Quen me coñece sabe que o meu traballo como psicóloga sanitaria é algo vocacional. Quen comparte profesión sabe que temos unha gran responsabilidade entre as mans, mais tamén sabe da satisfacción e do fermoso que é poder acompañar as persoas nos seus procesos de descubrimento e sanación
Quen me coñece sabe que o meu traballo como psicóloga sanitaria é algo vocacional. Quen comparte profesión sabe que temos unha gran responsabilidade entre as mans, mais tamén sabe da satisfacción e do fermoso que é poder acompañar as persoas nos seus procesos de descubrimento e sanación.
Cada día, en consulta e fóra dela, estamos en contacto coa dor, co sufrimento das persoas. A maior parte das veces, causado por parte de outras persoas. Moitas veces sentimos, en consulta e fóra dela, a carraxe das inxustizas que se dan a nivel humano en diferentes eidos, dende o persoal ao sistémico.
A semana pasada fixen un acompañamento que me xerou moita rabia e moita frustración. Porque se trata dun ser moi vulnerable, con moitas violencias ás súas costas, con moitas feridas causadas por parte de outras persoas. Neses días resoou constantemente na miña cabeza o dito de “a cadela fraca, todo son pulgas”. Sentín moito noxo cara o ser humano. Por acción (máis ou menos directa) ou por omisión (complicidade de toda a vida). Eu, que normalmente acredito na bondade, tiven unha profunda crise de fe. Custoume volver atopar certa paz e certa calma comigo, co mundo e comigo mesma habitando o mundo. Fun consciente de como a miña ollada na rúa, a miña expresión facial, era menos amable e máis dura.
A miúdo atopámonos con moitas inxustizas que nos recordan que o sufrimento e a crueldade están moi preto. Canto máis preto e máis detalle tes, mais podes conectar coa impotencia
A miúdo atopámonos con moitas inxustizas que nos recordan que o sufrimento e a crueldade están moi preto. Canto máis preto e máis detalle tes, mais podes conectar coa impotencia.
Impotencia de que o poder segue estando en mans que deshumanizan, e que os sistemas xurídico, sanitario, social, non está preparados para protexer as criaturas máis vulnerables volvéndose cómplice, e mesmo executor, desas violencias.
Buscar ese acubillo non elimina o sufrimento, mais sen dúbida é un dos maiores actos compasivos que coñezo. A beleza estética e humana, que podemos atopar nas artes e nos amores, alivia o sufrimento e axuda a recuperarse nas crises de fe no mundo
Andaba transitando todo iso por dentro cando fun a un concerto para rematar a semana. Un piano, un teclado e vinte persoas no público. Algo sinxelo e un espazo amable. Nun momento pechei os ollos e deixeime levar pola melodía de jazz que soaba. Algo cambiou na miña sensación corporal. Unha viaxe no tempo atrás que me levou a unha paisaxe dun solpor no medio dunha paraxe natural rodeada de persoas importantes para min. Con esa sensación atravesándome o corpo, lembreime de que James Rhodes conta no seu libro Instrumental como a beleza das pezas de Bach que podía escoitar e interpretar ao piano lle serviu de analxésico e de ansiolítico ante a súa dor.
Os días seguintes, despois de sentirme arroupada pola miña rede de afectos, veume á cabeza a frase de Dostoieski de que “a beleza salvará o mundo”. Sentina como real desde min, en primeira persoa.
Dende o comezo sentín o impulso de poder envorcar todo na escrita, que é algo que me resulta moi terapéutico. Mais nos primeiros días as emocións se agolpaban e as palabras non podían saír. Seguindo o vivido no concerto, decidín buscar a beleza na música, na fotografía, no detalle do pequeno, na capacidade curativa da conexión co máis próximo. Porque buscar ese acubillo non elimina o sufrimento, mais sen dúbida é un dos maiores actos compasivos que coñezo. A beleza estética e humana, que podemos atopar nas artes e nos amores, alivia o sufrimento e axuda a recuperarse nas crises de fe no mundo.