A coreografía dos envoltorios

©

Hai bolsas de plástico que quedan presas nos remuíños de vento. Gústame velas dende o balcón, agora que o barrio está en obras e pasea menos xente á que analizar. Prodúcenme envexa. Porque a pesar de quedar envoltas en dúas correntes contrarias, crispadas por un feitizo e atrapadas pola superioridade da Natureza, son quen de bailar felices. 

Hai bolsas de plástico que quedan presas nos remuíños de vento. Gústame velas dende o balcón, agora que o barrio está en obras e pasea menos xente á que analizar

Só descubrín a unha persoa que, igual ca min, repara na coreografía dos envoltorios. Dixeron del que estaba tolo. Tolo perdido. Será porque todos os días fai o mesmo: pasa por diante da capela, persígnase, toca dúas veces a fonte, cruza a breve estrada e, cando está diante da fachada da miña casa, pon cara arriba as argolas nas que antigamente ataban os cabalos. Todos os días, á mesma hora. O que o home non sabe é que nesta casa vive un supersticioso con patoloxías previas; un temeroso da mala sorte que acostuma a trazar unha recta secante sobre a alfombra para aliñar as pantuflas e evitar así un accidente, unha enfermidade denigrante ou a morte dun familiar. Por iso peguei as argolas á pedra cun punto de Loctite. Telas cara arriba é unha temeridade e é máis cómodo para min que morra a súa familia. 

Pero coincidimos os dous en quedar marabillados vendo como as bolsas de plástico se anticipan aos valses do concerto de Aninovo. Os dous tolos do barrio que, por unha vez, deixan de competir polas súas supersticións e céntranse, tan só, no seu esgotamento mental ordinario. O sufrimento asiduo que erosiona as emocións bonitas e que nos está a suicidar, incluso cando non o notamos. 

A fatiga mental é un parasito ao que combater vendo bolsas bailar o que dura un remuíño. Haberá que seguir hiperventilando co teléfono sobre a mesa mentres escoitas o ton que indica que, a estas horas, aínda comunica o ambulatorio. 

Todo está programado para vernos caer de xeonllos. A sobrecarga de catástrofes. A vixilancia constante do pesimismo. Dos corazóns infectados que nos perseguen. A doce fogueira da ignorancia. A negación. A penúltima restrición. O lastre do hedonismo. Un vídeo viral de Epicuro. As unllas de xel. A vacuidade das relacións. Os falsos climas. A intensidade baleira dos quérote moito

É evidente que o inferno é este ceo. E que resistir a todo o que nos fai tristes é gañarlle a contenda á loucura. Desmantelaron todo. Aproveitan os ataques contaxiosos de tristura para deixar as cousas tal e como querían: invivibles, insostibles, impagables. Con envoltorios nos que engastan bixutería, pretenden deixarnos a vida que a eles lles sobra. Unha vida de desperdicios, sabendo, ademais, que é a única que nos queda. 

Pero a fatiga mental é un parasito ao que combater vendo bolsas bailar o que dura un remuíño. O suspiro dun diaño emocional de Dickinson. O paso dun funeral polo cerebro. Haberá que seguir hiperventilando co teléfono sobre a mesa mentres escoitas o ton que indica que, a estas horas, aínda comunica o ambulatorio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.