A cuestión da soberanía nacional

1.- As persoas temos tendencia a aceptar os argumentos que apoian o que cremos, aínda que sexan argumentos pouco consistentes, e a rexeitar ós que contradín a nosa opinión, aínda que sexan moi aquelados. Vou esbozar uns criterios teóricos sobre a cuestión sen que iso prexulgue calquera posición respecto á autodeterminación, ó dereito a decidir ou á independencia.

2.- As leis non poden xustificarse de forma autorreferencial. Isto quere dicir que o feito de que a Constitución Española diga que a soberanía nacional recae sobre o pobo español non constitúe lexitimación algunha para ese estado de cousas, senón que ten que acadar unha xustificación externa á propia lei. Isto sería tamén aplicable a calquera estatuto de autonomía hipotético que expresase que a soberanía nacional lle pertence ó pobo catalán, vasco ou galego, polo que tamén precisarían dunha lexitimación externa á lei que así o establecese.

As constitucións dos estados só reflicten á realidade de forma retroactiva, de tal xeito que lle dan lexitimidade ó que hai, sexa isto o que sexa

3.- As constitucións dos estados só reflicten á realidade de forma retroactiva, de tal xeito que lle dan lexitimidade ó que hai, sexa isto o que sexa. Se a historia tivese sido distinta e Portugal pertencese a España, ou as Baleares á Italia, a nosa Constitución diría exactamente o mesmo: que a soberanía nacional recae sobre o pobo español, aínda que o conxunto ó que apuntase a expresión "pobo español" sería sensiblemente diferente en cada caso.

4.- Neste sentido en que as constitucións son só o reflexo de como están as cousas nun momento dado, é evidente que as autonomías históricas non teñen o dereito de autodeterminación porque se redactou antes a Constitución Española para unha situación xerada ó longo da historia polas conquistas militares. Se esa forza tivese inclinado a balanza cara ó outro lado, o que se terían redactado primeiro serían as constitucións das nacionalidades históricas, que recollerían a súa soberanía nacional. Vemos que do que estamos a falar é sempre de feitos consumados traducidos a leis e non de lexitimidades en si mesmas.

Unha forma externa de xustificar as leis consistiría en apelar á lei natural, como se houbese algo así como un estado de cousas natural que as leis redactadas polos parlamentos deberían reflectir imperativamente

5.- Unha forma externa de xustificar as leis consistiría en apelar á lei natural, como se houbese algo así como un estado de cousas natural que as leis redactadas polos parlamentos deberían reflectir imperativamente. A lei natural non é algo que alguén defenda seriamente (salvo a Conferencia Episcopal, que vive na Idade Media) porque só existe o dereito positivo, o que establecen os parlamentos. Temos o mesmo fundamento para apelar a unha inexistente lei natural como o que habería para a lei divina de calquera relixión, ou sexa ningún. Isto inclúe tanto o suposto carácter natural da nación española como o das nacións catala, vasca ou galega. Perder o tempo con este tipo de debates non leva a ningures porque non son máis que entelequias metafísicas, resultando moito máis útil argumentar a bondade dunha determinada lei desde a racionalidade das consecuencias que ten.

6.- A cuestión non é se un territorio é ou non unha nación e se iso leva aparellado ou non o dereito á autodeterminación, senón cal é a vontade das persoas que viven nel respecto a selo e a autodeterminarse. Para dicilo máis claramente, non ten sentido perderse en cuestións históricas, antropolóxicas ou filosóficas sobre o ser das nacións e o seus dereitos senón que hai que apelar ó único fundamento para a lexitimidade das decisións políticas que non é outro que a vontade política das persoas. Da igual que Galicia sexa unha nación se as persoas que viven nela deciden libremente pertencer a outro estado; daría igual que Galicia non fose unha nación se a decisión libre da súa cidadanía quixese a independencia.

7.- Como cada quen pode ter unha posición diferente sobre o tema, só cabe tomar a decisión política aplicando o criterio da maioría e complementándoo co do respecto ás minorías (sen esquecer que o poder manipula a opinión pública grazas ó seu formidable aparato de propaganda asentado nos seus medios de comunicación). O cumprimento da vontade da maioría non é algo tan sinxelo en tódolos casos como podería parecer. A modificación da Constitución para cuestións relevantes ten que facerse cunha maioría de dous terzos. Isto debería ser nulo a tódolos efectos porque un terzo máis un non pode mandar sobre dous terzos menos un. Os procedementos de modificación poden ser todo o esixentes que se queira, pero, ó final, se o 50% máis un da poboación quere un cambio, este non pode ser impedido por esixencias de maiorías cualificadas, que se impuxeron no pasado sobre temas que quedaron lexislados tal como lles pareceu nesa época. Agora mesmo a vontade dos mortos prevalece sobre a da cidadanía viva sempre que teña do seu lado un terzo de escanos de bloqueo, o cal é un auténtico disparate. Non se podería cambiar a estrutura territorial de España cara a un auténtico estado federal aínda que o aprobasen 233 escanos do parlamento sempre que se opuxesen 117. Onde está a democracia como goberno da maioría?

Non se podería cambiar a estrutura territorial de España cara a un auténtico estado federal aínda que o aprobasen 233 escanos do parlamento sempre que se opuxesen 117. Onde está a democracia como goberno da maioría?

8.- Que ocorre se un grupo minoritario (que pode ser o 49,99% da poboación ou unha única persoa soa) considera que non está a ser respectado pola maioría e que esa é unha situación inaceptable para el? O que hai que deixar claro e que non existe ningunha obriga a someterse á vontade da maioría. É evidente que o politicamente correcto nas nosas democracias occidentais consiste en dicir que hai que respectar as decisións maioritarias, pero isto non é unha verdade metafísica senón só algo útil como procedemento xeral de toma de decisións. Así non existe unha obriga moral de acatar a vontade da maioría baixo o argumento de que se está a promover o ben común porque, as veces, as maiorías non promoven o ben común senón só o seu propio. O goberno da maioría é o mellor que se encontrou, pero se a maioría non respecta suficientemente ás minorías, estas teñen lexitimidade para rebelarse contra esa situación e empregar os medios que consideren oportunos, como a desobediencia civil. Temos que lembrar que, aínda que Hitler chegou ó goberno de Alemaña de forma democrática, ninguén poría en dúbida a lexitimidade que podería ter exercido a xente para rebelarse, incluso polas armas, contra esa legalidade perversa.

9.- Recapitulando: a) as leis non se poden lexitimar a elas mesmas senón que hai que xustificalas externamente; b) as constitucións só reflicten os feitos consumados da historia que se fixo e segue a facerse pola forza; c) non existen leis naturais ás que recorrer para lexitimar soberanías, cabendo só argumentar desde a racionalidade se algo convén ou non polas súas consecuencias; d) en último termo, á única lexitimidade para as decisións políticas é a vontade da xente sen que importen a historia ou a antropoloxía, que só poden servir como argumentos para mobilizar esa vontade; e) o mellor goberno que atopamos ata o de agora é o da maioría, pero as minorías deben ser respectadas ou terán toda a lexitimidade para rebelarse contra a legalidade da maioría, porque a única soberanía real é a que ten cada persoa sobre si mesma, sendo as soberanías nacionais simples entelequias metafísicas construídas para xustificar o status quo vixente ou intentar cambialo.

10.- Como se pode ver, esta análise non presupón ningunha posición sobre a autodeterminación nin favorece nin prexudica as ideas independentistas ou centralistas, senón que só pon o debate sobre o dereito a decidir baixo criterios teóricos aceptables para o século XXI. Cabe subliñar para rematar que, os dereitos, non os concede nunca graciosamente o poder senón que sempre son conquistados desde a loita social.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.