A dependencia do pasado: nacionalismo e imperialismo a pequena escala

Viñeta de Castelao Dominio Público

Recentemente entrei en contacto cunha interesante formulación teórica que se adoita asociar ó mundo dos estudos económicos, sendo denominada como lei da dependencia do camiño (path dependence segundo a súa asignación orixinal en inglés). Trátase dunha teoría que ten en conta o proceso evolutivo (polo tanto histórico) na creación das actuais redes económicas dentro dos diferentes Estados, así como entre os propios estados. No primeiro momento no que a estudei chamoume poderosamente a atención a súa similitude cas teses imperialistas, a fase actual do capitalismo segundo as teses marxistas que desenvolvería Lenin. Resumindo, sería algo así como que o axente A que comece a evolucionar economicamente antes que o axente B terá maiores posibilidades de crear redes co primeiro que o beneficien (polo tanto de explotación e dominación económica), provocando así un progresivo aumento da distancia entre ambos. Isto é clave para entender as redes nas que se precisan certos materiais (extraídos en bruto) que ó seu mesmo tempo deberán ser transformados para convertelos en manufacturas de certa calidade e complexidade. Este esquema adoita amosarse con claridade nas redes coloniais de gran escala do século XIX, mais non nos esquezamos que antes de dar o gran salto cara outros continentes, as burguesías europeas deberon tecer estas redes de xeito estatal, a menor escala. Isto é o que fai que vinculemos esta teoría ó fenómeno do nacionalismo, xa que este defende unha uniformidade interclasista que nunca existiu, xa que á burguesía nacional interesoulle crear estas redes de desigualdade no propio territorio, que logo do salto colonial non desapareceron, como moito matizáronse. Isto choca cas ideas daqueles ilusos que simplemente pensan que por qué a túa rexión forme parte dun país “desarrollado/de centro” xa supón que será a panacea redistributiva, e que toda a poboación se beneficiará do espolio colonialista, ou que por formar parte da Unión Europea o progreso virá automaticamente en forma de investimento estratosférico. Estes esquecen esas redes de explotación desigual internas, que sobre todo en sistemas centralistas adoitan presentarse, mais non só desde a capital central (v. gr. Madrid) como moitos afirman. Polo tanto, isto apréciase en aspectos tan sinxelos como a dedicación ó sector primario ou ó secundario dunha rexión (no que o factor do valor engadido favorecerá ás primeiras en detrimento das segundas) ou noutro aínda máis simple como o sistema fiscal, favorecendo a rexións que aportan pouco e reciben moito do fisco “nacional”, tanto en forma de orzamentos como de infraestruturas. 

Polo tanto unha cuestión clave en todo este esquema é a competencia, xa que o feito de poder desenvolver a túa economía local antes permíteche ter as ferramentas para o aproveitamento doutras zonas menos desenvolvidas (pensemos por exemplo na iniciativa catalá na incipiente industria das conserveiras en Galicia). Pero non debemos entender isto como un proceso unicamente económico, aínda que teñamos unha concepción materialista do mundo, xa que logo do control económico derivaría o demográfico. Pensemos na emigración interna española, ca afluencia das zonas menos desenvolvidas cara os núcleos desenvolvidos. Mais estes emigrantes lonxe de ser aceptados como uns españois entre tantos, comezan a xurdir os prexuízos nacionalistas, que no fondo están escondendo unha cuestión de clase. Aparecen así os “beneficiados” polo nacionalismo e os prexudicados, que reclamarán tamén un discurso nacionalista. Isto supón que esta discusión se converta no conto de nunca acabar, xa que a cuestión en última instancia deriva da problemática económica que fai que a clase traballadora deba emigrar, atopándose cos seus irmáns de clase que os rexeitan por non nacer alí, non dándose conta de que os causantes de que estes teñan que emigrar foi a súa burguesía que se aproveitou e limitou o desenvolvemento das rexións “secundarias”. Isto a maior escala derivaría na cuestión colonialista, pero hai que pensar que a dominación colonial non é homoxénea, xa que existe un apoio a esta dominación das elites e doutos certos grupos sociais, senón sería imposible a dominación prolongada e efectiva. Deste xeito, orientando a discusión cara o terreo das “nacións”, pretendese reducir o problema a unha pugna entre dúas burguesías, diluíndose a cuestión de clase. 

Deste xeito atopámonos por un lado o cosmopolitismo liberal, que no fondo o que pretende é unha solidariedade de toda a clase capitalista para que a organización obreira sexa aínda máis difícil e irrealizable. E polo outro lado as teorías do choque civilizatorio de corte tradicionalista, que propugnan a urxencia de defender os valores nacionais, reforzando así ás burguesías nacionais, que ademais suman para a súa causa ós obreiros que rexeitan a teoría do cosmopolitismo, que atenta contra os seus valores identitarios (tanto cos innatos como cos impostos) e que por simple lóxica teñen unha vinculación moi forte co lugar no que viven, xa que a súa posibilidade tanto de aprender outros idiomas como de que os seus postos de traballo e os seus niveles de renda impídenlle poder flutuar a súa residencia e traballos internacionalmente. Deste xeito atopámonos cunha burguesía que defende uns valores simplemente consumistas e clasistas internacionais (en esencia occidentais) e outra rama da burguesía cun forte discurso de arraigo que na práctica non vai moito máis alá dunha pulseira ou unha camiseta, xa que no momento no que lle falan de axudar fiscalmente á redistribución para unha maior calidade de vida dos seus compatriotas saen voando con maletas cheas de billetes cara Suíza, Panamá ou Andorra.

Pero isto non é só aplicable a aqueles países que se libraron das súas cadeas coloniais pero aínda hoxe seguen dependendo da produción industrial occidental e seguen sumidos nunha economía de predominancia do sector primario. O caso español é bo exemplo destas redes internas marcadas polo “path dependence”, palpable sobre todo no sistema tributario. Deste xeito atopamos unha construción estatal na que non só Madrid é clave no proceso, senón que o Pais Vasco e Cataluña son axentes industriais e fiscais clave, que precisan tanto o capital humano da península, como a súa aportación tributaria para seguir desenvolvéndose. Deste xeito vemos como o proxecto do Galeusca non sería moito máis que un intento de crear unha contraposición de forzas ante a supremacía de Madrid, xa que na práctica non interesa un desenvolvemento real de Galicia que vaia moito máis alá do sector turístico, a viticultura ou o marisqueo, todos a prezos “competitivos”. Isto non pretende botarlle toda a culpa da situación do país ós nacionalismos periféricos, xa que por exemplo no Pais Vasco, a fábrica de etarras non é o adoutrinamento escolar ou social, senón o terrorismo de estado que se leva exercendo de forma periódica neste século. Pero debemos entender que tanto a burguesía vasca como a catalá son as máis interesadas en seguir no modelo estatal actual, xa que se benefician fiscalmente e a penas lle resta nada significativo, ademais de que así xerase un discurso unidireccional do que sacan rédito electoral e mediático. No caso galego queren que aspiremos a introducirnos nun novo sistema foral, pretendendo lucrarnos do suor dos que antes compartíamos bando (coas rexións “secundarias”), pero non debemos esquecer que as redes caciquís do sindicato de alcaldes que conforma o PP tamén utiliza un discurso “galleguista”, que non debemos dubidar que se transformaría en independentismo se estas elites non sacasen rédito das políticas do estado correspondentes a Galicia.

Viñeta de Castelao Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.