Naqueles anos da abundancia, baixo o goberno de Fraga Iribarne comezaron a erguer os enormes edificios do monte Gaiás. O arquitecto máis famoso, as lousas máis caras –esnaquizando unha zona protexida-, o proxecto máis grandioso, as dimensións máis extravagantes: todo parecía xustificado para construír a Cidade da Cultura. Esta obra inacabada figura hoxe como un dos principais exemplos da incompetencia e o desgoberno. Millóns de euros –subtraídos do erario público- foron enterrados nesta obra innecesaria, excesiva e absurda, concibida para maior honra e gloria do seu promotor. Cando chegou o tempo das vacas fracas ninguén parou a tempo este despropósito pero recortaron sen pudor os orzamentos da sanidade, da educación e da cultura.
Cando chegou o tempo das vacas fracas ninguén parou a tempo este despropósito pero recortaron sen pudor os orzamentos da sanidade, da educación e da cultura
Mentres a cultura galega pasa grandes dificultades (a industria editorial, o teatro, o cinema), e o noso idioma esmorece abandonado pola Administración (cando non desprezado e atacado desde o propio poder), naquel monte preto de Santiago érguese, como un monumento ao desatino, a inacabada Cidade da Cultura. Nos tempos da dilapidación os políticos gobernantes deixáronse levar pola megalomanía, sen prever a grave carga que deixaban aos seus herdeiros.
O Gaiás é o paradigma dunha forma de entender a cultura. A cultura como espectáculo, como celebración ocasional, como divertimento das elites
O gran proxecto de Fraga, iniciado en 2001 e promovido polo seu valido Pérez Varela, que ía “poner a Galicia en el mapa de Europa y la modernidad”, levounos en realidade ao baleiro e á ruína. Porque agora a Xunta, que xa mandou parar as obras (cando quedan aínda dous edificios por construír), non sabe que facer con este inútil mausoleo. Gastou neste proxecto faraónico máis de 400 millóns, o triplo do previsto, e só abrir as portas desta enorme desmesura custa cada día 27.000 euros. Cantas bibliotecas públicas se poderían dotar, cantos libros editar, cantas películas promover con todo ese diñeiro derramado!
O Gaiás é o paradigma dunha forma de entender a cultura. As autoridades constrúen un desmesurado recinto onde se expoñerán os grandes eventos chegados de fora. A cultura como espectáculo, como celebración ocasional, como divertimento das elites. Pero hai outra forma de entender a cultura: como creación popular, como elemento da vida cotiá que nos perfecciona como persoas, como construción colectiva que nos axuda a ser pobo, como industria diversa e plural que favorece a creación de riqueza. Para isto non hai cartos. Para levantar e manter o enorme despropósito do Gaiás, si. Algúns representantes do mundo audiovisual xa o advertiron: “No sector cultural estase a facer un ERE multitudinario do que ninguén se preocupa”.
Mentres pechan bibliotecas e xornais, os edificios do Gaiás permanecen como os restos dunha civilización, como aquelas ruínas que se vían no final da película O planeta dos simios
Mentres pechan bibliotecas e xornais, mentres as empresas editoriais teñen serias dificultades para continuar o seu labor, mentres os cineastas, os músicos e todos aqueles que se dedican a calquera actividade cultural ou artística vense abandonados pola Administración (que non facilita o trabalo nin aporta recursos que apoien a creatividade do propio país) os edificios do Gaiás permanecen como os restos dunha civilización, como aquelas ruínas que se vían no final da película O planeta dos simios.