Para as que de cando en vez, a miúdo máis do que as nosas forzas nos dictan, baixamos á lama da política, e participamos de procesos de construción dunha identidade política que nos permita facer fronte ao monopolio emocional-económico do Partido Popular en Galicia, os últimos meses viñeron marcados por un clima de desconfianza mutua que non responde ao, alo menos para min, imperativo de feminizar a política, de facer política non desde a loita de poder senón desde a postura cooperativa de coidado do ben común.
Se é esta unha postura compartida, debe selo tamén a de construír, nesta campaña, un clima de confianza mutua (antecedente sine cua non de calquera comportamento cooperativo), e de xerar, como contaxio e como radiación, ese clima de confianza na cidadanía que resiste a cotío entre días laborables dos cales os máis duros son aqueles nos que remata o mes, nos que comeza o curso, nos que hai que facer horas que non van ser pagas, nos que hai que adicarse ao coidado de persoas dependentes, en fin, nos días laborables desa cidadanía que non ten vagar nin ganas de adicarse á política e que quere votar, cando lle preguntan, polos seus representantes.
A campaña da confianza será tamén a da transparencia, e será tamén a campaña que consiga romper as inercias clientelistas que como un virus insidioso contaminan desde a transición o voto rural, nomeadamente nas provincias do interior. Xa está ben de pensar que o PP morrerá cunha xeración-clube de fans, que contra todo prognóstico acode en masa a demostrarlle o seu apoio en cada cita electoral. Xa está ben de queixarnos da súa ignorancia, do seu apego e da súa inercia e de facer a campaña no rural segundo os seus propios parámetros, ao modo en que Quinto Tulio Cicerón explicaba ao seu irmao Marco as técnicas relevantes no seu Breviario de Campaña Electoral (Positivas), verdadeiro manual de clientelismo clásico que parece ser o ABC de moitas campañas da esquerda, onde se segue visitando ás veciñas no seu domicilio, repartindo papeletas de maneira máis ou menos clandestina, ou, polo menos, e isto é o que interesa, de modo privado.
Cómpre entender que o voto rural está preso, non de redes clientelistas, senón dun modo de facer política que non contempla a vida pública, que prescinde dos espazos de visibilización porque se asume como inevitable a dependencia desa servidume voluntaria que mantén, aínda, o voto cautivo. Quedar preso nestas categorías supón, como moito, cambiar o voto de signo, pero non empoderar á cidadanía, senón empoderar aos representantes que utilizan as súas redes persoais para facer política.
Cómpre, pois, facer dunha vez campañas abertas, onde se anime á cidadanía a exercer o seu dereito a voto, onde se poña máis o acento na campaña pública e non na conversa privada. A visitas domiciliarias en campaña, que parecen ser a única vía posible para moitas candidatas de todas as cores, seguen aceptando o modelo clientelista como a única vía posible para as comunidades pequenas. Cómpre normalizar o acto de coller a papeleta no colexio electoral. E cómpre culpabilizar as actitudes que intimidan ante este acto básico da democracia.
Que non exista o anonimato no rural non debe ser o alicerce de políticas baseadas no medo e na prudencia compulsiva que impide manifestar e público ideas políticas (pero que non impide en absoluto amosar o voto propio sen pudor, cando vai para a opción dominante neste ou noutro concello). Son ambas actitudes que hai que salientar como pertencentes a unha conciencia pre-democrática. Son actitudes que dividen en bandos, que pertencen á lóxica masculina da competititvidade, da exclusión, da agresividade fronte ao “outro”.
A campaña no rural debe basearse, claro está, na cercanía, nos vencellos que ligan como unha tupida rede ás nosas comunidades, pero sempre desde a esfera pública, desde o acto na praza ou na feira, aberto e plural, e non como unha adscrición clánica que non avanza na construción democrática do país senón en outorgar cartas brancas que facultan aos representantes a actuar de costas á poboación que os apoia. O obxectivo non é cambiar o voto de signo, creando maiorías cegas que se manteñen con independencia do tipo de comicios aos que estamos convocadas. Trátase de xerar a normalidade política que permite convivir (como sempre convivimos e seguiremos convivindo) entre persoas que defenden diferentes opcións. As comunidades rurais, precisamente pola falta de anonimato e polo seu tamaño reducido, son moito máis tolerantes á diferencia. Noutras palabras, para catro gatos que somos, ímonos levar ben, aínda que ti sexas deste color i eu do outro. Estou convencida de que o obxectivo é o empoderamento popular, avanzar cara unha madurez democrática que non apele aos vencellos persoais para decidir o voto. Unha campaña cooperativa, aberta e transparente. Unha campaña aberta que devolva a confianza en que se pode facer política doutro xeito. Ou iso, ou volverá gañar Feijoo.