Cada vez son mais as voces autorizadas que, como vimos repetindo asiduamente neste diario, apuntan ao emprego como un dos problemas macroeconómicos mais graves e urxentes de Galicia, e de España. Unha evidencia que, nembargante, non parece asumir a actual Xunta de Galicia que neste eido, como en moitos outros, parece estar ausente (“il doce far niente”). Seguramente por que como mantén a ideoloxía neoliberal que haxa un elevado desemprego en Galicia “é culpa das clases traballadoras”.
Unha das ultimas en poñer o grave problema do emprego en Galicia no foco foi unha voz moi autorizada, a de Alberte Meixide -catedrático profesor de Fundamentos do Análise Económico na USC e o tempo director e coordinador do grupo de profesionais que edita os prestixiosos informes anuais sobre a Economía galega elaborados por A Fundación e o IDEGA-. Na presentación do último informe (2017) A. Meixide subliñaba que “a ocupación debería medrar un 13% en Galicia para volver aos niveis precrise”. Unha afirmación contundente e indiscutible como evidencian os datos estatísticos e a propia realidade laboral.
Tomando como referencia a EPA –a fonte estatística do emprego mais fiable- nos momentos previos a crise (4ºT 2007) a ocupación en Galicia roldaba os 1.200.000 empregos. e o número de desempregados estaba por baixo dos 100.000. Unhas cifras que nembargante non podían ocultar unha realidade: o nivel de ocupación (54,2%) seguía sendo moi baixo incluso no punto álxido da fase expansiva última. Os datos anuais últimos (4ºT 2017) sinalaban que hai 40.000 empregos menos e 85.500 desempregados mais, cun nivel de ocupación aínda mais baixo (53%). Unha situación que sería peor, dende o punto de vista do desemprego, se a actividade non tivera caído (50.000 activos menos). Unha caída da poboación en idade activa que, sen discusión, está intimamente unida a realidade laboral xa que tanto o auxe da emigración como e caída da natalidade –que fan caer a actividade- están relacionadas coa situación do mercado laboral.
Un mercado laboral no que escasea tanto o emprego público como o privado. Como xa temos sinalado noutros artigos neste mesmo medio o emprego público en Galicia é un dos mais baixos de sempre entre as comunidades da Unión Europea. Unha evidencia histórica que se fixo mais relevante coa aplicación de duras políticas de axuste fiscal, por parte da actual Xunta de Galicia (PP), que supuxeron fortes recortes no emprego público. Políticas que supoñen que o goberno galego non so renuncia ao seu imprescindible papel de creador de emprego público senón que se converteu nunha máquina de destrución do mesmo. Contra o que sinalan algunhas voces interesadas e medios altofalantes Galicia ten un moi baixo nivel de emprego público (12% dos activos) para o seu nivel de riqueza e desenrolo. Un moi baixo nivel de emprego público debido maiormente ao grande déficit existente nas funcións públicas de benestar (sanidade: 2,8%, docencia: 3,3%, servizos sociais: 2,1%). Un déficit que se incrementou coas citadas políticas de axuste fiscal que provocaron unha perda de mais de 15.000 empregos públicos –cifra que aparece maquillada pola precariedade laboral- a maioría dos cales tiveron lugar nas citadas funcións públicas de benestar. Un déficit que ten, xa que logo, causas políticas.
Se o sector público galego, polas razóns apuntadas, crea moi pouco emprego o mesmo se pode dicir do sector privado. Varias son as razóns desta debilidade sistémica e compre sinalalas unha vez mais. A primeira causa de desemprego en Galicia, como en España, ten moito que ver co marcado perfil neoliberal do marco de relacións laborais. Esa causa é a facilidade con que se despide en Galicia (durante a grande recesión preto de 120.000 traballadores galegos foron despedidos do seu posto de traballo mediante expedientes de regulación de emprego). Como acertadamente ven denunciando o movemento sindical galego (CCO, CIG, UGT) dende fai moito tempo as reformas laborais neoliberais non crean emprego senón que o destrúen e o precarizan. As reformas neoliberais ao facilitar o despido provocan que os empresarios diante de calquera dificultade opten polo despido de traballadores antes de buscar outras solucións como, por caso, investir en I+D+i, introducir melloras na organización do traballo, reducir a xornada, rebaixar as ganancias … etc. Si asemade se fomenta a temporalidade ou a contratación a tempo parcial moitos empresarios preferiran substituír traballos fixos por temporais pois polo custo de un traballador fixo poderán ter varios traballadores precarios.
O modelo produtivo imperante é tamén causa do baixo emprego e o elevado desemprego como proba o feito de que o crecemento económico en Galicia non se transforma na equivalente en emprego. O intenso debilitamento do sector industrial a prol de sectores como os servizos (hostalería e turismo..) e a construción privados provocan unha forte redución da demanda de emprego ao tempo que un incremento da precarización. Non menos relevancia ten o modelo xeral de crecemento económico dominante dende a crise financeira que prima as actividades especulativas sobre as produtivas.
Nembargante o sinalado e como ben repiten de cotío as elites políticas e económicas, que teñen o seu coro de expertos e altofalantes, a responsabilidade última de que non haxa emprego é sempre das clases traballadoras. Si señores, segundo estes sabios a culpa en primeira instancia do elevado desemprego tanto en Galicia como en España –ámbalas dúas lideres do desemprego e colistas na recuperación do emprego na Unión Europea- é das clases traballadoras por non aceptar os empregos e os salarios que lles ofrecen uns dirixentes políticos e uns empresarios bos e xenerosos.
Publicidade