Instalados no ronsel da lembranza de importantes acontecementos históricos, atopámonos coa conmemoración dos 40 anos da vitoria electoral de Felipe González que propiciou a formación do primeiro goberno do PSOE despois da morte de Franco.
No plano estritamente político, aquel triunfo rematou co dominio da UCD rexistrado nos comicios de 1977 e 1979, colocou nunha posición nitidamente minoritaria á dereita que representaba Alianza Popular -dirixida por Fraga- e arruinou practicamente a potencialidade acumulada polo PCE durante a resistencia antifranquista. A dimensión acadada por este último fenómeno non figuraba nas predicións que se manexaban a partir de 1976. Os 4 deputados obtidos polo partido de Santiago Carrillo non se correspondían coas expectativas xeradas pola arriscada legalización acometida por Adolfo Suarez no mes de Abril de 1977. O comunismo oficial español naufragou a pesar das reiteradas demostracións de moderación exhibidas durante aqueles anos.
No imaxinario da maioría da esquerda social, Felipe González non aparecía como unha oferta menos radical que a de Carrillo e tiña vantaxes que resultaron decisivas
No imaxinario da maioría da esquerda social, Felipe González non aparecía como unha oferta menos radical que a de Carrillo (nas hemerotecas poden atoparse paradoxos como a defensa retórica do dereito de autodeterminación por parte do PSOE mentres o PCE fuxía deses pronunciamentos para reforzar a súa imaxe de partido de "orde") e tiña dúas vantaxes que resultaron decisivas: a pertenza a unha xeración que non participara directamente na guerra civil e a conexión coa socialdemocracia europea, peza básica na construción do Estado de benestar durante as décadas posteriores á barbarie do nazismo. Dolores Ibarruri e Santiago Carrillo representaban moi ben aos derrotados polo golpe de Franco e aos combatentes contra a súa ditadura pero tiñan mais dificultades para conectar con sectores xeracionais mais afastados da confrontación directa vivida nos anos pasados e, ademais, non podían exhibir exemplos de gobernos amigos nos países da Europa occidental.
Poucos meses antes desta vitoria do socialismo español, chegaba F. Mitterand á presidencia da República francesa e tomaba dúas medidas moi significativas: aceitar a presenza de 4 ministros do Partido Comunista no novo goberno e acometer a estatalización dalgunhas empresas enerxéticas, automobilísticas e bancarias. A pesar de que González obtivo 202 escanos, non quixo seguir a lóxica do seu colega de París. Por unha banda, deixou que a febleza do PCE alimentara un notábel transvase de cadros e dirixentes dese partido cara o PSOE.
Ao mesmo tempo e da man de ministros como Boyer e Solchaga levou adiante unha política económica distanciada dos criterios clásicos da socialdemocracia: reconversión dura dalgúns sectores industriais básicos (nomeadamente o da construción naval e o da siderurxia) e primeiros pasos para privatizar unha parte do sector público empresarial. As importantes folgas obreiras rexistradas na primeira metade da década dos 80 (Ferrol, Vigo, Sagunto, Euskadi...) foron o contrapunto ao depósito de confianza electoral daquel Outubro de 1982. Posteriormente, durante a segunda maioría absoluta de F. Gonzalez (1986-1989), o distanciamento entre a base electoral e o goberno socialista acadou unha expresión máxima na folga xeral de 1988 que, ademais, certificou o divorcio co sindicato -UXT- que viña funcionando como o principal referente histórico do partido no ámbito das clases traballadoras.
O primeiro goberno do Partido Socialista tivo que facer fronte a dous problemas de moita envergadura: a intensa actividade de ETA e a controversia sobre a presenza do Estado español na OTAN. No primeiro caso e despois dun intento frustrado de negociación en Alxeria, o executivo de González viuse implicado nas accións do GAL, con algunhas consecuencias penais graves -condenas a Barrionuevo e Rafael Vera- e con importantes incógnitas a respecto da eventual responsabilidade do propio presidente na xénese daquela particular forma de terrorismo de Estado. No asunto da Alianza Atlántica, o goberno cumpriu a promesa de celebración dun referendo aínda que mudou completamente a proposición realizada en campaña electoral -"OTAN, de entrada non"- e apostou pola participación na alianza militar. A vitoria acadada na consulta de 1986 abriu unha fenda definitiva cunha parte significativa daqueles sectores da esquerda social que deran o seu aval electoral ao primeiro presidente socialista que ocupaba os despachos da Moncloa.
Neste 40 aniversario daquel espectacular triunfo electoral temos que asistir a un paradoxo moi revelador: moitos voceiros da dereita decláranse abertamente felipistas a pesar de que durante os últimos anos da súa presidencia fixeron todo o posíbel para derrubalo, amparándose nos episodios de corrupción e de guerra sucia
Como é sabido, Felipe González completou catro mandatos gobernamentais -entre 1982 e 1996-, establecendo un ciclo temporal que aínda non foi igualado. Nese amplo período houbo, como é lóxico, luces e sombras. Entre as primeiras destacan, sobre todo, o fortalecemento de tres piares básicos de calquera Estado de benestar: o ensino, a sanidade e un sistema público de pensións. Entre as segundas, ademais do xa enumerado anteriormente, compre sinalar a inexistencia de leis de reparación das vítimas do franquismo como as que foron elaboradas posteriormente, durante os gobernos de Zapatero e de Sanchez. As sucesivas maiorías absolutas do Partido Socialista non serviron para pechar, coa dignidade debida, as feridas abertas polo golpe de Estado de 1936.
Neste 40 aniversario daquel espectacular triunfo electoral temos que asistir a un paradoxo moi revelador: moitos voceiros da dereita mediática -e tamén da política- decláranse abertamente felipistas a pesar de que durante os últimos anos da súa presidencia fixeron todo o posíbel para derrubalo, amparándose nos episodios de corrupción e de guerra sucia. Feijoo xa dixo hai tempo que votara por el en 1982 e Rajoy aproveita calquera ocasión para louvalo como antítese do que hoxe representa Pedro Sánchez. Uns e outros comparten con González unha intensa nostalxia polo vello modelo bipartidista que ficou seriamente erosionado nos comicios de 2015.