A deriva autoritaria de Rajoy

Na España desta fin do 2013, a seguranza cidadá na rúa, que constituíu un problema de discreto nivel de preocupación social hai uns vinte anos, non lle preocupa xa á cidadanía, agás manifestacións delictivas concretas como os roubos nas casas habitadas ou determinados secuestros express. Porén, o Goberno do Estado, consciente da súa total falla de creto e de auctoritas, vai tipificar a xeito de infraccións administrativas moi graves condutas perfectamente comprensíbeis nunha sociedade democrática avanzada, moito máis cando  son os Gobernos e Institucións os responsábeis do malestar social, do recorte dos servizos públicos e do empobrecemento colectivo.

Vai tipificar a xeito de infraccións administrativas moi graves condutas perfectamente comprensíbeis nunha sociedade democrática avanzada, moito máis cando son os Gobernos e Institucións os responsábeis do malestar social

A xogada está, ademais, maquiavelicamente estudada, pois que sanciona as infraccións administrativas graves da seguranza cidadá con multas de 1001 a 30.000 € e as moi graves con multas de 30.001 a 600.000 €. E estas infraccións serán obxecto de denuncia policial dotada de presunción de veracidade a respecto das condutas denunciadas. Malia confiarmos na profesionalidade democrática dunha moi ampla maioría dos policías, o certo é que a centralización das competencias (agás Catalunya e Euskadi) no Ministerio do Interior determinará que só os máis submisos ás autoridades políticas serán promovidos a cargos policiais, vencellándose a emisión de denuncias ao devengo dos complementos salariais de produtividade.

Esta centralización das competencias en Madrid determinará tamén que sexan os órganos centrais do Ministerio os que impoñan as sancións máis graves, o que  obrigará á cidadanía galega a recorrer perante os Tribunais contenciosos da Audiencia Nacional, que constitúe auténtica excepción ao principio constitucional de que nos xulguen os xuíces ordinarios legalmente predeterminados.

A interposición de recursos contencioso-administrativos contra as sancións administrativas do Ministerio do Interior obrigará aos recorrentes a aboar elevadas taxas e ao pagamento das custas procesuais no caso de perder o recurso

Alén diso, a interposición de recursos contencioso-administrativos contra as sancións administrativas do Ministerio do Interior obrigará aos recorrentes a aboar elevadas taxas  e ao pagamento das custas procesuais no caso de perder o recurso, o que vai ocorrer moitas veces pola complexidade, para os avogados da defensa, de propor proba a xeito para destruír a presunción de veracidade das denuncias policiais.  

Semella propio da Rusia de Putin. Pero vai ocorrer aquí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.