Se as actuacións da industria farmacéutica estivesen inspiradas polos principios da ética o seu obxectivo principal sería a obtención de fármacos e remedios que permitisen curar ou aliviar as doenzas dos humanos provocando o menor dano posible. Mais non sempre é así. Nos últimos tempos houbo casos en que se vulneraron amplamente os límites da ética e da legalidade.
A “invención” de enfermidades (alopecia, fobia social, disfunción eréctil, embarazo, menopausa), a medicalización dos malestares propios da vida, converter os factores de risco en doenzas ou a fixación de límites cada vez máis estritos nos parámetros analíticos
O obxectivo principal de certas empresas é o lucro. Este é un próspero negocio que produce enormes beneficios. Utilizan todas as estratexias posibles para aumentar o consumo de fármacos. A “invención” de enfermidades (alopecia, fobia social, disfunción eréctil, embarazo, menopausa), a medicalización dos malestares propios da vida, converter os factores de risco en doenzas ou a fixación de límites cada vez máis estritos nos parámetros analíticos: Todo vale se nos converte en “comedores” de pastillas. Nos países avanzados os medicamentos supoñen entre o 15 e o 33% do gasto sanitario. Os fármacos son cada vez máis caros; a industria xustifícao coa suposta inversión en investigación para desenvolver novos produtos, mais a realidade é que dedican o dobre á promoción que a I+D. Ademais, moitos dos fármacos non son tan novos: a maioría son versións modificadas doutros xa existentes e máis baratos.
Estas empresas posúen unha poderosa maquinaria de promoción, chegan a agochar información sobre efectos secundarios e mesmo, nalgúns casos, a vulnerar a legalidade, con tal de protexer as súas ganancias. A doutora Marcia Angell (que foi directora do New England Journal of Medicine) ten denunciado a nociva influenza que exercen sobre os médicos prescriptores e cuestiona a obxectividade da investigación médica patrocinada polas compañías. Hai tres casos dos últimos tempos que son moi demostrativos da forma de proceder destas empresas:
-Talidomida: Este fármaco foi comercializado pola compañía alemá Grünenthal entre os anos 1958 e 1963 como sedante e calmante das náuseas do embarazo. Tivo éxito e vendérono en moitos países ata que se soubo que era teratóxeno e provocaba graves anomalías conxénitas, nalgúns casos incompatibles coa vida. A demostración non foi doada: os doutores Widukind Lenz e Claus Knapp tiveron que facer unha investigacion detectivesca para dar coa orixe das malformacións. Miles de nenos naceron en todo o mundo con severas malformacións irreversibles que provocan minusvalías de diverso grado: é o que chaman a “catástrofe da talidomida”. Unha vez comprobada a relación causal prohibírono en todo o mundo. En 1971 o laboratorio acordou indemnizar os afectados alemáns. Pero en España o fármaco continuou nas farmacias cando xa estaba retirado en todo o mundo e hai prato de 200 afectados que reclaman indemnización. O pasado mes celebrouse en Madrid un xuízo, despois dunha demanda interposta pola Asociación de Vítimas da Talidomida (AVITE), que xa está listo para sentenza. Os afectados demandan unha xusta reparación do enorme dano causado, pero a compañía argumenta que o caso xa está prescrito. Grünenthal é hoxe unha compañía moi potente, con implantación en todo o mundo e especializada en produtos analxésicos. O gran escándalo da Talidomida non lastrou a súa traxectoria.
-Lipobay (Cerivastatina): Hai empresas farmacéuticas que teñen un pasado escuro. É o caso de Bayer (fabricante da Aspirina) que, na II Guerra Mundial, elaborou o Zyklon B, pesticida a base de cianuro, utilizado polo nazismo para asasinar a miles de persoas nas cámaras de gas. Máis recente é o caso do fármaco Lipobay, usado para baixar os niveis de colesterol. Este fármaco presentárono en todo o mundo a finais dos anos 90 como o remedio definitivo para a prevención cardiovascular. Tiveron que retiralo pouco despois, en 2001, pola aparición de efectos secundarios graves xa que, en certos casos, provocaba dano muscular severo e mesmo a morte. A Fiscalía de Colonia investigou a este grupo farmacéutico por sospeitar que coñecía os efectos secundarios deste preparado sen que os tivese notificado. Despois de provocar centos de mortes e miles de afectados Bayer retirou o fármaco, tivo que facer fronte a indemnización millonarias e baixou un 30% a sua cotización en Bolsa. Xa ninguén lembra aquel escándalo e Bayer segue a ser unha das empresas máis potentes de Europa.
Despois de provocar centos de mortes e miles de afectados Bayer retirou o fármaco, tivo que facer fronte a indemnización millonarias e baixou un 30% a sua cotización en Bolsa. Xa ninguén lembra aquel escándalo e Bayer segue a ser unha das empresas máis potentes de Europa
-Vioxx (Rofecoxib): Este medicamento presentouno a compañía norteamericana Merck , en maio de 1999, como unha gran innovación. Supostamente carecía de toxicidade gastrointestinal e prometía ser máis seguro i efectivo que os antiinflamatorios xa existentes. Poucos meses despois do lanzamento apareceron datos concluíntes que indicaban un incremento no risco de sufrir infarto de miocardio. Todo apunta a que a empresa coñecía os riscos do fármaco e que manipulou o deseño e os datos dos estudos para minimizar os efectos adversos. No ano 2000 había xa unha fundamentada certeza sobre este asunto. Pero a compañía negou as evidencias, non o retirou e mesmo perseguiu xudicialmente aos investigadores que se atreveron a advertir sobre os riscos deste medicamento. Ese foi o caso do farmacólogo catalán Joan Ramón Laporte, que tivo que afrontar unha demanda penal desta compañía. Seis anos despois da súa comercialización máis de cen mil persoas, só nos EEUU, padeceran ataques cardíacos e ictus provocados polo seu consumo. En setembro de 2004 Merck vese na obriga de retirar o medicamento, as súas accións baixaron un 27% e tamén tivo que facer fronte a indemnización millonarias. Anos despois, e pasada a treboada, esta compañía segue a ser unha das máis potentes de EEUU e do mundo. Laporte considera que “se trata de la mayor tragedia atribuible a un medicamento”. É un perfecto exemplo do que pode ocorrer cando o afán de lucro prevalece sobre o dereito das persoas.
Postdata: Sobre estes e outros temas semellantes van falar nas Xornadas de Debate “Os conflitos de interese na saúde”, que se celebrarán no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 22 e 23 de novembro, promovidas pola Plataforma Nongrazas, nas que participarán expertos de todo o Estado.