A bolsa ou a vida: O modelo de xestión de emerxencias da Xunta

Durante o incendio de Fandicosta a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), negou ate en 3 ocasións o permiso para que os bombeiros de Vigo (tamén os de Pontevedra) se desprazaran a intervir no incendio de Fandicosta. Non só iso, senón que chegaron a esixir a volta dos efectivos unha vez que, ante a magnitude do incendio, do que tiñan observación directa, o oficial xefe ordenara a saída. Máis aló dos riscos medioambientais, persoais e materiais que se asumiron nesa decisión en particular, o sucedido amosa os problemas dun modelo profundamente privatizado, fragmentado, descoordinado, pouco transparente e suxeito a incentivos perversos.

Cómpre saber, en primeiro lugar, que en Galicia co-existen dous modelos de servizo de bombeiros: un público, que é o que presentan as grandes cidades e algunhas vilas, e un modelo privado, baseado en consorcios comarcais operados por empresas. Cada un deles ten atribuída un área de actuación, municipal os primeiros e comarcal os segundos. De aí que, en casos como o de Moaña foran mobilizados os parque comarcais antes que o de Vigo. Ate aquí, todo claro. De aquí en diante, en absoluto.

O problema xorde xa coa ausencia de protocolos claros para determinar en que momento se activan os niveis de alerta que permiten mobilizar os recursos dispoñibles en calquera punto da comunidade e, por tanto, en calquera concello. Neste aspecto o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia é completamente inconcreto. Máis aínda, un simple problema operativo asociado a este modelo é que a operadora do 112 non pode ordenar a mobilización de recursos por que o 112 é unha empresa privada e a telefonista en cuestión non ten competencia sobre os funcionarios que integran os parques de bombeiros.

En realidade, a xestión das emerxencias da administración galega a penas se limita a mover diñeiro do público ao privado, alimentando a unha maraña de empresas que se reparten os anacos da torta. No que atinxe aos parques de bombeiros: Veicar, xestiona 12 de 23 parques, a maioría na provincia da Coruña, Matinsa, xestiona os parques comarcais en Pontevedra e Natutecnia, leva tres na Coruña e tres en Lugo. Nanutecnia é, ademais, xunto con outras empresas, a responsable do grupo de apoio loxístico que depende de AXEGA. Esta empresa participa tamén na xestión de brigadas aerotransportadas e na elaboración dos plans anti-incendios da Xunta. De feito, Natutencia e unha filial de Inaer, responsable da grande maioría das aeronaves de salvamento marítimo, gardacostas ou de emerxencias autonómicos. Empresa que entre 2008 e 2012 asinou coa administración autonómica 7 contratos por valor de 62 millóns de euros nos que o Consello de Contas atopou irregularidades. No caso concreto das emerxencias no Mar, os servizos son prestados mediante dous helicópteros que anteriormente eran da Xunta e cuxo mantemento se paga 1.5 millóns de euros máis caro que cando eran públicos.

Volvendo ao teléfono 112, a empresa de telepublicidade que o xestiona (Telemark) percibiu por este servizo 3,24 millóns de euros en 2015, case a metade do orzamento da Axencia de Emerxencias de Galicia. Si sumamos os 640.000 euros que custa servizo de mantemento do 112, os 120.000 que percibe Natutecnia como responsable do grupo de apoio loxístico (servizo que en realidade presta có persoal dos parques de bombeiros que xestiona) ou outros pagos por informes (incluído a “elaboración e mantemento do plan estratéxico de emerxencias”), temos que dúas terceiras partes do orzamento da axencia son pagos a empresas. Nun ano corrente sería da orde do 90%, xa que en 2016 se construíu un novo edificio de atención ás emerxencias de Galicia que constou 1,7 millóns.

O marco de actuación conta con outro elemento non menor que compre considerar. Despois do accidente de Angrois, máis concretamente despois das críticas ao operativo despregado neste accidente, a Xunta de Galicia eliminou o sistema remoto 112 que conectaba aos equipos de emerxencias. Un sistema que permitía que estes últimos virán en tempo real a alerta, a descrición da alerta ao tempo que se introducía no sistema, o minutado exacto dos avisos, os equipos desprazados e a súa posición. Si ben este sistema foi recuperado na actualidade, as condicións de uso leoninas que se lle impoñen aos bombeiros fan que a maior parte dos parques non o teñan instalado. E dicir, non só non é claro o protocolo para a toma de decisións, senón que este está suxeita a un marco de opacidade sobre a secuencia dos feitos e a resposta dada. Neste contexto, resulta difícil confiar en que a mobilización de recursos non ten que ver co cobro das pólizas de seguros dos edificios sinistrados. Si, os bombeiros cobran polos seus servizos, e os cidadáns deberamos ter certeza de que na asignación de recursos non inflúe o ánimo de lucro.

En definitiva, o que temos é que a liquidación das garantías e cobertura que ofrecen os sistemas públicos non é un problema exclusivo dos “improdutivos” servizos sociais, sanitarios e educativos, senón que é unha estratexia de saqueo que se estende alá onde existe unha mínima oportunidade de negocio, dando lugar a un sistema descoordinado, sometido a intereses espurios e que opera nun contexto de opacidade que favorece a partes iguais a arbitrariedade e a elusión de responsabilidades por parte dos xestores. De tal modelo non pode esperarse nin á eficacia, nin a eficiencia, como tampouco a primacía do interese xeral, de modo que so cabe o rescate público do servizo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.