Nos últimos tempos vivimos nun estado de excepción permanente. Inauguramos cada día coa inquedanza de saber que novas restricións terán preparadas o goberno e os mercados para afogar un pouco máis as nosas esperanzas no futuro. A crise financeira e as medidas adoptadas polos gobernantes están a producir un grave retroceso social e a perda de dereitos que parecían definitivamente consolidados. As regras do xogo, na política e na economía, están deseñadas pola tripla alianza do Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Europea.
O goberno do Partido Popular segue con fidelidade os ditados desta política ultraliberal que está a provocar a liquidación do estado de benestar, a laminación dos dereitos dos traballadores e o exterminio da clase media neste país. De seguir a este ritmo pronto chegaremos ao obxectivo que semellan perseguir: unha sociedade de castas onde unha clase dirixente detente o poder e a riqueza, mentres a maioría da poboación viviría nas marxes da pobreza, reducida á consideración de súbditos.
Non dan paus de cego, saben ben que lombos queren golpear. Tiñan unha axenda oculta que aplican con dilixencia
Juan José Millás dicía nun artigo que este goberno actúa como un polo sen cabeza e que vai dando paus de cego. Coido que erra no diagnóstico: os paus caen sempre do mesmo lado. A amnistía fiscal ofrecida ao crime organizado (para sanear o diñeiro negro da especulación, a trata de brancas e o comercio de drogas) é decidida polos mesmos que cargan contra a sanidade e a educación públicas, contra os pensionistas e os inmigrantes, aos que veñen de deixar sen cobertura sanitaria.
Non dan paus de cego, saben ben que lombos queren golpear. Tiñan unha axenda oculta que aplican con dilixencia. Na campaña electoral mentiron con descaro: agora están a facer o contrario do anunciado. De non producirse, no Estado e en Europa, unha reacción popular contra esta política destrutiva, retornaremos a tempos pretéritos, cunha sociedade dividida e con grandes tensións na convivencia cidadá.
Aos poucos días de conseguir o goberno de Madrid, Rajoy aprobou o maior recorte orzamentario da historia (16.400 millóns de euros) e unha grande subida dos impostos, conxelou os salarios e as pensións e freou en seco a Lei de dependencia
Aos poucos días de conseguir o goberno de Madrid, Rajoy aprobou o maior recorte orzamentario da historia (16.400 millóns de euros) e unha grande subida dos impostos, conxelou os salarios e as pensións e freou en seco a Lei de dependencia. Non foi dabondo: a primeiros de abril anuncia –mediante unha nota de prensa- un novo recorte (en sanidade e educación) de 10.000 millóns de euros e anuncia próximas privatizacións. Mentres, o ministro De Guindos propón abrir o debate sobre que as rendas máis altas paguen os servizos sanitarios (en realidade o que hai detrás deste enunciado é o aviso dunha sanidade dualizada: a beneficencia para os pobres e a sanidade privada para os poderosos).
A mediados de abril Rajoy anuncia, desde México, a posta en marcha do copagamento das medicinas. Aumenta a porcentaxe a pagar polas persoas en activo e impón un recargo aos pensionistas, que sempre tiveran a prestación farmacéutica gratuíta. Trátase dunha medida tremendamente inxusta, ademais de representar un auténtico fraude electoral, xa que o PP negou repetidamente a súa intención de implantar o copagamento. Vén ser un novo imposto sobre a enfermidade e a vellez; ser maior e estar enfermo, o que sucede a miúdo, vai ser castigado por este goberno sen que lles trema o pulso. Supón, ademais, unha devalación da renda dos pensionistas, e debemos lembrar que a contía media das pensións en Galicia non chega aos 700 euros mensuais.
Van seguir. Non van parar aquí. Coa crise como escusa van continuar nesta tarefa de liquidación dos servizos públicos para entregar espazos de negocio -na sanidade e na educación- aos seus amigos e colaboradores
Van seguir. Non van parar aquí. Coa crise como escusa van continuar nesta tarefa de liquidación dos servizos públicos para entregar espazos de negocio -na sanidade e na educación- aos seus amigos e colaboradores. O FMI, principal inspirador destas políticas, ven de descubrir un novo risco e arrastrará aos gobernos a adoptar novas medidas. Falan agora do risco da lonxevidade, e alertan de que “a prolongación da esperanza de vida provoca custos financeiros”.
Aconsellan os gobernos que adopten medidas para que o feito de vivir máis do agardado non produza riscos económicos. A institución dirixida por Christine Lagarde (quen aplaude con entusiasmo os recortes de Rajoy e reclama máis diñeiro para os bancos) afirma que as entidades que ofrecen pensións deben poder actuar con flexibilidade: “se non é posible incrementar as contribucións ou subir a idade de xubilación, posiblemente haberá que recortar as prestacións”.
Ata hai pouco era válida a mensaxe da OMS que propugnaba “engadir anos á vida e vida aos anos”. A lonxevidade, que debería ser celebrada como unha grande conquista, é agora catalogada como un perigo financeiro
Ata hai pouco era válida a mensaxe da OMS que propugnaba “engadir anos á vida e vida aos anos”. A lonxevidade, que debería ser celebrada como unha grande conquista, é agora catalogada como un perigo financeiro. Veñen propoñer que as persoas maiores traballen e coticen ata ben tarde, e despois teñen que morrer pronto, para que a vida post-laboral non signifique unha carga para os gobernos e as compañías aseguradoras. Hai uns anos ninguén se atrevería a dicir estas cousas en voz alta: agora o FMI elabora un documento, que pretende presentar como rigoroso, e emite un comunicado de prensa para divulgar as súas propostas. Tristes tempos estes en que as persoas de ben, que traballan toda a vida con decencia, pasan á ser considerados inimigos do sistema, que poñen en risco a estabilidade financeira.
Esta clase de xente é a que dirixe o mundo. Haberá que quitarlles das mans a vara de mando, ou as cousas non irán a mellor
Pero non debemos sorprendernos da categoría moral destes enunciados do FMI se lembramos o nome dos últimos dirixentes desta institución. Ata 2007 estivo dirixida por Rodrigo Rato (agora presidente de Bankia); daquela emitía informes favorables sobre a evolución da economía mundial, cando a crise estaba xa a producir os seus primeiros estragos. Sucedeuno Dominique Strauss-Kahn, aquel suxeito enfermo de priapismo, denunciado por un intento de violación por unha empregada dun hotel de Nova Iorque e que agora está imputado nun caso de proxenetismo e sinalado pola prensa amarela por participar en festas “libertinas”. Esta clase de xente é a que dirixe o mundo. Haberá que quitarlles das mans a vara de mando, ou as cousas non irán a mellor.