A catástrofe Rajoy

A mediocridade dos dous últimos Presidentes dos Gobernos do Estado amosa o deterioro institucional da España, ao que non é alleo a invasión metastática do tecido social polas burocracias partidarias do PP e PSOE. Burocracias que arelan controlar a sociedade, regular limitativamente  o acceso das persoas á actividade política e parasitar a recadación fiscal para acadar remuneración para centos de milleiros de burócratas.

Esta metástase bipartidista obrígalles a incrementar a presión fiscal sobre as clases medias no canto de reformar o Estado, mantendo absurdos sistémicos como as Deputacións, a metade dos Ministerios, os delegados e subdelegados do Goberno e todos os senadores de elección provincial directa. Por outra banda, PP e PSOE representan os intereses da grande empresa concesional, comercial, bancaria e de distribución eléctrica. Velaí a súa obsesión cos Gobernos autonómicos das nacionalidades, que son os que teñen a capacidade para modular o impacto ambiental e territorial de determinadas actividades e para planificar as superficies comerciais na garantía dos dereitos dos consumidores e da non desertización comercial das nosas cidades e vilas.

Esta metástase bipartidista obrígalles a incrementar a presión fiscal sobre as clases medias no canto de reformar o Estado

As medidas do venres (RDL 20/2012 e outras que se anuncian), ás que xa chaman “a catástrofe Rajoy” teiman na crise institucional española e van agravar a súa recesión económica. Porque a suba dos impostos vai incrementar a  fraude fiscal, a inxustiza na redistribución da renda e deprimir máis o consumo e, xa que logo, o crecemento económico. A rebaixa das retribucións aos funcionarios e a liberalización de horarios comerciais vai agravar moito máis a crise do noso comercio de proximidade. E a falla de reformas institucionais vai afondar nunha aparataxe estatal sobredimensionada nos ámbitos estatal e provincial, pensada para que as burocracias do PP e PSOE sigan a parasitar na sociedade.

Velaí porque as medidas son catastróficas.-Porque nin resolverán o déficit nin tenderán á viabilización das nosas Institucións. Porque deprimirán axiña o consumo  e o crecemento, xerando moito máis desemprego e  exclusión social-.

A ARRINCADEIRA

Para Galicia manter e ampliar substancialmente o autogoberno é esencial para a súa economía e benestar. Mais compre revisar o café para todos. Galicia non é Cantabria. Nin Ceuta, nin Murcia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.