A Coroa divide

O pasado xuño cumpriu cinco anos de mandato o actual Xefe de Estado e, diante da falla de enquisas “ad hoc” do CIS (é igual quen goberne, xa saben a substancial semellanza entre os españois de dereitas e os españois de esquerdas) a empresa IMOP Insights realizou para a revista Vanitatis unha enquisa na que se lle preguntou á xente pola escolla entre Monarquía e República.

Os resultados danlle unha lixeira avantaxe a nivel estatal aos monárquicos (50,8% ) fronte aos republicanos (46,1%). No noso país os resultados invírtense: 51,6% de galegos pola República fronte ao 45,6% monárquicos. Os resultados amosan unha grandísima fenda territorial: 70,6% vs 24,7% para os vascos e 74% vs 21,6% para os cataláns, sempre a prol da República. No País Valencià empatan a 50%, mentres que na Andalucía, en Madrid e no resto de CC.AA. as porcentaxes de seareiros da Monarquía soben a cadanseus 75,1%, 62% e 56%..

A fenda tamén é xeracional: nos menores de 45 anos gaña amplamente a República e nos maiores desa idade a Monarquía. E ideolóxica: absoluta hexemonía de republicanos nos simpatizantes de Podemos, IU e forzas soberanistas fronte a unha absoluta hexemonía de monárquicos nos seareiros do PP, Vox e Cs, Nos seareiros socialistas hai maioría republicana (51,6% vs 44,5%). 

Sen ánimo de facermos destes dados (semellantes, porén, a algunha enquisa do 2018) dogma de fe é evidente que a Coroa non é unha Institución percibida como neutral polas maiorías sociais. E, despois de cinco anos de mandato de Felipe de Borbón, semella que o principal factor de filias e fobias monárquicas (sen desprezar problemas de lexitimidade de orixe evidentes como a orixe franquista da reinstauración de 1975 ou a falla dunha decisión popular independente a respecto exclusivamente da Institución no referéndum constitucional de 1978) é o propio discurso, explícito e implícito, emanado dos actos de El Rei.

E neste eido é onde se explican os dados da enquisa e a terríbel fenda territorial, ideolóxica e xeracional entre seareiros e detractores da Monarquía. Porque o discurso do 3-O situou ao Xefe do Estado fóra da súa función arbitral e fronte a cando menos a metade da cidadanía catalá. E porque a súa mensaxe, tamén implícita, neste quinquenio debuxárono como garante dos privilexios dos que compoñen o Deep State no canto dun árbitro facilitador de solucións máis democráticas aos problemas de exclusión social, desigualdade económica e parálise política. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.