A confluencia en Galicia: Seguir fortalecendo un espazo común, xerar un 'momentum' de cambio

Nas últimas semanas tense escrito moito, moito, moito, sobre confluencias, sobre a fórmula en que os movementos transformadores deste país deben enfrontar as eleccións máis importantes dos últimos 38 anos. Apóñense razóns demoscópicas, aritméticas (a necesidade de sumar, de superar o PSOE, de vencer os límites da Lei D'Hont), morais e de coherencia (dada a evidente proximidade entre as propostas de Podemos, IU, Equo, Compromís; MÉS ou Anova), e razóns máis subxectivas, de ilusión, ligadas á importancia de xerar un momentum produto da converxencia de ideas diversas e complementarias nunha mesma candidatura (como sucedeu con AGE ou con Ahora Madrid). Eu quero incidir nestas últimas.

O que estamos vivindo, esta aceleración histórica, naceu dun movemento de abaixo a arriba que puxo en cuestión o que semellaba inamovible. Sen ter perdido a súa forza, si necesita un novo impulso, necesita xerar un momentum de cambio

Escoiteille algunha vez a Manolo Barreiro un proverbio africano que di que “a pota comeza sempre a ferver dende abaixo”. En tempos de spindoctoring e de enxeñarías sociais, isto é tan certo coma sempre, máis aínda se cadra, cunha sociedade máis consciente, informada e interconectada ca nunca. O que estamos vivindo, esta aceleración histórica que emerxeu no 15M, naceu dun movemento de abaixo a arriba que puxo en cuestión o que semellaba inamovible. Sen ter perdido a súa forza, si necesita un novo impulso, necesita xerar un momentum de cambio.

Podemos é o máis importante que pasou na política española nas últimas décadas. Soubo analizar unha realidade social e aplicar as ferramentas necesarias para mudar o taboleiro. Sabía como gañar. E iso é o que debe seguir poñendo en práctica. Podemos debe ser fiel á súa prédica, xogar para gañar, rachar cos corsés das estruturas partidarias. Efectivamente, non se pode presentar unha sopa de siglas ás eleccións xerais. Efectivamente, os comicios non se gañarán desde a esquerda retórica (si dende a programática) e cómpren novos imaxinarios que non escoren a proposta a un extremo do taboleiro. E, efectivamente, Podemos debe ser o actor principal. Xa o dixo Martiño Noriega:“Ninguén lle nega a Pablo Iglesias e a Podemos a centralidade do proceso de cambio”. Pero o cambio non pertence a ninguén, é de todos e todas. Javier Gallego deu no albo: “Partamos de aí. Podemos-Iglesias como ferramenta fundamental. Desequilibrou o contrario pero non o sobrepasou. Para desbordar, hai que sumar os que non están dentro de Podemos nin queren entrar. Hai formas de conseguilo. Se queres que todo o mundo pase polo aro, faino máis grande". 

A marca é o de menos. O que conta é que a pota ferva dende abaixo. E a confluencia sería un golpe de lume indiscutible

A confluencia ben podería darse no interior de Podemos se Podemos ofrecese unha actitude aberta que o propiciase, no canto de impor unhas inxustas, contraproducentes e -en moitos sentidos- absurdas listas-prancha. Sobre isto Antón Baamonde escribiu que “é natural que Pablo Iglesias queira construír un partido coherente. Pero estes non son os tempos. Aínda estamos na fase de emerxencia: non toca unha institucionalización prematura. Hai procesos de recomposición política no Estado Español que necesitan de tempo e diplomacia, non de OPAS arrogantes”. O que quero dicir con todo isto é que a marca é o de menos. O que conta é que a pota ferva dende abaixo. E a confluencia sería un golpe de lume indiscutible.

As razóns para a confluencia non poden ser só demoscópicas. Pero a demoscopia ou a aritmética importan

As razóns para a confluencia non poden ser só demoscópicas, afirmou Beiras recentemente con razón. Pero a demoscopia ou a aritmética importan. Unha candidatura unitaria probablemente gobernaría hoxe en Aragón ou a Comunidade Valenciana, por exemplo. Debateuse moito sobre se as candidaturas municipalistas sumaron ou restaron, sobre se constituíron por si mesmas un plus. Á evidencia dos éxitos de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Cádiz e Galicia, a dirección de Podemos opuxo os datos rexistrados en moitas outras cidades nas que as candidaturas municipalistas apoiadas por Podemos obtiveron un resultado inferior ao de Podemos nos comicios autonómicos en solitario. Porén, a realidade é que en moitos destes casos non houbera procesos reais de confluencia ou, peor, presentáranse dúas e mesmo tres candidaturas de unidade. Ademais, unha das conclusións que se poden tirar das eleccións municipais é que a confluencia foi máis exitosa alí onde os comicios se xogaron nun terreo máis ideolóxico (grandes cidades).

Na campaña electoral de AGE en 2012, ou nas das candidaturas de Marea Atlántica e Compostela Aberta e outras candidaturas municipalistas en 2015 produciuse un evidente efecto arrastre. Podías sentir como día a día aumentaban as opcións de triunfo, en parte polo convencemento de que a vitoria -por unha vez- era posible, en parte polo exemplo dado en unir, dende abaixo, dende a base, forzas e ideoloxías con mínimos comúns moi importantes.

A confluencias son importantes para obter un bo resultado electoral. Pero son moito máis importantes noutros aspectos, comezando polas ligazóns con movementos sociais, plataformas profesionais, coa sociedade. Podemos avanzou moito neste senso -o partido ten apenas un ano e uns meses de vida- pero aínda está lonxe de contar cunha presenza social en todos os niveis acorde co seu peso electoral. E aí tamén poden xogar un papel outras forzas de cambio e movementos sociais. Dixo Antón Baamonde: “Non sería desaconsellable repetir o esquema de Ahora Madrid, de Barcelona en Comú, das Mareas galegas. Podemos, que aínda está en fase de emerxencia, tería moito que gañar de novos aportes humanos”. Tamén son importantes as confluencias para construír interna e socialmente un posible goberno, para fortalecelo, para defendelo. Gañar as eleccións é difícil, pero o máis complicado ven despois, como xa están vendo case todos os gobernos liderados por candidaturas municipalistas.

Cómpre esa unión. Unha unión que en si mesma sexa un parlamento da cidadanía agredida, da cidadanía deixada á marxe nos últimos catro anos, nos últimos trinta anos. Non só os desafiuzados, as paradas, os pobres e excluídos (aínda que moi especialmente eles e elas), senón tamén as empresas de enerxía renovable, os impulsores do autoconsumo eléctrico, os usuarios da bicicleta, as investigadoras sen acceso a un contrato, as feministas, os autónomos, as mileuristas, os pequenos produtores agrícolas e tantos e tantos outros colectivos.

Espero que todo isto non sexa máis que unha longa partida de póquer, unha loita de egos masculinos que rematará cando todos admitan que as súas debilidades suman unha fortaleza moi grande

Non sei como se resolverá. E espero que todo isto non sexa máis que unha longa partida de póquer, unha loita de egos masculinos que rematará cando todos admitan que as súas debilidades suman unha fortaleza moi grande, a primeira oportunidade real de mudar España (e Galicia) dende a Transición. Sen unión, posiblemente Podemos obterá un número moi importante, aínda que insuficiente, de votos e deputados. Pode parecer que IU é quen máis ten que perder, pois de non haber acordo é probable que quede (no mellor dos casos) cun par de deputados. Tampouco é esperable un bo resultado de AGE ou as Mareas (ou a Marea Galega) concorrendo sen Podemos nunhas eleccións que van estar completamente polarizadas entre tres grandes opcións (agás en Catalunya e Euskadi). Pero se para algunhas forzas o risco é a irrelevancia ou o extraparlamentarismo, para Podemos a diferenza entre un pacto ou a súa ausencia pode ser acadar o goberno ou non facelo. E ese risco corrémolo todos e todas.


Galicia como exemplo

“As cousas decote comezan nas marxes, periferias e arrabaldes”, escribiu Antón Fernández de Rota. Na súa curta vida Podemos pasou o seu peor momento entre marzo e abril deste ano, coa primeira baixada nas enquisas (de moverse en cifras por riba do 25% pasou a facelo nun 15%) e a irrupción de Ciudadanos. Perdera o momentum, a posibilidade de presidir algunha comunidade e, aparentemente, a opción de gobernar tralas eleccións xerais. As eleccións municipais e autonómicas, a pesar de que significaron un incremento moi importante do poder do PSOE, foron lidas como un triunfo de Podemos, que recuperou algo de forza nas enquisas. A razón: as candidaturas unitarias (sobre todo de Madrid e Barcelona). “Sen outra irrupción marxinal, desde abaixo, desde os movementos a nivel municipal, a aposta de Podemos xa faría augas. Certo que o municipalismo e o presidencialismo engarzáronse de maneira virtuosa. O espazo aberto por Podemos contribuíu significativamente á chegada do partidos-movemento ás alcaldías de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Coruña, Cádiz e outras localidades menores. As vitorias destes renovaron a posibilidade de estar nas xerais de novembro con posibilidades”, escribiu Fernández de Rota.

Foron, sobre todo A Coruña e Compostela, exemplos modélicos de confluencia, de impulso cidadán, de xeración de redes, de construción dun novo espazo político, diverso, amable

A xestión que agora fagan as Mareas (e Ahora Madrid, e Barcelona en Comú...) nestes primeiros meses de lexislatura será fundamental. Fundamental para o propio éxito do seu proxecto de cambio, e tamén como efecto arrastre para as eleccións xerais (e as galegas de 2016). As Mareas marcan o camiño, como tamén o fan Ahora Madrid e Barcelona en Común, pero se cadras as mareas galegas teñen algúns elementos propios que as fan aínda máis interesantes. Foron, sobre todo A Coruña e Compostela, exemplos modélicos de confluencia, de impulso cidadán, de xeración de redes, de construción dun novo espazo político, diverso, amable. Un exemplo de coordinación de forzas e pensamentos distintos. E un exemplo tamén de abandono das marcas. As confluencias nacen moitas veces da asunción dunha debilidade, e como reflexo dunha sociedade máis fragmentada, pero dunha sociedade -sobre todo- viva. Pero desa debilidade xorde un vizoso resultado. A propia debilidade das forzas políticas que tamén confluíron nas mareas galegas (Podemos-Galicia, EU, Anova, Espazo Ecosocialista, Equo...) facilitou o abandono dos corsés partidarios. Diluíronse para gañar.

As mareas son a continuación dun proceso de conformación dun espazo político de ruptura que en só catro anos (dende o 15M) pasou de ser inapreciable a superar o 30% de voto en Compostela e A Coruña

Ademais, as mareas son a continuación dun proceso de conformación dun espazo político de ruptura que en só catro anos (dende o 15M) pasou de ser inapreciable a superar o 30% de voto en Compostela e A Coruña. As mobilizacións de 2011 consolidaron un espazo político que antes estaba disperso e sen un referente. Como escribe Xoán Hermida na súa tese de doutoramento (Movementos Sociais e Altermundismo en Galicia. De Nunca Máis a AGE. 2002-2012), “a irrupción do movemento da indignación (15M) convértese no punto de arranque (simbólico) dun novo tempo político. O xurdimento de AGE, neste contexto, é a primeira concreción de novos interfaces políticos construídos en boa medida pola incidencia dos novos movementos sociais e abre un período de (re)construción dunha nova esquerda cívica, democrática e nacional”. As mareas son unha nova oportunidade, unha nova fase deste proceso, se cadra cunha maior probabilidade de consolidación.

Este espazo amosa, polas súas características, moitas debilidades organizativas, falta de concreción e coordinación nas fórmulas que adquire para concorrer aos comicios e exercer posteriormente a representación acadada

Naceu, pois, un novo espazo político AGE-Podemos-Mareas diverso, extenso, flexible, con fronteiras difusas; que amosa, polas súas características, moitas debilidades organizativas, falta de concreción e coordinación nas fórmulas que adquire para concorrer aos comicios e exercer posteriormente a representación acadada, e tamén na conformación de redes e estruturas (por laxas e líquidas que sexan) para a incidencia na sociedade.

Porén, a pesar da debilidade social dos partidos que forman a fronte de AGE e dos seus problemas a nivel comunicativo e estratéxico, o espazo político do que forman parte foise fortalecendo elección tras elección. Nas autonómicas de 2012 AGE obtivo o 13'9% dos votos, mentres que nas europeas de 2014 a suma de AGE, Podemos e Equo ascendeu ao 19,54%. O éxito deste espazo foi maior nas cidades, moi especialmente nas tres urbes da provincia da Coruña, onde xa en 2012 AGE fora a segunda forza en Compostela (21'8%) e A Coruña (20,62%) e quedara en Ferrol (20,18%) a un só voto do PSOE. En 2014 a suma de AGE-Podemos-Equo superou o 25% nas tres localidades. E nas municipais de 2015 as Mareas obtiveron o 34'58% en Compostela, o 30'89% na Coruña e o 26'93% en Ferrol (suma de Ferrol en Común e Marea Ártabra), unha porcentaxe inferior da que podemos responsabilizar á división deste espazo.

A pesar da debilidade social dos partidos que forman a fronte de AGE e dos seus problemas a nivel comunicativo e estratéxico, o espazo político do que forman parte foise fortalecendo elección tras elección

A súa fortaleza procede desa calor social, desa pota que seguiu fervendo dende abaixo. O electorado crecente demostrou ser moito máis constante e consecuente que as forzas políticas ou coalicións que asumían a súa representación, dando forma por si mesmo ás conseguintes marcas, e demostrando ao mesmo tempo que as marcas importan cada vez menos. Antón Dobao escribiuno hai unhas semanas: “AGE quedou xa superada por desbordamento, e esa é, precisamente, a proba do seu éxito (...) Un novo espazo de ruptura está conformándose como expresión dunha necesidade colectiva, de resposta e creativa, ou sexa, en absoluto resistencialista. Ten dificultades para se articular, por suposto, pero parece determinado a seguir desenvolvéndose”. “O último paso desa recomposición política son as Mareas -engade- Non será o derradeiro”. Dobao conclúe que “tras as eleccións municipais se consolida a configuración dun suxeito social que teima en mudar o estado das cousas. E ese suxeito opta por non comprar marcas (...) Xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario”.

Neste senso, sería bo que os deputados galegos da candidatura constituísen un grupo galego. Pero tan importante é que exista legalmente ou nominalmente un grupo galego como que o movemento político que opere en Galicia o faga con autonomía, con autonomía de estruturas externas de decisión e tamén de estruturas internas. Que o poder de decisión recaia na asemblea e ante ela respondan os e as representantes.

O carácter non nacionalista deste espazo constitúe unha das súas fortalezas, encaixando nun electorado, nunha cidadanía, nunha nación que non é nacionalista

O espazo AGE-PODEMOS-MAREAS non é nacionalista, aínda que si desenvolve políticas nacionais. O carácter non nacionalista deste espazo constitúe unha das súas fortalezas, encaixando nun electorado, nunha cidadanía, nunha nación que non é nacionalista. Neste espazo político hai forzas nacionalistas, pero que souberon ver que a mellor forma de defender e afianzar o nacionalismo era entendendo o país no que queren operar. O galeguismo, o nacionalismo galego, non pode ser anti-español nin construírse contra España (cando menos neste momento), porque a inmensa maioría dos galegos e galegas son galeguistas, nun sentido laxo, pero non teñen un sentimento de rexeitamento contra España. Non se trata unicamente da opción predilecta para a organización territorial, senón do sentimento que se establece cara aos demais pobos do Estado e a propia estrutura política e cultural española. Séntense galegos e, ao mesmo tempo, españois. Sen ver nisto un conflito e, sobre todo, sen situar esta dicotomía nin esta elección como prioritaria na súa ideoloxía.

Cómpre apelar á responsabilidade e á intelixencia para non malograr esta oportunidade. Para non ser un obstáculo para esa sociedade viva que traballa por un cambio. Por esa pota galega que segue a ferver dende abaixo

O nacionalismo non ocupa o centro do taboleiro. E as forzas nacionalistas que non entenden isto adoitan caer nun infantilismo que as illa e que lles impide aproveitar o excelente traballo que realizan nas administracións, nos parlamentos, e nos movementos sociais. Como unha bicicleta sen cadea. Dito doutro xeito: os éxitos do BNG, por exemplo os excelentes resultados acadados en moitos concellos, non se deben ao seu nacionalismo, senón que chegan a pesar del. Na enquisa postelectoral realizada polo CIS en 2012, só o 1'9% dos entrevistados declaraba sentirse só galego, e outro 16'6% máis galego que español. Tampouco había un sentimento españolista: apenas o 5,6% afirmaba sentirse só español ou máis español que galego. A inmensa maioría (o 74'8%) dicía ser tan galego como español. Outro indicador que reforza esta impresión é a pregunta que tamén introduce o CIS sobre o sentimento nacionalista, valorado nunha escala de 10. O máximo sentimento nacionalista (9-10) descendeu dende o 8% de 1997 ata o 3'4% de 2012. E o seguinte nivel (7-8) caeu dende o 24,9% ata o 11,5%.

Este espazo político está agora ante o seu maior reto, unhas eleccións que poden significar un cambio histórico en España e abrir, ao mesmo tempo, o camiño do cambio en Galicia. Cómpre apelar á responsabilidade e á intelixencia para non malograr esta oportunidade. Para non ser un obstáculo para esa sociedade viva que traballa por un cambio. Por esa pota galega que segue a ferver dende abaixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.