“Pasarán moitos anos ata que España volva a normalidade ….” (J. Stiglitz)
Coincidindo no esencial co mestre J. Stiglitz atrévome a ampliar o comentario anterior para afirmar que “pasarán moitos anos, décadas, ata que Galiza volva a normalidade”, tal é a desfeita que as políticas neoliberais fixeron, e seguen facendo –velaí a teima da Xunta de Galiza (PP) co teito do gasto- neste país.
Que o PIB galego presentara nos tres derradeiros anos (2014, 2015, 2016) valores positivos (+0,6%, +2,3%, +3,2%) a prezos correntes, estalle servindo ás elites dominantes (Xunta de Galicia) e os seus altofalantes para afirmar que Galiza superou o peor da crise, deixando atrás a grande recesión para entrar na senda do crecemento económico sostido.
É isto realmente certo?. Vexamos que nos din as principais variables macroeconómicas (www.ige.es), que non son outras que a demanda e a oferta agregadas, pero a prezos reais.
No lado da demanda o GASTO TOTAL (2016) segue manténdose claramente por baixo dos valores acadados antes de que estourara a crise financeira (2008): 89,2%, que supón 10,8 puntos menos. Un menor gasto total –demanda- que deriva dunhas menores achegas tanto no gasto público (88%) como no gasto privado (75%). Un menor gasto público que deriva das duras políticas de axuste fiscal e que arrastra consigo unha caída do gasto privado. Evidencia que desmonta, unha vez mais, un dos dogmas mais utilizados pola ideoloxía neoliberal para así xustificar as políticas de austeridade fiscal: a relación gasto público/gasto privado. Como é ben sabido o argumento neoliberal afirma que o gasto público despraza ao sector privado –efecto desprazamento- polo que debe reducirse o gasto público para que aquel medre e con el o investimento e o aforro. A realidade galega, como moitas outras, demostra a falsidade de tal argumento: os recortes no gasto público (-12%) arrastraron consigo ao gasto privado (-25%). E é que o argumento neoliberal parece esquecer a circularidade dos gastos e os ingresos: si unha administración pública gasta –como por caso a Xunta de Galicia- ese gasto beneficia ao sector privado galego que controla a oferta de bens e servizos. Elemental.
Seguindo coa análise da demanda global, a debilidade da mesma deriva da propia debilidade da demanda interna que segue sen recuperarse (85,8%: 14,2 puntos menos). Unha demanda interna que ten na achega do investimento privado un enorme lastre (46,7%: 53,3 puntos menos). Unha evidencia mais que desmonta outro dos dogmas de ideoloxía neoliberal: a relación entre o investimento privado, os salarios e os tipos de xuro. A pesares duns tipos de xuro moi baixos (0% e incluso valores negativos) e da brutal caída dos salarios reais (un 4% de media) o investimento privado non se recupera, cousa, por outra parte, lóxica. A recuperación do investimento privado depende en Galiza, como en outros países, da recuperación da demanda interna quen a súa vez depende da recuperación do consumo privado –salarios, pensións- e o gasto público. Si os axentes públicos e privados galegos non consumen as empresas galegas non venden e si estas non venden non invisten. Elemental bis.
Finalmente, e seguindo co gasto total, a demanda externa tampouco remata de recuperarse (94,1%: 5,9 puntos menos), tirando tamén por terra outro dos dogmas neoliberais: o da devaluación interna. A xustificación que se deu para a brutal baixa dos salarios en Galiza e en España era que así medraría a competitividade das respectivas economías e con elas as exportacións que serían quen de sacar a Galiza e a España da crise. Pois ben, como podemos comprobar iso non sucedeu: en Galiza as exportacións seguen por baixo do nivel anterior a crise (94,1%: 5,9 puntos menos) e si o saldo exterior mellorou foi tanto pola brutal caída das importacións (72,5%: 27,5 puntos menos) como do consumo interno (89%) que impiden a recuperación do gasto (89,2%). En definitiva a medida de baixalos salarios foi un rotundo fracaso tanto en Galiza, como en España, sendo en realidade unha escusa para facer medrar os beneficios empresarias (en Galiza as rendas do capital supoñen o 47% da riqueza nacional, cifra superior a dos salarios 43%, tendo medrado 2 puntos durante a recesión, sendo ademais Galiza unha das poucas comunidades en España na que a participación dos salarios na riqueza nacional e menor que a das rendas do capital).
Pola folla da OFERTA AGREGADA (2016) a produción total segue o camiño marcado pola demanda poñendo en evidencia que a debilidade desta arrastra consigo unha caída da produción. Unha caída que afecta a tódolos sectores produtivos pero con especial virulencia a construción (48,2%) quen fora o principal motor da fase expansiva anterior. O estoupido da burbulla inmobiliaria supuxo unha brutal contracción da actividade na construción que viña apoiándose case exclusivamente na vivenda privada. Unha contracción que non foi compensada coa recuperación dos outros sectores produtivos –o que sería unha aterraxe suave- senón que o sector servizos, por caso, que podería ter substituído como motor da economía (64% do VEB total) ao sector da construción segue manténdose en niveis por baixo dos resultados habidos na fase anterior (97,1%) a pesares do forte reponte do turismo. Unha evolución, a do sector servizos, que dada a situación dos demais sectores produtivos está determinando o comportamento xeral da economía galega. Unha circunstancia debida tanto a que o sector primario segue en caída libre (88,8%), arrastrado pola crise do sector gandeiro e o negativo comportamento diferencial dos prezos, como a que a industria moi castigada pola crise non remata de recuperarse definitivamente (82,9%) debido en grande parte a debilidade da demanda interna.
Por se estas evidencias non foran suficiente mostra das mentiras que nos contan sobre a recuperación da economía galega a real situación do mercado laboral ven a confirmar a tese de que Galiza está moi lonxe de recuperar a normalidade e que tardará moitos anos en facelo. Con moitos menos activos (94,7%) e empregos (87,8%) e, xa que logo, mais desempregados (158,3%: cifra que sería superior se non houbera a válvula da emigración). Unha realidade que, ademais, agocha situacións realmente dramáticas como que un 48% dos/as mozos/as galegos/as están en paro, un 44% de desempregados/as son de longa duración, mais de 68.000 familias teñen a todos os seus membros desempregados … etc. Con estas cifras, como se pode falar de recuperación?, dunha recuperación que ademais queren apoiar nunha precariedade laboral (o 33% dos novos empregos non chegan a unha semana coadxuvando a situar a taxa actual de temporalidade nun 26%) que fai medrar o número de “traballadores pobres” (mais de 25.000 traballadores galegos cobran por baixo do SMI). Non por casualidade o PIB por habitante, a pesares da perda de poboación, caeu en Galiza 9,5 puntos en termos reais.
As evidencias, unha vez mais, desmontan os argumentos políticos dos gobernantes galegos. Non, non se pode falar de que Galiza volvera á normalidade. Mais ben hai que falar dunha auténtica desfeita da que tardaremos moitos anos en recuperarnos como o conxunto dos españois.