Probablemente que os pensionistas galegos –centos de miles- que o pasado 26 de xuño votaron polo PP (Partido Popular) fixérono na crenza de que con ese partido no goberno as súas pensións públicas non corren risco, están mais e mellor aseguradas que con un goberno alternativo –por caso un goberno UNIDOS PODEMOS/PSOE-. Probablemente que isto foi así, nembargantes a realidade é moi distinta do que eles pensan. Non saben o equivocados que están. Como xa tiven ocasión de explicar nestas mesmas páxinas nunca, en todo o curto período democrático español, o sistema público de pensións sufriu tal deterioro por mor das políticas que se aplican. Algo que non debera estrañar pois un dos obxectivos centrais das políticas de austeridade, como demostran tódalas evidencias históricas, é o de cargarse os servizos e as transferencias públicas para facilitar así a entrada do capital privado. Neste caso aos fondos privados que teñen aos grandes bancos como principais promotores.
Vexamos, de novo, que nos din ao ríspeto as estatísticas e as evidencias empíricas. Empecemos sinalando que durante a lexislatura de M. Rajoy (2011-2015) o fondo de reserva da Seguridade Social –“a hucha das pensións”- reduciuse nun 60% en termos netos. Se cando o PP subiu ao goberno (2011) o fondo de reserva da Seguridade Social presentaba un saldo de 66.375 millóns de euros, logo da derradeira retirada de fondos (xullo 2016) o saldo está nos 25.716 millóns, o que supón que nestes cinco anos de lexislatura retiráronse, en termos netos, mais de 40.000 millóns de euros que equivalen a unha redución anual de 8.200 millóns de euros. Ergo de seguir este ritmo de retirada de recursos ao fondo de reserva quédanlle pouco mais de 3 anos de vida. Compre subliñar que este fondo de reserva ata chegada do PP (Partido Popular) medrara ininterrompidamente dende a súa creación (ano 2000), sendo a partir do ano 2011 (un saldo de 66.375 millóns de euros) cando comezou unha caída aparentemente imparable. Unha caída derivada loxicamente da crecente diferenza entre gastos e ingresos da Seguridade Social: os ingresos non evolucionan ao mesmo ritmo que os gastos en prestacións. Diferenza que sitúa a Seguridade Social con evidentes problemas de tesourería para efectuar os pagos correspondentes.
Vexamos agora a evolución do gasto público en pensións contributivas. Recollendo datos da Seguridade Social se no ano 2011 o gasto total nestas pensións fora de, aproximadamente, 99.100 millóns de euros (Galiza 6.950 millóns), no ano 2015 o gasto ascendeu a 115.700 millóns de euros (Galiza 7.950 millóns). Para aqueles que pensen que se trata de cantidades moi elevadas saiban que o gasto público en pensións supuxo no ano 2015 o 10,7% do PIB español cifra que está claramente por baixo da media na Eurozona (12,2), na UE (11,3%) e mesmo en estados como Alemaña (11,2%) e Francia (13,1%) (Eurostat). A pesar do salto habido no número de beneficiarios (495.000 en España, 23.000 en Galiza) o gasto público segue estando claramente por baixo do que teñen os estados do noso entorno. Non é, xa que logo, un problema de gasto elevado ou excesivo. España, dado o seu nivel de riqueza está en condicións de soportar o actual sistema público de pensións, incluso de melloralo. Os problemas de tesourería da Seguridade social veñen, como veremos, da evolución dos ingresos.
Os ingresos públicos para o pago das pensións contributivas proceden das cotización sociais –a cargo dos traballadores e dos empresarios-. Cotizacións que a súa vez dependen tanto dos empregos –número de cotizantes- como dos salarios –importe das cotizacións-. Empecemos polos primeiros: se no ano 2011 o número de empregos en España era de 17.807.500 (Galiza: 1.072.900) no ano 2015 foron 18.094.200 (Galiza: 1.032.500). Isto quere dicir que durante este período o numero de empregos e, xa que logo, o de cotizantes, medrou en España en 286.700 (Galiza: -40.400). Dous aspectos importantes a sinalar: 1º Esta dinámica fai que o crecemento medio anual no número de empregos sexa moi inferior ao número de pensionistas (España: 495.000 pensionistas mais, Galiza: 23.000). 2º A pesar do crecemento habido nos empregos a taxa de ocupación (*) en España (47%) e Galiza (43%) segue sendo moi baixa, das mais baixas da Unión Europea –a taxa de ocupación na Unión Europea está no 64,9%: 17,9 puntos por riba da media española e 21,9 da media galega-. Ámbalas dúas dinámicas reflicten que en España –e moito mais en Galiza- temos un gravísimo problema de ocupación, de falta de empregos. Un problema crónico debido, en grande parte, que non en toda, a debilidade dos servizos públicos –que son intensivos en man de obra e elevados en eficiencia social-. Un problema crónico que se agudiza coa crise e a austeridade que afecta, loxicamente, a balanza fiscal da Seguridade social.
Vaiamos agora cos salarios. Como xa subliñei nun artigo anterior e como confirman tódalas evidencias estatísticas coas sucesivas reformas laborais disparouse a precariedade no emprego e a caída nos salarios reais. Por unha parte a participación dos salarios na riqueza nacional (tanto en España como en Galiza) non parou de decrecer nos derradeiras décadas ata acadar os valores mais baixos dende a II Guerra Mundial (España: 46,7% do PIB, Galiza: 44,5%) e que, a súa vez, están entre os mais baixos da UE. Asemade a desregulación e a liberalización do mercado laboral abriu a porta aos minijobs: o número de traballadores empregados que teñen un salario igual ou inferior ao SMI non para de medrar en España (34%) e Galiza (31%), sucedendo o mesmo co número de traballadores que sofren o que se coñece como pobreza laboral xa que teñen uns ingresos polo seu traballo inferior aos 325 euros (España: 18,5%, Galiza: 20%). Se baixan os salarios baixan tamén as cotizacións sociais dos traballadores desequilibrando un pouco mais a balanza fiscal da Seguridade social.
Finalmente que pasou coas cotizacións sociais a cargo dos empresarios? Estas cotizacións tamén caeron por dúas razóns: a baixa salarial e os continuos regalos gobernamentais –“tarifas planas”- aos empresarios a xeito de rebaixas nas cotizacións.
Velaí os fundamentos reais dos problemas fiscais da Seguridade social. Uns fundamentos que son políticos: son as políticas de austeridade quen están poñendo en risco as contas da Seguridade social en España e con ela as pensións públicas das clases populares. Algo que os defensores das políticas de austeridade –como por caso o PP- saben perfectamente. Algo que os pensionistas galegos deberan ter en conta a hora de votar. Algo no que coinciden fontes sindicais para as que “se para cada extra dos pensionistas teñen que acudir ao fondo na mesma contía que este mes” –xuño 2016- “en xuño do 2018 xa non haberá un peso nos fondos: dentro de dous anos xustiños”.
(*): Con frecuencia confúndese a taxa de ocupación coa taxa de actividade.