A febleza relativa tanto do bloque das esquerdas españolas (PSOE+Sumar=152/350 deputados) como do bloque das dereitas (PP+Vox+UPN=171/350 deputados) abriu unha fenda de oportunidade para que os soberanismos galego, catalán e vasco poidan introducir na axenda estatal importantes cuestións referidas á organización estrutural do Estado. Cada voto é fulcral, non só cara á investidura senón cara todas e cada unha das votacións da lexislatura. É, logo, o tempo da reivindicación da axenda galega. Neste senso a negociación de JxCat co PSOE pola presidencia do Congreso apréndenos da importancia das ferramentas de convalidamento a respecto do cumprimento dos acordos acadados. Porque é de coñecemento xeral que o PSOE asina acordos moi rápido e para cumprilos incorre nunha preguiceira e fachendosa lentitude.
O financiamento autonómico é unha destas cuestións fundamentais, cun sistema caducado dende 2014 que non é quen de fornecer Galicia (nin territorio ningún común fóra de Ceuta e Melilla) dos recursos precisos para financiar a xeito os nosos servizos públicos, malia achegar no 2021 5.082 M€ máis dos que recebimos do Estado (recadamos 13.974 e só percebimos 8.892). Porque a centralización do ingreso nos territorios autonómicos de réxime común (todos agás Euskadi e Nafarroa) determina que o Estado conte cun excedente financeiro para os servizos da súa competencia, mentres que os principais servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais e cofinanciamento da dependencia), de prestación autonómica, son condenados a un delongado infrafinanciamento, que fana gravisímamente tanto unha gobernanza acaída canto un autogoberno real.
Certo é que, nestas circunstancias, Galicia precisaría reivindicar o sistema de cota (“cupo” no castelán) proposto, hoxe polo BNG, onte polo BNPG, EG e polo vicepresidente Carlos Mella no 1984 (Goberno Albor de AP-Independentes) seguindo a nidia e infalíbel lóxica de “primeiro recado e, se cómpre, despois pregunto”. Porque a centralización do ingreso é a chave do xogo de caloteiros que, no prexuizo da prestación dos servizos públicos galegos, adoita desenvolver o Goberno do Estado.
Malia esta verdade verdadeira é probábel que cumpra contar cun plan B neste eido, que só pode transitar polo afondamento na nosa autonomia financeira, incrementando substancialmente o 50% de cesión da recadación do IRPF e IVE e o 58% dos impostos especiais. E, nomeadamente, engadindo ao conxunto dos impostos cedidos o Imposto (directo) de Sociedades (IS), de xeito que o domicilio social (adoito madrileño) sexa substituído canto o criterio para a imputación do beneficio fiscal polo do lugar de xeración do mesmo. De certo determinarmos o tal non ha ser automático, mais axiña contaremos con modelos matemáticos acaídos para saber que parte (90%, 94%...) do beneficio fiscal liquidábel no IS de ENCE, REPSOL e STELLANTIS devindícase no noso País.