A cen anos da morte de Ramón Varela de Iglesia, un salientable médico innovador e marxinado

Facultade de Medicina da USC © USC

Hemeroteca

O pasado mércores día 21 foi o cabodano de Ramón Varela de la Iglesia. Morreu en 1922 quen ocupou a cátedra de Fisioloxía da Facultade de Medicina da universidade compostelá e foi unha figura destacada na historia da Medicina en Galicia. Non lle resultou doado realizar o seu labor profesional, os inmobilistas non lle perdoaron a súa defensa da modernización médica e as críticas ao corporativismo académico. 

 

Marxinado e rebelde na Facultade de Medicina

Non lle resultou doado realizar o seu labor profesional, os inmobilistas non lle perdoaron a súa defensa da modernización médica e as críticas ao corporativismo académico

Ramón Varela de la Iglesia acadara a idade de xubilación en 1915, pero seguiu no seu posto porque obtivo unha prórroga do Ministerio de Instrución Pública. Ao rematar esta, en 1918, pretendeu ampliala, desexaba concluír uns traballos no Laboratorio de Fisioloxía. Porén a maioría do claustro da súa Facultade votou pola súa exclusión e foi obrigado a xubilarse. 

Varela non ficou calado, nunca o fixera. Pouco despois publicou un folleto: Excmo. Sr. Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes (1919). Un documento singular por varias razón: a situación de marxinación que describiu, o ton desafiante que empregou e o feito –pouco habitual no gremio dos catedráticos universitarios– de facer públicas certas eivas do funcionamento interno. 

Retrato de Ramón Varela de la Iglesia, sobre 1910 (Arquivo familia Varela Núñez) Dominio Público

Varela queixouse pola continua postergación que viviu durante décadas na súa Facultade. A principal denuncia estivo dirixida ao que denominaba “caciquismo que viene prostituyendo la universidad”

No escrito queixouse pola continua postergación que viviu durante décadas na súa Facultade. A principal denuncia estivo dirixida ao que denominaba “caciquismo que viene prostituyendo la universidad”. Aludía ao control do poder académico na Facultade de Medicina por parte dunha alianza entre o sector do profesorado partidario de Eugenio Montero Ríos (“monteristas”) e os de perfil conservador. Estes profesores, utilizaban esa posición de dominio para obter e repartirse privilexios profesionais. Nese sentido, Varela criticou as súas manobras, “aplicando la palanca y apretando los tornillos de un caciquismo universitario intemperante y asqueroso”. Explicaba que: dispuñan de máis recursos para as súas actividades nas aulas e laboratorios; gozaban da posibilidade de –despois de acceder a unha cátedra– mudar a outra por conveniencia persoal e acumulaban, cando existía algunha vacante, varias de xeito espurio, sen ter en conta a idoneidade. Cuestións que supuñan, entre outras cousas, os conseguintes incrementos de salarios e a existencia de dúas categorías, de feito, entre o profesorado, o grupo dominante e os marxinados, como era o caso de Varela. Quen escolleu un lema para aquel claustro da Facultade de Medicina: “¡¡¡Pan y Toros!!!“

1871, a orixe do conflito

Os enfrontamentos coa súa contorna profesional viñan de lonxe. O punto de partida fora en 1871, cando o mozo Varela se presentou aos exercicios para acadar a cátedra de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica da universidade compostelá. Alí tivo como contendente a Timoteo Sánchez Freire, o candidato “da casa” (xa era profesor nela e tiña importantes “padriños”). Mentres Freire defendeu unha visión obsoleta da Medicina, Varela, pola contra, presentou unha perspectiva da enfermidade próxima á nova “medicina de laboratorio”, desde un enfoque dinámico e fisiopatolóxico en liña cos avances da Medicina europea do momento. 

Varela, humillado, comprobou en primeira persoa como o profesorado que controlaba o poder académico na Facultade de Medicina puña por diante os intereses ideolóxicos e corporativos sobre calquera outra consideración

O tribunal apoiou descaradamente a Freire. Na defensa dos vellos dogmas destacou o catedrático de Obstetricia José Andrey, quen asumía a presidencia “de facto” do tribunal. Cuestionou as posición de Varela a prol de aplicar as ciencias naturais á medicina e, ademais, superando os límites propios dun acto académico, Andrey criticou inquisitorialmente as propostas científicas de Varela, afirmando que “ciertas teorías tan sólo se sostienen en el estado de perfecta salud”. Todos os membros do tribunal da Facultade de Medicina votaron a prol de Freire. Varela, humillado, comprobou en primeira persoa como o profesorado que controlaba o poder académico na Facultade de Medicina puña por diante os intereses ideolóxicos e corporativos sobre calquera outra consideración. 

Microscopio de latón de finais do século XIX © www.anticoantico.com

A cátedra de Fisioloxía

O seu ostracismo só tiña unha importante excepción, a privilexiada relación co equipo dirixente da Institución Libre de Enseñanza. Varela centrouse nas investigacións microscópicas, na alta divulgación científica e no labor na cátedra

As portas da Facultade compostelá ficaron, pois, pechas para o heterodoxo Varela, quen tivo que buscar outra ruta, indirecta, para acceder á docencia universitaria en Santiago. Foi en Granada, onde o 21 de febreiro de 1874 acadou a cátedra de Fisioloxía da súa universidade. Trasladouse a Barcelona e despois a Santiago, onde tomou posesión o 27 de setembro. Na universidade compostelá permanecería ata a súa conflitiva xubilación.  Acantoado polo grupo dominante da Facultade, desenvolveu en solitario un labor de claro carácter persoal. O seu ostracismo só tiña unha importante excepción, a privilexiada relación co equipo dirixente da Institución Libre de Enseñanza (ILE). Varela centrouse nas investigacións microscópicas, na alta divulgación científica e no labor na cátedra, na que loitou por dispor de medios para realizar experiencias no laboratorio e inculcou o dominio do alemán aos seus alumnos. 

Excepcional labor de divulgación especializada de novidades médicas

Varela realizou numerosas traducións de diversos libros e artigos médicos escritos en alemán. Asemade, abordou unha impresionante e pioneira tarefa de difusión médica especializada coa edición de dúas relevantes publicacións

Varela realizou numerosas traducións de diversos libros e artigos médicos escritos en alemán. Asemade, abordou unha impresionante e pioneira tarefa de difusión médica especializada coa edición de dúas relevantes publicacións. Unha, a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas. Cada mes, entre abril de 1877 e xaneiro de 1884 – aos 15 días de ver a luz en Alemaña– aparecían dúas monografías, tradución directa por parte de Varela da coñecida Sammlung klinischer Vortrag. O volume total publicado supón unhas 160 monografías. A outra publicación foi a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. Recollía os resumos que Varela elaboraba de artigos recentemente publicados por importantes médicos europeos, especialmente alemáns e franceses. Traballou na revista do 15 de abril de 1877 ao 31 de marzo de 1883 e o número de recensións publicadas estivo arredor das 2000. 

Ramón Varela Dominio Público

O catedrático afrontou a carencia de recursos e o seu illamento na Facultade de Medicina para desenvolver actividades experimentais en Histoloxía e Microbioloxía e a creación, cos seus propios medios, do Laboratorio Histolóxico de Santiago, unha iniciativa pioneira

A confección simultánea de ambas publicacións supuña un volume de traballo impresionante. Varela participaba activamente en todo o proceso de elaboración, e mesmo chegou, para aceleralo e controlalo, a trasladar o lugar de impresión á súa propia casa. Estas publicacións serviron para que os profesionais sanitarios puidesen coñecer de xeito inmediato valiosas contribucións. Así aconteceu coa obra de Rudolf Virchow, Louis-Antoine Ranvier, Claude Bernard, Mathias Duval, Robert Koch, Louis Pasteur, etc.

 

A actividade institucional, o Laboratorio Histolóxico 

O catedrático afrontou a carencia de recursos e o seu illamento na Facultade de Medicina para desenvolver actividades experimentais en Histoloxía e Microbioloxía e a creación, cos seus propios medios, do Laboratorio Histolóxico de Santiago, unha iniciativa pioneira. En 1884 solicitou á Facultade, e puxo en marcha, o curso 1884 e 1885, un curso de Histoloxía. Nos anos posteriores fixo o mesmo cun curso de Microscopia e Bacterioloxía, sempre no seu laboratorio privado. Unha importante testemuña da actividade do Laboratorio foi un Catálogo de microscopios construídos nese establecemento (1886), publicación da que xa dimos conta noutro episodio neste xornal.

Incumprimento da súa derradeira vontade

O catedrático, no seu testamento deixara escrito: "Declaro expresamente que no soy católico, que mi entierro será, por tanto, puramente civil y que prohibo que se me apliquen misas y toda clase de sufragios espirituales”

Roberto Nóvoa Santos, discípulo de Varela, asinou o 21 de setembro de 1922 o certificado de defunción, causada por “carcinoma generalizada”, cancro espallado. O catedrático, no seu testamento ológrafo (redactado por el mesmo en 1916), deixara escrito (cláusula 12ª): “Declaro expresamente que no soy católico, que mi entierro será, por tanto, puramente civil y que prohibo que se me apliquen misas y toda clase de sufragios espirituales”. E engadiu na 13ª: “(...) que tan pronto como lleguen a iniciarse en mí los menores vestigios del descenso de la voluntad o del enturbiamiento de las facultades mentales en general, no permitan la entrada en mi habitación a ningún sacerdote católico y especialmente a ningún jesuita”. 

Ramón Varela de la Iglesia merece que se lembren as súas contribucións científicas e a batalla que mantivo fronte aos colegas cientificamente inmobilistas e defensores de privilexios académicos.

A familia non respectou esa vontade cando morreu. O 22 de setembro houbo funeral na catedral de Santiago, de onde saíu o cadáver cara o cemiterio de Santo Domingos, presidindo o duelo o cóengo Antonio Vicente, un representante da familia e tres colegas do morto: Ángel Martínez de la Riva, Ángel Baltar Cortés e Roberto Nóvoa Santos. 

Innovador da Medicina, figura destacada entre os médicos galegos do seu tempo, marxinado na súa contorna profesional, non respectado como correspondía, coido que Ramón Varela de la Iglesia merece –cen anos despois da súa morte– que se lembren as súas contribucións científicas e a batalla que mantivo fronte aos colegas cientificamente inmobilistas e defensores de privilexios académicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.