A chamada comisión de investigación das caixas, creada no Parlamento de Galicia para deitar luz sobre un dos episodios máis escandalosos da política e da economía galegas, continúa paralizada. Ano e medio despois da fin das comparecencias, o Partido Popular non quere retirar o cadeado do órgano parlamentario. O seu bloqueo impide que a cidadanía se achegue ao que realmente sucedeu na liquidación do sistema financeiro galego. Nas caixas de aforro houbo quen xestionou mal, houbo quen roubou, houbo quen tivo comportamentos pouco ou nada éticos –fundamentalmente Méndez e Gayoso. E houbo quen, cómplice de toda esta desfeita, o permitiu: a Xunta, porque a Consellaría de Facenda tiña competencias para vixilancia e xestión das mesmas, e mais o Banco de España.
Houbo quen, cómplice de toda esta desfeita, o permitiu: a Xunta, porque a Consellaría de Facenda tiña competencias para vixilancia e xestión das mesmas, e mais o Banco de España
Unha comisión de investigación parlamentaria, polo menos no plano teórico, debera servir para determinar as responsabilidades políticas de quen tiña competencias no control das entidades e non as exerceu. E amais de non as exercer, permitiu o saqueo do aforro de galegas e galegos. Tamén debera traballar por identificar os responsábeis, directos e indirectos, do roubo ás preferentistas, e os detalles documentais polos que se autorizou a fracasada fusión entre as vellas Caixa Galicia e Caixanova. En troques, a cidadanía topa cun Partido Popular que manipula para os seus propios intereses esas institucións que tanto asegura –retoricamente- defender e insiste na súa estratexia de ocultación. O escurantismo antidemocrático que presidiu o proceso de liquidación das caixas seguiu, e segue, na investigación parlamentaria.
O escurantismo antidemocrático que presidiu o proceso de liquidación das caixas seguiu, e segue, na investigación parlamentaria
Porque o pecho que pretende por o PP á comisión de investigación da fracasada fusión das caixas significa impedir que a cidadanía coñeza:
- A determinación de responsabilidades dos cargos políticos da Xunta, que segundo a Lei de Caixas, tiñan competencias para o control da xestión dos aforros dos galegos e galegas. Non toda a responsabilidade se pode reducir, como por razón obvias lle interesa á dereita gobernante, ao Banco de España.
- A depuración das responsabilidades de quen afirmou publicamente que a fusión estaba avalada por unha auditoría –que custou máis dun millón de euros públicos- que nin era auditoría nin avalaba a fusión. O presidente da Xunta e a daquela conselleira Marta Fernández Currás mentiron.
- A carta en que a Xunta encargou á consultora KPMG a denominada due dilligence, que non auditoría, e na que se especificaban os puntos que a empresa debía analizar. Esta desapareceu misteriosamente da documentación entregada á comisión. Malia que Alternativa Galega de Esquerda solicitou unha vez e outra este papel fundamental para saber o que aconteceu, este segue no limbo. Se cadra correu a mesma sorte que os contratos coas empresas de Marcial Dorado.
- O acordo do Consello da Xunta de novembro de 2010 que, asinado pola daquela conselleira de Facenda Marta Fernández Currás, autorizaba a fusión, e mais os informes técnicos da consellaría. De novo, o ocultismo como modo de goberno do PP.
O señor Feijóo non quere que se saiba a verdade. Ten moitas vergoñas que tapar. Hai máis poderes aos que lles interesa que non se saiba
O señor Feijóo non quere que se saiba a verdade. Ten moitas vergoñas que tapar. Hai máis poderes aos que lles interesa que non se saiba. Pero unha sociedade realmente democrática non pode permitir este silencio. Se non, a armazón política, financeira e empresarial que campou nas caixas durante os anos do saqueo, vencerá. Estamos a tempo de impedilo.