A chantaxe eléctrica

Nestes días estivemos escoitando noticias verdadeiramente preocupantes para o mantemento de varias fábricas de moita importancia para o tecido produtivo galego. En particular, das dúas fábricas de Alcoa (na Grela e en San Cibrao) e de Megasa (en Narón). Imos ver por que se produce esta situación, e que alternativas hai ao seu desmantelamento.

Nestes días escoitamos noticias preocupantes para o mantemento de varias fábricas de importancia para o tecido produtivo galego: as dúas fábricas de Alcoa (na Grela e en San Cibrao) e de Megasa (en Narón)

Se ben Alcoa leva tempo ameazando con deslocalizar a súa produción polos elevados custos da empresa, esta semana fixo pública a súa decisión de desmantelar a planta da Grela despois de perder a subvención por interrumpibilidade sobre o consumo eléctrico.

Que é a interrumpilidade? Basicamente, unha axuda que o Estado outorga ás empresas con grande consumo de electricidade, por se nalgún momento existe un exceso de demanda, estas empresas renunciarían a producir durante ese período de tempo para que a electricidade poida chegar ás nosas casas. A priori, parece que esta medida é positiva, até que sabemos que esta situación non acontece. Na actualidade o Estado ten un exceso de produción eléctrica tan elevado que unha situación deste estilo non é realista.

Pagámoslle ao redor do 3% da nosa factura (case 800 millóns de € ao ano) a empresas como Alcoa, mentres esta multinacional obtén beneficios e ameaza con despedir aos seus traballadores

O elemento máis curioso é que este subministro por interrumpibilidade non o paga na actualidade o Estado, senón que se carga directamente na tarifa eléctrica. É dicir, pagámoslle ao redor do 3% da nosa factura (case 800 millóns de € ao ano) a empresas como Alcoa, mentres esta multinacional obtén beneficios e ameaza con despedir aos seus traballadores. De feito, a propia empresa podería estar manipulando a subasta para non recibir a subvención e así ter unha escusa para marchar.

Polo tanto, estas subvencións son un elemento que de xeito indirecto secuestran a toma de decisións dun Estado sobre determinadas empresas, até o punto de que Alcoa marcha se lle retiramos a subvención, que aínda por riba pagamos por igual calquera cidadán dende a tarifa, sen ningún tipo de redistribución.

Unha solución ben simple é a de introducir unha tarifa eléctrica galega, que recoñeza os custos reais de producir electricidade en Galiza, moito máis baixos que no resto do Estado, como potencia exportadora que somos

Agora ben, non se pode permitir que tres empresas que xeran de xeito directo en San Cibrao 1.200 empregos, na Grela 400 e en Narón 180 (sen contar o emprego indirecto ou os efectos sobre o consumo na comarca) marchen do país ou pechen. Para isto unha solución ben simple é a de introducir unha tarifa eléctrica galega, que recoñeza os custos reais de producir electricidade en Galiza, moito máis baixos que no resto do Estado, como potencia exportadora que somos. Unha tarifa eléctrica diferenciada non sería unha novidade, ao aplicarse xa en Estados como Reino Unido, Francia ou Alemaña. É curioso que fora Franco no ano 53 quen aplicara tarifas únicas, e que ningún goberno posterior as mudara.

Estamos falando dun abaratamento da tarifa de até un 20% ao reequilibrar o sistema de peaxes e introducir elementos de transporte xustos para os territorios produtores (e iso sen tocar o mercado eléctrico, outra trampa para pagar máis). Un abaratamento que ademais sería non só para estas empresas, senón para o conxunto do tecido produtivo e a cidadanía. Evidentemente, esta situación produciría un incremento de competitividade da economía galega, mentres se resolverían moitos dos problemas derivados da pobreza enerxética.

É curioso ademais que na actualidade as tarifas sexan únicas para o Estado, pero existan subterfuxios polos cales certas empresas poden ser máis competitivas. É o caso de Celsa contra a empresa galega Megasa, que ten acceso a unhas tarifas eléctricas que abaratan a súa produción por grande consumidora (precisamente polas subvencións por interrumpibilidade), mentres a empresa galega non ten acceso a elas aínda que estaría en disposición de obter unha electricidade máis barata. Isto significa poñer en perigo 180 empregos directos e uns 1.000 indirectos na comarca de Ferrolterra, particularmente castigada pola crise.

Do mesmo xeito, en Euskadi tamén foron quen de obter beneficios para determinados tramos de potencia que fan a súa industria máis competitiva. Curioso que todas estas decisións son negativas para a economía galega, pero a nosa representación pública permite que se leven a cabo sen protestar.

Por unha cuestión de dignidade, deberían levarse a cabo políticas diferentes que aseguren que se manterá o emprego destes traballadores e traballadoras, e se transnacionais como Alcoa deciden deslocalizarse

Polo tanto, non se trata de que non teñamos potencialidades ou sexamos un país pobre, simplemente existen decisións políticas ás que non lles interesa defender os intereses de Galiza, da súa economía e da súa xente. Por unha cuestión de dignidade, deberían levarse a cabo políticas diferentes que aseguren que se manterá o emprego destes traballadores e traballadoras, e se transnacionais como Alcoa deciden deslocalizarse, deberían aplicarse serias medidas contra a empresa e recuperar a súa produción baixo formas estatais, cooperativas ou control obreiro. O que non se pode permitir é que as grandes empresas estean por riba da xente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.