A aparentemente anodina convocatoria dun concello galego de pequeno tamaño (Padrón ten 8.355 habitantes) agocha no seu interior unha sorpresa rechamante: a configuración dun exercicio eliminatorio con base en probas psicolóxicas
1. Como ben sabe o David Reinero, nos diarios oficiais as cousas máis extravagantes publícanse cando a xente normal anda de vacacións. Non é necesario explicar por que.
Mentras preparábamos as uvas de fin de ano, o 31 de decembro o concello de Padrón publicou no Boletín Oficial da Provincia da Coruña un procedemento de selección, mediante oposición, para a cobertura dunha praza de persoal funcionario de carreira de auxiliar-administrativo, escala administración xeral, subescala auxiliar, grupo C, subgrupo C2. Que aburrido, non?
Mais a aparentemente anodina convocatoria dun concello galego de pequeno tamaño (Padrón ten 8.355 habitantes) agocha no seu interior unha sorpresa rechamante: a configuración dun exercicio eliminatorio con base en probas psicolóxicas. Non só, pois, baseado na comprobación da capacidade memorística dos aspirantes na retención dun temario de oposición, ou na resolución dun caso práctico:
Dada a existencia de milleiros de persoas que viven con ansiedade a preparación do acceso libre por oposición á función pública, merece a pena analisar este cisne negro, e o cambio de paradigma que supón nos sistemas de acceso á función pública; mais tamén, de xeito crítico, os problemas constitucionais que suscita
Dada a existencia de milleiros de persoas que viven con ansiedade a preparación do acceso libre por oposición á función pública, merece a pena analisar este cisne negro, e o cambio de paradigma que supón nos sistemas de acceso á función pública; mais tamén, de xeito crítico, os problemas constitucionais que suscita.
2. A función pública española tense caracterizado por unha escasísima renovación nos métodos de comprobación da igualdade, mérito e capacidade que os artigos 23 CE e 103 da Constitución consideran principios rectores dos sistemas de acceso á función pública.
A estes parámetros constitucionais, o artigo 55.2.e) do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) engade o principio de “Adecuación entre el contenido de los procesos selectivos y las funciones o tareas a desarrollar”.
A partir daí, para poder participar en calquera proceso selectivo o artigo 56.1.b) EBEP considera requisito xeral o de “Poseer la capacidad funcional para el desempeño de las tareas”. Porén, con carácter xeral, o propio EBEP remite a comprobación da funcionalidad psicolóxica das persoas opositoras a un momento posterior ao da realización das probas (artigo 61.5): “Para asegurar la objetividad y la racionalidad de los procesos selectivos, las pruebas podrán completarse con la superación de cursos, de periodos de prácticas, con la exposición curricular por los candidatos, con pruebas psicotécnicas o con la realización de entrevistas. Igualmente podrán exigirse reconocimientos médicos”. (negras nosas).
O habitual, pois, é que para acceder á condición de empregado público, desde un auxiliar administrativo a unha rexistradora da propiedade, calquera opositor/a compita apenas en capacidade memorística (retención de temarios de oposición e textos legais) e capacidade de resolución de “casos prácticos”. Isto, que ven sendo así desde o século XIX, exprésase hoxe no artigo 61.2 do EBEP:
“2. Los procedimientos de selección cuidarán especialmente la conexión entre el tipo de pruebas a superar y la adecuación al desempeño de las tareas de los puestos de trabajo convocados, incluyendo, en su caso, las pruebas prácticas que sean precisas.
Las pruebas podrán consistir en la comprobación de los conocimientos y la capacidad analítica de los aspirantes, expresados de forma oral o escrita, en la realización de ejercicios que demuestren la posesión de habilidades y destrezas, en la comprobación del dominio de lenguas extranjeras y, en su caso, en la superación de pruebas físicas”.
Apenas os corpos e forzas de seguridade do Estado –polo feito de portaren armas e enfrontarse a altos riscos operativos– contemplan nos seus procesos selectivos unha minuciosa regulación das causas médicas (fisiolóxicas, neurolóxicas e psiquiátricas) que impeden participar nos procesos selectivos ab initio (vid. por exemplo o anexo do Real Decreto 326/2021, do 11 de maio, relativo ao ingreso no Corpo Nacional de Policía), probas psicotécnicas que acompañan as probas de coñecementos exixidos (vid. artigo 11 da Orde PCI/155/2019, do 19 de febreiro, pola que se aproban as normas dos procesos de selección para o ingreso nos centros docentes de formación para la incorporación á Escala de Cabos e Guardias da Guardia Civil), ou informes de saúde mental e física necesarios para poder participar nos procesos de selección de policías locais (vid. 23 a 25 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais). Tamén os procesos selectivos de ingreso nas Forzas Armadas recollen este tipo de requisitos e probas.
A realización de probas de aptitude psicolóxica debe considerarse non só unha forma lícita de acreditar o mérito e a capacidade no acceso á función pública; é tamén unha forma valiosa, tanto ou máis que a capacidade de retención memorística
3. A realización de probas de aptitude psicolóxica debe considerarse non só unha forma lícita de acreditar o mérito e a capacidade no acceso á función pública; é tamén unha forma valiosa, tanto ou máis que a capacidade de retención memorística, cando menos por dúas razóns:
Porque a memoria como criterio exclusivo de capacidade discrimina a persoas cuxa constitución psicobiolóxica de nacemento non foi xenerosa coa capacidade de retención e de xestión da ansiedade. Persoas que, malia iso, poden achegar outras capacidades cognitivas e emocionais mesmo máis útiles para a función pública.
No mundo das redes dixitais e a intelixencia artificial, a memoria cognitiva mesmo virou crecemente desnecesaria para desempeñar postos de traballo na función pública. Ningún membro dunha mesa de contratación precisa saber de memoria o texto da Lei de Contratos do Sector Público: con levar á reunión un smartphone terá acceso ao texto en tempo real, e con comentarios de xurisprudencia...Por non falar do cada vez maior papel da administración automatizada.
Esta crítica da razón memorística levou á Dirección Xeral de Función Pública da Generalitat Valenciana do Botànic a impulsar no 2022 un proceso selectivo de 80 funcionarios A1, en desenvolvemento do previsto no artigo 65.3 da Lei 4/2021 da función pública valenciana, que busca superar a retentiva memorística como criterio único de avaliación do mérito e a capacidade. O proceso resolveuse coa toma de posesión en xullo do 2024, e merece a pena descreber o seu contido innovador.
Este proceso caracterizouse por introducir un curso selectivo entre o primeiro e o segundo exercicios, ambos obrigatorios e eliminatorios. O primeiro, de carácter tradicional sobre temario, selecciona aos aspirantes que pasan a facer, como funcionarios en prácticas, o curso selectivo de catro meses no Instituto Valenciano de Administración Pública. Este curso ten como finalidade fornecer a formación e a capacitación suficientes para a adquisición de coñecementos prácticos e habilidades e competencias para desenvolver con eficacia os postos de traballo. Unha vez superado este curso, pásase a afrontar o segundo exercicio obrigatorio, co seguinte contido:
O abano de capacidades que esta oposición permite comprobar vai alén do memorístico, e céntrase en aspectos cualitativos moi importantes para o desempeño dos postos de traballo nas administracións públicas
A segunda parte deste segundo exercicio é xa clásica, e tamén eliminatoria. Consiste en resolver mediante ordenador facilitado polo centro xestor, nun tempo mínimo de tres horas e máximo de catro, 2 ou 3 supostos prácticos, referidos ás materias do temario.
Como pode observarse, o abano de capacidades que esta oposición permite comprobar vai alén do memorístico, e céntrase en aspectos cualitativos moi importantes para o desempeño dos postos de traballo nas administracións públicas.
Con todo, é importante observar que eses aspectos cualitativos non son destinados a obter un perfil psicolóxico do opositor, senón a avaliar as súas capacidades concretas de traballo (competencias, habilidades e destrezas) con ferramentas e metodoloxías propias das ciencias do comportamento (vid. a páxina 75 do traballo de Francisco Velasco Caballero “Psicología para el Derecho Administrativo”), aplicadas xa no sector privado e nos ámbitos policial e militar do sector público.
A necesidade de superar xa o sistema memorístico decimonónico de acceso á función pública é innegable. Mais os sistemas de avaliación psicolóxica merecen, ao noso xuízo, atención política urxente e negociación sindical explícita que conxure os seus riscos
4. Esa é a grande diferenza coa convocatoria padronesa coa que comezamos a nosa reflexión: as bases valencianas céntranse en avaliar as competencias e habilidades das persoas opositoras cunha metodoloxía psicolóxica; mais evitaron coidadosamente que esta parte do proceso selectivo se pudese convertir nunha discriminación por perfil psicolóxico das persoas opositoras.
Non hai que ser un foucaultiano de pro para reparar en que aí reside, precisamente, o maior risco deste tipo de probas: a institucionalización dun sistema de acceso á función pública que descanse nos nesgos da personalidade que alguén considere “apta” ou “non apta” para ser funcionari@. Cumpre tal institucionalización a garantía de igualdade no acceso á función pública que o artigo 23 CE considera un dereito fundamental das persoas? Respeta unha “policía da ortopersonalidade no acceso á función pública” o criterio de libre desenvolvemento da personalidade que o artigo 10.1 da Constitución considera fundamento da orde política e a paz social? Respecta esa psicopolicía o dereito á diversidade funcional de persoas que teñen un diagnóstico de enfermidade mental que non permite chegar ao 33% de discapacidade que dá lugar ao acceso á función pública pola quenda da diversidade funcional (artigo 59 EBEP)?
A necesidade de superar xa o sistema memorístico decimonónico de acceso á función pública é innegable. Mais os sistemas de avaliación psicolóxica merecen, ao noso xuízo, atención política urxente e negociación sindical explícita que conxure os seus riscos.