A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno (e polas autonomías afíns) para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto notable na calidade asistencial e nas condicións laborais dos sanitarios. O obxectivo real non é reducir o gasto público senon conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados. Non tratan de procurar a eficiencia nin de garantir a continuidade do sistema, como afirman de forma enganosa; o que pretenden é crear espazos de negocio que permitan xerar ganancias a expensas do diñeiro público.
O obxectivo real non é reducir o gasto público senon conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados.
Xa decía Naomi Klein (La doctrina del shock) que cómpre debuxar escenarios de catástrofe –reais ou imaxinarios- que provoquen o pánico colectivo e que permitan adoptar medidas prexudiciais para amplias maiorías sen que estas ofrezan resistencia, paralizadas polo temor e a desunión. O medo a un futuro peor e a imposición da política de recortes como única posible produce un efecto anestésico que aborta a reacción popular. O pensamento ultraliberal elaborado en diversas factorías (FMI, Faes, Fundación Idis, Fundación Bamberg etc) e divulgado polos medios de comunicación afíns –a inmensa maioría-, é asumido pola poboación de xeito resignado, como unha verdade absoluta.
Baséanse en dúas falacias: que o actual sistema sanitario é insustentable e que a xestión sanitaria privada é mellor que a pública
No terreo sanitario presentan un argumentario tan simple como falso. Baséanse en dúas falacias: que o actual sistema sanitario é insustentable (non é certo: a porcentaxe de PIB adicada á sanidade é das máis baixas do mundo) e que a xestión sanitaria privada é mellor que a pública (hai estudos que certifican o contrario: Sally Ruane, Vicenç Navarro, Sánchez Bayle etc). Afirman que a crise obriga a realizar recortes; por eso cómpre eliminar servizos públicos, reducir o estado de benestar, precarizar o emprego e limitar ao mínimo os dereitos laborais. Estas medidas, aplicadas con dilixencia (e mesmo con crueldade) polo actual goberno non conducen á saída da crise senon ao seu agravamento. Mentres tanto, as quenllas da economía especulativa seguen a engordar os seus patrimonios persoais.
O que precisa a sanidade en momentos de crise non é reducir presupostos, persoal, servizos e calidade asistencial. Pola contra, deberían reforzar o sistema público -priorizando a Atención Primaria- para garantir unha correcta atención aos sectores sociais máis castigados pola precariedade económica. Pero non é así: hai unha estratexia global que pretende degradar o actual sistema sanitario (recoñecido como un dos mellores do mundo) para crear espazos de negocio: a privatización do aseguramento, a construcción e xestión dos hospitais, a tecnoloxía sanitaria, os servizos informáticos etc.
O Real Decreto Ley 16/2012, aprobado polo goberno de Rajoy por vía de urxencia, furtando o debate parlamentario, supón un auténtico atentado contra do actual sistema sanitario, unha bomba en plena liña de flotación. De xeito hipócrita sinalan que son medidas urxentes para “garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud (SNS)”. Trátase de todo o contrario. Ademais de obrigar ao copagamento nas medicinas e noutras prestacións (próteses, transporte sanitario etc), esta lei introduce cambios que representan unha auténtica contrarreforma sanitaria. Vexamos algúns contidos desta norma.
-A saúde como un dereito dos cidadáns quedou estabelecido na Lei Xeral de Sanidade en 1986. Iniciouse un longo camiño para dar cobertura sanitaria a diversos colectivos daquela desprotexidos, coa pretensión de universalizar a atención sanitaria a todos os habitantes do Estado español. Agora esta lei recupera a figura do “asegurado” que será quen teña dereito aos servizos sanitarios. Deste xeito as persoas que non coticen á Seguridade Social quedarán sen protección. Esto é unha volta ao pasado e significa a perda dun dereito que considerabamos sólido e definitivo. Agora deixan sen cobertura aos inmigrantes sen papeis, o que representa un atentado contra dos dereitos humanos e un serio problema para a saúde pública. Outros colectivos poderán quedar tamén sen dereito á atención sanitaria: os mozos maiores de 26 anos que xa non poden figurar como beneficiarios na tarxeta dos pais, os divorciados/-as que non teñan cotizado etc.
Só lles queda por aprobar a desgravación fiscal dos seguros privados para redondear o negocio
-Esta lei tamén estabelece tres niveis na carteira de servizos do SNS: básico, suplementario e accesorio. Ata o momento a relación dos servizos asistenciais ofrecidos polo sistema público era única e xeralizada para todo o Estado, sen chanzos diferenciados. Esta nova catalogación vai no camiño de que o sistema público quede, no seu momento, como provisor dos servizos básicos, deixando os outros niveis como optativos para aqueles cidadáns que contraten unha póliza privada para cubrir ditas prestacións. Só lles queda por aprobar a desgravación fiscal dos seguros privados (que reclaman con insistencia as aseguradoras) para redondear o negocio, e para volver á sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres).
Esta é a sociedade que está a construir este goberno capitaneado por Rajoy. Non é a crise a responsable deste porvir ameazante, son as decisións políticas do grupo gobernante as que nos condenan a este futuro. A ideoloxía ultraliberal e supremacista que inspira estas normas está a provocar o regreso a un pasado que criamos vencido e sen retorno. Haberá que facer todo o posible para desvialos deste camiño.