanta unitariedade do Estado e da amnistía para os crimes do franquismo como tributos a pagar pola implementación do mal menor para o réxime: unha democracia moi parcial e imperfecta.

Dende 2011 ETA non actúa, mais nunca foi tan expansiva a doutrina da AN (confirmada en boa medida polo Tribunal Supremo) alargando desproporcionadamente os conceptos de terrorismo, violencia política ou sedición, mesmo modificando arbitrariamente a súa xurisprudencia anterior (como fixeron para se declarar competentes a respecto da investigación nas causas contra Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e contra Trapero e demáis mandos orgánicos dos Mossos d´Esquadra). Do mesmo xeito, por causa da acusación primaria de terrorismo, avocaron a competencia para axuizar os incidentes de Altatsua, que remataron con absolucións por terrorismo, mais con desproporcionadísimas condenas.

Foi a mesma AN que condenou desaqueladamente a catro militantes independentistas galegos no 2013 e que acusou de terrorismo a trece activistas dos Comités de Defensa da República (CDR) cataláns no 2019, nunha causa que foi artificialmente salientada pola prensa centralista de Madrid, malia estar arestora nunha situación case previa ao sobreseimento ou á súa remisión aos Xulgados competentes de Catalunya.

Entre o luns 19 e 21 deste outubro serán xulgados pola AN doce independentistas galegos acusados de condutas absolutamente políticas, asociativas e protexidas polas liberdades constitucionais, sen participación ningunha en acción violentas. O Fiscal pide penas conxuntas de 108 anos de cárcere para eles.

Ao longo de todos estes anos a política de provisión de postos de maxistrad@s e fiscais na AN e a súa propia dinámica de grupo xerou unha doutrina xurídico-penal de alargamento represivo de toda conduta que se considere contraria á definición unitarista, monárquica e xerárquica do Estado, sen que cumpra facermos moitas distincións entre progresistas e conservadores no decorrer desta andaina. A AN constituise nun castro ou recuncho xudicial que axuiza e condena dun xeito radicalmente oposto a como o faría calquera das Audiencias operantes nos países e territorios todos do Estado (agás quizais a excepción do TSJ de Catalunya).

Os principais problemas son que o TS ratifica, apenas moderando un chisco, estes desaquelados criterios e que nin a dereita nin a esquerda españolas nunca expresaron a primeira dúbida a respecto desta institución xudicial, impropia dunha democracia europea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.