A cultura xoga un papel determinante na historia do noso país, e neste momento está a vivir con inquietude as contraccións para o nacemento de algo novo que ten un valor moito máis aló da política de partidos. Se non o damos feito o mundo da cultura ficará dividido, novamente, e non poderá ser útil socialmente.
Debido a unha dramática carencia de clases dirixentes, foi sempre xente da cultura desde o século XVIII, Sarmiento, e o XIX, Faraldo, Murguía, Rosalía…, quen imaxinou un país rexenerado e sacado do servilismo e do atraso. Foi coas Irmandades, coa República, na posguerra no interior…En boa medida estáo a ser agora outra volta. Porén, se se mantén a división entre as agrupacións políticas que din querer representar un proxecto político de cambio, e que din facelo desde aquí, impedirá que a cultura poda actuar como referencia social e elemento mobilizador. A división partidaria dividirá o mundo da cultura e, alén de impedirlle ser útil socialmente, nos sumirá no encono e nun retorno aos tempos dos peores sectarismos.
Cando foi do “Prestige” todo a xente achegou esforzos dun xeito irreprochábel e exemplar, cada quen desde onde estaba e co que sabía facer, non lembro disensión ningunha nunha mobilización que durou máis anos que meses. Ninguén ficou a marxe, ninguén dubidou, aínda sabendo os custes que podían chegar, e chegaron para moita xente arriscada e xenerosa. Os costes, era sabido, virían do poder reinante, que era o PP de Fraga e que, tras aquilo, rompeu totalmente todos os vínculos que conseguira tecer coa cultura. Na hemeroteca está a última entrevista concedida aquí antes de marchar de volta a Madrid, botoulle a culpa da súa derrota “aos intelectuais”, e precisou ben a quen se refería. A dereita española e a cultura, tanto ten española ou galega, case sempre se levaron mal.
Mais, para a xente da cultura, tamén importan os poderes pequenos ou grandes da esquerda e, na Galiza, do nacionalismo galego. Quen andou sempre fóra da liña dominante históricamente no nacionalismo galego, o BNG, padeceu as consecuencias; sabémolo quen fixemos e desfixemos Unidade Galega e o PSG-Esquerda Galega. Nos últimos anos, desaparecido ese camiño dunha outra esquerda nacional galega, invisíbel IU entre nós (e sendo pasado remoto aquel PCG que si fixo pola cultura galega) e inane política e culturalmente un PSOE que nunca chegou a PSdG, semellaba que a cultura galega tiña toda ela como referencia ao BNG. Mesmo, quen non compartiamos o seu proxecto político recoñeciamos que era a única forza que garantía a existencia dunha cultura propia.
É evidente que ese tempo rematou cando unha parte da organización rompeu co BNG hai un par de anos. Esa división organizativa tristemente trasladou o encono aos sectores a onde chegaba, tamén á cultura. Novamente volveron as arañeiras, as cautelas, as desconfianzas, os entendementos por debaixo, as cumplicidades…Non deberamos volver caer nunha situación na que primen as nosas pequenas e ubicuas miserias a repartir entre todos nós.
A principios do mes de Xuño tres amigos redactaron e penduraron na rede un chamado a unha candidatura unitaria, era un sentir que tamén compartían outras opinións, non é casualidade que ningún dos tres estivesen no BNG, nin en Amio nin tras Amio e non tivesen nada a ver con esas xenreiras. E non é casualidade que os tres fosen xubilados ou prexubilados, xente amortizada e que non contaba con ter moito futuro xa nin carreira ningunha e non tivesen preocupación polas consecuencias que lles podía traer.
Aquel chamado recibiu unha resposta entusiasta de moita xente sen prexuízos e simplemente con boa vontade, mais xa entón se percibiu que non había ser atendido coa unanimidade que parecía lóxica, xa entón percibíronse reservas. E cando, de seguido, se lanzou o chamamento para un 25 de Xullo distinto e dirixido á cidadanía, desde dentro do proceso percibiuse que tropezabamos cunha división de fondo que non tiña unha soldadura doada. Aquela convocatoria foi un éxito vista desde fóra, verdadeiramente ilusionante para moita xente, porén desde dentro sabiamos que non fora realmente un éxito.
A situación xa era evidente, a división entre organizacións que non podía ser superada máxicamente tamén alcanzaba ao mundo da cultura. Polo si ou polo non, non todo o mundo quixera asinar aquel chamado a unha celebración unitaria. Había quen dubidaba, quen tiña reparos, quen desconfiaba, quen disentía…, a división xa era evidente, estabamos divididos. Até hoxe, o que temos diante.
Se se frustra o proceso para crear unha candidatura nacional galega, é dicir o inicio dun proceso de alcance histórico, a construción dunha alternativa política ampla, a cultura ficará partida. Culparémonos uns a outras, acusarémonos disto ou daquilo…O que hai que saber é que a frustración dese proceso terá un saldo de perdas: non só o que perdemos de gañar a cidadanía deste país, tamén unha división agudizada na que imos ficar sumidos. Tamén no mundo da cultura haberá unha guerra civil fría, ou quente, o incivismo anovado e a autodestrución perpetuada.
A división do que debera ir xunto nun esforzo común é un prezo alto de máis que este país non pode seguir a pagar. Tampouco a xente da cultura debiamos aceptalo ou calar, tamén nós debemos crear un espazo nacional galego, coa nosa diversidade. E co noso sentido cívico último tamén.