A Chaira con Cuba no corazón

Está de actualidade a nova da recomposición das relacións diplomáticas entre Cuba e os Estados Unidos que pode levar á suspensión definitiva do bloqueo que manteñen os USA á illa desde os anos 60. Unha boa nova para os cubanos e unha boa nova para os galegos que entendemos que máis aló de diferencias políticas, os dereitos das persoas non deben ser conculcados.

Pero se a relación Galiza-Cuba é innegable, a da Chaira é se cadra aínda máis intensa máis dependente

Os galegos temos unha grande relación con Cuba, un país que nos acolleu e co que construímos lazos estreitos á marxe dos estados, un país onde milleiros de familias conservan aínda parentes produto do asentamento consecuencia da emigración masiva.

Pero se a relación Galiza-Cuba é innegable, a da Chaira é se cadra aínda máis intensa máis dependente. Eu mesmo tiven un tío avó (o capitán Piñeiro) que participou na Guerra de 1898 e o meu avó materno (Jesús de Guizán) emigrou dúas veces á illa. Tíos do meu pai tamén emigraron e manteño alí familia aínda, e coma min, milleiros de Chairegos.

En Lanzós, San Simón, Santaballa, Os Vilares e numerosas parroquias da Chaira hai casas e escolas habaneras construídas con cartos de emigrantes en Cuba para alfabetizar e educar aos rapaces daquel tempo, nunha obra sen precedentes e aínda hoxe, galegos e descendentes de Chairegos emigrados conservan sociedades das parroquias de orixe.

Alégranos que Cuba e os cubanos progresen na súa felicidade, no seu benestar e nesa independencia que souberon defender sempre con sacrificio

Cuba representa mesmo para os que nunca a pisamos, un lugar no noso corazón, como tamén o representou para Manuel Fraga no seu momento por riba das diferencias ideolóxicas apoiando as relacións coa illa por diante dos intereses do seu partido e dos poderes fácticos.

Os Chairegos, sabemos do sentir, sabemos agradecer e lembrar e precisamente por iso alégranos que Cuba e os cubanos progresen na súa felicidade, no seu benestar e nesa independencia que souberon defender sempre con sacrificios, erixíndose nese pequeno Davide que ten resistido contra o Goliat heroicamente.

Este acordo cos EE.UU. presididos por Obama, pon en evidencia o radicalismo de gobernantes americanos do pasado e a cegueira política de España

Este acordo cos EE.UU. presididos por Obama, pon en evidencia o radicalismo de gobernantes americanos do pasado e a cegueira política de España, que queda mal posicionada por esa teima reaccionaria de gobernos do PP desde Aznar, que non entenden de humanidade nin de historia. Eses non merecen aos cubanos nin merecen aos galegos.

Parabéns á razón e á convivencia. O bo para Cuba e os cubanos énchenos de alegría e satisfacción aos chairegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.